FICHA E LECTIO: Domingo 33 do Tpo.Ordinario C
DEBUXOS DE: http://elrincondelasmelli.blogspot.com/
LECTIO:
Traballo
creador
(17 novembro 2019)
As
palabras de Paulo na súa segunda carta ós Tesalonicenses (que imos hoxe
comentar brevemente) son unha loa do “traballo”, da necesidade de activar e
realizar na vida normal as calidades e os dons que cada un de nós poidamos ter
ó servizo da vinda a nós do reino de Deus. Todo isto ten que ver con aquela
petición que Xesús nos aprendeu a dirixir ó noso Pai do ceo: “Veña a nós o teu
reino”. Tamén con aquela parábola tan coñecida do evanxeo que ten como cerna
fundamental a de facer frutificar nas nosas vidas os talentos, poucos ou
moitos, que cada quen teñamos recibido de Deus.
Pois ben, Paulo ponse a si
mesmo como exemplo, ante os destinatarios da súa carta, de que ninguén debería
dispensarse a si mesmo de traballar, se é que quere vivir e comer o seu pan sen
remordementos. Por máis que por outros títulos, como o de ser mensaxeiro e
comunicador da boa nova de Xesús ante pobos e xentes, podería dalgunha maneira
considerarse Paulo dispensado da común e xeral tarefa do traballo. Mais non.
Dinos el mesmo que traballa esforzadamente noite e día para non ser carga para
ninguén. Tendo en conta, como digo, que Paulo estaba ó tempo a realizar un
grande esforzo persoal na tarefa do anuncio do evanxeo a persoas e comunidades.
Hai tamén na carta de Paulo
unha crítica en liña coa que adoitamos dirixir contra aqueles que -como
adoitamos dicir- nin fan nin deixan facer. Tampouco Paulo ve con bos ollos os
que, tal como di, “por riba de non traballaren nada, se entremeten nas cousas
dos demais”. Se na oración do “Noso Pai” lle pedimos a Deus Pai que nos dea “o
noso pan de cada día”, iso quere dicir tamén que “cada día” teremos que
traballar tamén para que o pan non chegue á nosa boca sen o noso traballo.
Paulo é ben claro: “o que non queira traballar, que tampouco coma”.
A expresión “cada día” ten a
súa importancia. O que Paulo quere é que vivamos intensamente o tempo presente,
traballando e actuando para non sermos indignos do pan que cada día necesitamos
e que doutro xeito llelo roubariamos dalgunha maneira a cantos o merecen e
precisan máis ca nós. Paulo rexeita neste sentido dedicármonos a simples
divagacións sobre o futuro, un tempo que está lonxe do aquí e agora e que polo
tanto non está nas nosas mans. Descoidamos así a obriga de realizarmos na nosa
vida a parte do traballo que nos toca facer, segundo as forzas e posibilidades
de cadaquén.
Agora
ben, o traballo propio é para Paulo unha actividade que está en relación
directa co ben dos demais, coa xustiza. Pois quen non traballa vive e come en
realidade, aínda que non o crea, a custa dos demais. Aprovéitase de feito,
directa ou indirectamente, do traballo dos outros. Paulo dío sen contemplacións
na súa carta: “O que non queira
traballar, que tampouco coma”. É preciso “traballar con acougo para comer o propio pan”.
Esta
é a maneira de completarmos no mundo a obra que Deus comezou e da que el quere
que sexamos continuadores. O Deus “creador” fíxonos a nós, en canto creados á
imaxe e semellanza del, en certo modo tamén “creadores”. De xeito que podemos
dicir con verdade que fomos “creados”, mais tamén que somos “co-creadores”.
As
cousas e as persoas que Deus creou e continúa a soster na súa existencia foron,
polo tanto, feitas de tal maneira que precisan completarse a si mesmas co
traballo, coa dedicación e co agarimo de todos. Por iso tampouco nacemos
totalmente feitos, adultos, acabados, senón cativos e necesitados da axuda e do
colo quente de pais e nais ou de calquera que nos queira aloumiñar.
Quizais
esteades, porén, a pensar que, polo menos nos tempos ben aireados e comentados
de crise económica global, o problema non consiste tanto -tal como á primeira
vista semella desprenderse da carta de Paulo- en que a xente “non queira
traballar”, senón en que moitos non poden traballar, non atopan traballo aínda
que o buscan. Así, non son poucos os que se ven na obriga de buscalo lonxe da
súa terra, da súa familia ou do seu propio ámbito cultural. Emigrantes foron
moitos da nosa terra en tempos pasados e volven selo non poucos de novo agora.
Se o porto de Vigo, ben achegado a nós, presenciou mudo e impotente en tempos
pasados moitas e dolorosas despedidas, hoxe –é verdade- fanse estas despedidas
de maneira máis discreta e menos notoria ou pública en outros e diversos
lugares; mais continúan a ser ben reais, aínda que non sexan normalmente tan
tráxicas e crueis coma noutros tempos.
De
tódolos xeitos, coido que Paulo segue aínda a ter razón hoxe en día. Porque,
segundo as análises dos entendidos, moito da crise actual semella ter en boa
parte a súa orixe en xentes poderosas que utilizan o diñeiro que co seu honrado
traballo adquiriron outros, co fin de acadar para elas desproporcionados
beneficios. E, se iso fose así, segue a ser actual para eles a sentencia de
Paulo: “O que non queira traballar, que
tampouco coma”. Porque hai que recoñecer que o que tales xentes están a
facer non é “traballar”, senón xogar de maneira inxusta e irresponsábel co que
é propiedade doutros.
Pois
ben, se somos fillos dun mesmo Pai -tal como recitamos conxuntamente no “Noso
Pai que estás no ceo”-, teremos que nos axudar uns a outros, consumindo menos e
vivindo con sobriedade, para podermos así ter todos unha vida digna. Deberiamos
tamén ocuparnos -individual, social e politicamente- de que a xustiza e a
igualdade reinen no mundo enteiro, comezando polo pequeno mundo onde, aquí e
agora, vivimos. Unha xustiza que non debería limitarse ás persoas, senón
abranguer a creación toda, que deberiamos respectar e protexer como algo que foi
confiado á nosa responsabilidade.
Só
quero engadir finalmente que tanto a loanza que fai Paulo do “traballo” como a
necesidade de “orar” sempre, da que tantas veces se nos fala no evanxeo, están
ben sintetizadas no coñecido lema dos monxes bieitos: “Ora et labora” (“reza e
traballa”).
Loitemos, traballemos e oremos, pois,
para que cada persoa poida acceder a un traballo digno e así poidamos todos converter
en realidade aquilo que pregamos na nosa oración do “Noso Pai”: “Dános hoxe o
noso pan de cada día”.
Dáse
ademais a circunstancia de que neste domingo estamos a celebrar a “Xornada
Mundial dos Pobres”, que o papa Francisco botou a andar hai só un par de anos.
E sabemos ben que moitos son pobres xustamente por non dispoñeren de
posibilidades de traballo. Preocupémonos hoxe, pois, –como Igrexa e como
cristiáns- de maneira especial por eles tendo presente aquilo que nalgún
momento dixo o papa Francisco: “Cómo me gustaría unha Igrexa pobre e para os
pobres!”.
Manuel
Cabada Castro
https://www.gruposdejesus.com/33-tempo-ordinario-c-lc-215-19/
Comentarios
Publicar un comentario