FICHA E LECTIO: Domingo 5 de Coresma A
FICHAS ANTERIORES:
DEBUXOS DE: http://elrincondelasmelli.blogspot.com/
LECTIO:
O
porqué de vivirmos sempre
(29
de marzo de 2020)
Xa
no próximo domingo, que é o Domingo de Ramos, entramos na Semana Santa. E
parece que a liturxia ten présa para nos anunciar xa agora o que vai vir
despois da aceda treboada da Paixón de Xesús. Para nos dicir que sempre hai –sempre-
detrás de todo e pese a todo, Resurrección.
O
evanxeo, é dicir, a boa e alegre noticia da resurrección de Lázaro é un anuncio
anticipado da propia resurrección de Xesús e, consecuentemente, tamén da nosa
propia resurrección. Un anuncio que os cristiáns deberiamos proclamar ós catro
ventos con tódalas nosas forzas, alicerzados na graza que nos vén do Espírito
de Deus.
O
relato da resurrección de Lázaro é realmente impresionante por moitas veces que
un o lea ou escoite. Mais é, sobre todo unha maneira de facérsenos comprensíbel
o porqué da Resurrección de Xesús e o
porqué tamén da nosa.
Se
o pensamos ben, a resurrección de Lázaro é moi diferente da resurrección de
Xesús ou da futura nosa. Por que? Porque Xesús resucita Lázaro para unha vida
que será ou sería máis ou menos coma a que tivera antes. Xesús resucita aquí Lázaro
para unha vida aínda mortal, pois o Lázaro resucitado por Xesús morrería aínda.
A
resurrección de Lázaro é así só unha pequena mostra do que será a verdadeira
resurrección definitiva e para sempre. O máis importante do relato é o que nel
se deixa entender e que no fondo se nos anuncia con claridade. Xesús vén
falarnos nel de quen é El de verdade, cal é o seu poder e o seu amor.
Adoito
comentar, co gallo de misas de defuntos ou nos cabodanos, que se se xuntan e
suman estas tres “cantidades” (para dicilo dalgunha maneira), que son Deus e mailo seu poder e o seu amor, entón
o resultado desta suma é igual a: resurrección.
Así,
pois, en relación con esas tres cousas (Deus, poder e amor), sobre o poder de Deus non fai falla falar moito.
Nós cremos que El é o creador de todo canto existe, sen que antes houbese
absolutamente nada, ningún material, que lle puidese axudar ou valer para servirse
del e facelo. Así o confesamos sempre ó principio do “Credo” na eucaristía:
“Cremos nun só Deus, Pai todopoderoso, creador do ceo e maila terra”. Ese poder
infinito de Deus é o que se manifesta dalgunha maneira no seu Fillo, cando no
texto de Xoán se nos di que Xesús, ante a sepultura de Lázaro, “berrou con voz
forte: Lázaro, ven para fóra!”. Con voz forte, poderosa, de quen sabe que
ninguén, nada, pode escapar á súa forza, á súa omnipotencia.
No
que se refire ó amor de Deus para
connosco, tampouco precisamos estendernos moito. Deus quérenos de verdade, infinitamente máis do que podemos amar nós unha
persoa neste mundo. Xesús falaba continuamente do seu Pai Deus como Pai tamén
noso. Deus-Pai quérenos polo tanto verdadeiramente coma fillos seus, coma
irmáns do seu “Fillo predilecto”. Xesús é, pola súa parte, o noso irmán maior.
Quérenos, polo tanto, verdadeiramente como se queren os irmáns dunha mesma
familia. Son moitas as pasaxes no Evanxeo nas que se nos fala deste amor
inmenso, infinitamente delicado,
paciente e constante que Deus-Pai e o seu Fillo Xesús nos teñen.
Agora
ben, adoito aludir tamén ó que dicía o escritor e filósofo francés Gabriel
Marcel. Comentaba el unha vez o seguinte, que a min me gusta moito e por iso tamén
me comprace lembrárllelo a outros: “amar
unha persoa é dicirlle ‘ti, ti non morrerás endexamais’”. Isto sabémolo
ben nós. Cando de verdade queremos unha persoa (o noso pai, nai, esposa,
esposo, filla, fillo, noivo, noiva, etc.), fáisenos dificilmente aturábel, case
impensábel, que esa persoa poida morrer, que vaia morrer. Amar leva consigo,
pois, que a persoa querida sexa considerada por nós en certo modo como
inmortal, como alguén que non pode morrer, que non debería morrer. E se, a
pesar de todo ou polo que fose, morrese e nós tivésemos o poder para lle
devolver a vida, fariámolo de contado. Resucitámolo e punto.
Lembremos
agora o texto da resurrección de Lázaro. Que ocorre alí? A familia de Lázaro é
unha familia especialmente querida por Xesús. Xesús, pola súa parte, é moi
querido e aceptado tamén polos membros desta familia. Onda a sepultura de
Lázaro atópanse, pois, Lázaro, que leva varios días morto, as súas dúas irmás,
Xesús e maila xente que os acompañaba. Mais Xesús é o verdadeiro centro do que
alí ocorre. Nel habita toda a divindade do Pai, todo o seu poder e todo o seu
amor.
Realicemos
agora a operación da suma (é unha maneira de falar) que os rapaces aprenden
doadamente na casa ou no cole. Temos os tres sumandos: Deus, poder e amor. O
resultado desta suma é a resurrección de Lázaro. Se “amar” é, con razón, segundo
Gabriel Marcel, “dicirlle a un: ti non morrerás nunca”, isto convértese
necesariamente en resurrección.
Como
Deus é Deus e, polo tanto, ama e pode infinitamente, por iso fainos, faranos,
vivir para sempre, máis alá do que fixo con Lázaro. O ocorrido con Lázaro foi
só un sinal para nós, para o que ocorrerá para sempre despois da nosa morte. ¿Como
vai permitir Deus que morramos para sempre aqueles que El de verdade quere,
tendo poder como ten para nos dar vida, e para sempre?
Se
vos decatastes do que se di no relato evanxélico, o amor de Xesús a Lázaro é
algo que está alí presente á maneira dunha música de fondo. As irmás mándanlle
con tempo o recado a Xesús: “Señor, mira, o que amas está enfermo”. E Xoán engade aínda: “Xesús queríalles moito a Marta, á irmá dela e
mais a Lázaro”. Xesús mesmo comunícalles ós apóstolos: “Lázaro, o noso amigo, dorme”. Dísenos tamén que
Xesús “se botou a chorar” ante a súa sepultura. A xente que estaba alí
interpretou correctamente as bágoas de Xesús como un sinal do moito que o
quería. “¡Hai que ver como o quería!”, comentaban os xudeus.
Agora
podemos entender ben como cando se xuntan o poder de Deus e o seu amor a nós o
resultado é a incríbel nova da nosa Resurrección, moito máis marabillosa e
grandiosa que a ocorrida con Lázaro.
Manuel Cabada Castro
VER TAMÉN:
https://www.gruposdejesus.com/5-coresma-a-xoan-111-45/
CATEQUESIS DE GALICIA:
Comentarios
Publicar un comentario