DOMINGO 32 DO TEMPO ORDINARIO C



Primeira Lectura     2 Mac 7, 1-2. 9-14
O rei do mundo hanos resucitar para unha vida eterna
LECTURA DO LIBRO SEGUNDO DOS MACABEOS


            Naqueles días, aconteceu que meteron na cadea a sete irmáns e a súa nai, e o rei mandou que os azoutasen con trallas e vergas para facer que, en contra do que era lexítimo, comesen carne de porco.

            Un deles, o primeiro, falou no nome de todos, e dixo:
            ‑ Que máis vas preguntar? Que outra cousa queres saber de nós? Estamos dispostos a morrer antes que quebrantar as leis dos nosos maiores.

            O segundo, cando xa estaba nas últimas, dixo:
            ‑ Ti, criminal, quítasnos a vida presente, pero o rei do universo hanos resucitar para unha vida eterna a cantos morremos pola súa Lei.

            Despois deron en meterse co terceiro. Mandáronlle botar fóra a lingua e fíxoo de contado; estendeu as mans todo decidido e dixo con valentía:
            ‑ De Deus recibín estes membros, e pola súa Lei os entrego; espero recibilos del novamente.

            O rei e os que estaban xunto del quedaron abraiados polo valor do rapaz, que non tiña medo aos tormentos.

            Cando este morreu, torturaron o cuarto de xeito semellante; e cando estaba xa para morrer, dixo:
            ‑ Paga a pena que os homes maten a un, cando se espera que Deus nos vai resucitar. Pero ti non has resucitar para a vida.



                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus





SALMO RESPONSORIAL     Sal 16, 1. 5-6. 8b e 15
R/.  (15b):  Ao espertar, saciareime da túa presenza, Señor.



Entende, Señor, a causa xusta,

atende ao meu clamor;

escoita a miña pregaria

de labios sen engano.



Guía polas túas pisadas os meus pasos,

para que non tremelen os meus pés.

Eu chamo por ti, meu Deus, respóndeme;

inclínate cara a min, escoita a miña voz.



Escóndeme á sombra das túas ás.

Mais eu, pola miña inocencia,

contemplarei o teu rostro;

ó espertar, saciareime da túa presenza.





Segunda Lectura     2 Tes 2, 16 -- 3, 5
Deus vos confirme en toda palabra e obra boa
LECTURA DA SEGUNDA CARTA DO APÓSTOLO S. PAULO AOS TESALONICENSES

            Irmáns:

            O mesmo Señor noso Xesús Cristo e mais Deus, o noso Pai, que nos amou e que nos deu gratuitamente azos duradeiros e boa esperanza, vos conforte e vos afinque en toda obra e palabra boa.

            Polo demais, irmáns, rogade por nós, para que a mensaxe do Señor se difunda e se acolla con honor como pasou entre vós, e deste xeito nos vexamos libres da xente descamiñada e perversa: pois a fe non a teñen todos. Pero o Señor é fiel e afincaravos e protexeravos do Ruín.

            Tocante a vós, fiámonos no Señor de que estades facendo e de que continuaredes a facer canto vos temos mandado.

            Que o Señor encamiñe os vosos corazóns ao amor de Deus e á paciente espera do Cristo.



                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus





ALELUIA    Ap 1, 5a. 6b
Se non se canta, pódese omitir


Aleluia, aleluia.

Xesús Cristo é primoxénito dos mortos;

a El a gloria e o poder por sempre eternamente.

Aleluia.


Evanxeo     Lc 20, 27-38 (longa)
Deus non é Deus de mortos, senón de vivos
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS


            Naquel tempo, chegaron algúns saduceos ‑eses que negan que haxa resurrección ‑ e preguntáronlle a Xesús:         
            ‑ Mestre, Moisés deixou escrito: "Se lle morre a alguén o seu irmán sen deixar fillos, que case coa viúva de seu irmán, para lle dar descendencia".  Pois dunha vez había sete irmáns. O primeiro casou, e morreu sen fillos. Despois casou con ela o segundo; e logo o terceiro; e así os sete foron casando coa viúva, morrendo tamén sen deixar fillos. Ao cabo, morreu tamén a muller. Ora, cando resuciten, de cal deles vai ser a muller, se estivo casada cos sete?

            Xesús contestoulles:
            ‑ Neste mundo os homes e mais as mulleres casan entre eles. Pero os que sexan dignos da vida futura e da resurrección de entre os mortos, non casarán nin eles nin elas, pois non poden morrer. Son coma anxos, e son fillos de Deus por naceren na resurrección.

            E que resucitan os mortos, ben o deixou indicado Moisés, cando dixo do Señor, no episodio da silveira: O Deus de Abrahán, o Deus de Isaac e o Deus de Xacob.  E Deus non é un Deus de mortos, senón de vivos, para El todos están vivos.



        Palabra do Señor                             R/. Loámoste, Cristo           



______________________________________________________________________



Ou:  27. 34-38 (máis breve)
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS


            Naquel tempo, chegaron algúns saduceos ‑eses que negan que haxa resurrección ‑ e interrogaron a Xesús.

            Xesús contestoulles:
            ‑ Neste mundo os homes e mais as mulleres casan entre eles. Pero os que sexan dignos da vida futura e da resurrección de entre os mortos, non casarán nin eles nin elas, pois non poden morrer. Son coma anxos, e son fillos de Deus por naceren na resurrección.

            E que resucitan os mortos, ben o deixou indicado Moisés, cando dixo do Señor, no episodio da silveira: O Deus de Abrahán, o Deus de Isaac e o Deus de Xacob.  E Deus non é un Deus de mortos, senón de vivos, para El todos están vivos.

         Palabra do Señor                             R/. Loámoste,

Comentarios

Publicacións populares