Parabéns, Papis!!
Día do Pai (anteriores)
Benquerido
Xosé
(19
marzo 2020)
Na
humanidade de Xesús está presente a divindade de Deus Pai, que nel se nos
manifesta. É realmente un indicíbel misterio ese amosarse plenamente Deus a nós
na humanidade, plena tamén, dun neno humano, Xesús, fillo de Xosé e de María.
Os seus pais son un matrimonio humilde e traballador. Unha familia que tiña que
vivir ó día do seu traballo. Como tantas familias de hoxe en día en tantos
países. Nin sequera tiveran suficiente categoría social como para atoparen un
lugar máis axeitado para o nacemento do seu fillo ca unha corte na que se
recollía o gando.
Hoxe
celebramos a festividade do responsábel directo, legal, rebordante de agarimo,
desta chamada “Sagrada Familia”. Xosé convértese así nunha figura entrañable
como esposo de María e pai de Xesús. É comprensible que, dada a grandeza e
sacralidade desta familia, tendamos a idealizala e convertela en algo diferente
do que sería na súa realidade concreta. A familia María-Xosé-Xesús sería unha
familiar normal da súa clase, do seu entorno aldeán e traballador. Iso si.
Temos tamén pleno dereito a pensalos e imaxinalos como relixiosos e piadosos,
moi unidos entre si e moi atentos e servizais cos seus parentes e veciños.
En
realidade, o evanxeo de hoxe tampouco nos agacha que existiron tamén nesta
familia determinados conflitos, aínda que se resolvesen sempre con comprensión
e amor. Que, por exemplo, despois dun día de festa tan sinalada, como o que
celebraran en Xerusalén con parentes e veciños, lles pasase o que lles pasou co
rapaz Xesús, entón de doce anos, tivo que provocar, tal como se nos conta hoxe,
gran dor e desconcerto nos seus pais. O relato dá a entender tamén que os pais
lle concedían suficiente liberdade ó seu fillo para que puidese quedarse en
Xerusalén sen que nin os pais nin os outros parentes se decatasen.
A
festividade de hoxe convídanos a meditar un chisco nesta misteriosa relación de
Xesús cos seus pais e consigo mesmo. Xesús vaise facendo, co percorrer dos
anos, cada vez máis el mesmo, ó tempo que os seus pais van aprendendo tamén
pouco a pouco que a súa paternidade ten que ir axudando a que nos seus fillos
se vaia creando espazo para outro tipo de paternidade e para outra maneira de
seren libres e responsábeis, máis alá do estreito círculo da familia en que naceron.
Fronte
á moi xusta e comprensíbel preocupación dos pais polos seus fillos, o
adolescente Xesús intenta darlles a entender a Xosé e a María, sen que eles
logren entendelo completamente, que el –tal como lles di- “ten que estar na
casa de seu Pai”.
Non
deberiamos pensar que isto de “estar ca casa de seu Pai” é un asunto típico e
exclusivo de Xesús para amosársenos así como Fillo único e “benquerido” do seu
Pai Deus. Nós, cada un de nós, somos tamén fillos, aínda que a un nivel
distinto do de Xesús, somos fillos –digo- deste mesmo Deus Pai pola graza e
amor que El nos ten a todos.
Isto
quere dicir que todos deberiamos tomar conciencia de que estamos chamados, á
maneira do propio Xesús, a ir acadando na vida diversos e sucesivos modos de
sermos fillos. Nacemos todos nun momento dado e pertencemos, en canto fillos
deles, a uns pais moi concretos. Este tipo de nacemento supón naturalmente unha
grande alegría para os pais. Pero nada máis nacermos, empeza outro tipo de
embarazo en relación co fillo ou filla que acaba de nacer. O novo fillo precisa
agora ir xestándose de novo, unha vez máis, no interior da súa familia e do
grupo concreto onde vive ata acadar autonomía e converterse así nunha persoa
responsábel. Ten que aprender unhas maneiras concretas de se comportar, unha
lingua na que entenderse cos demais e moitas outras cousas máis. É dicir, ten
que nacer de novo. Ten que realizar outro nacemento máis alá do normal. Algúns
chámanlle a este tipo de nacemento un “segundo nacemento”, “nacemento cultural”
ou “nacemento espiritual” (como xa o chamaba San Tomé de Aquino no século
XIII).
Pero,
máis alá deste segundo nacemento, hai aínda outro nacemento, ó que sería bo
chamalo un terceiro nacemento. Neste sentido, poderiamos dicir que o
adolescente Xesús lles está informando ós seus pais, Xosé e María, deste seu
terceiro nacemento, cando lles di: “¿Non sabiades que eu teño que estar na casa
do meu Pai?”.
Hai
ou pode haber xente que non chegou aínda a este terceiro tipo de nacemento.
Temos que aprender a nacer por terceira vez. Temos que facer esa grande e feliz
experiencia, pola fe e pola graza de Deus, de sentírmonos verdadeiros fillos,
en compaña do noso irmán maior Xesús, verdadeiros fillos –digo- do noso común
Pai Deus. Naceriamos así por terceira vez.
E
para que vexades que non vos estou a dicir cousas raras ou estrañas con isto do
terceiro nacemento, fágovos lembranza do impresionante diálogo que ten Xesús
con aquel maxistrado dos xudeus, chamado Nicodemo. Este Nicodemo é o mesmo que
despois da morte de Xesús axudou a Xosé de Arimatea a darlle sepultura a Xesús.
Ben. Nicodemo quería instruírse sobre a nova
mensaxe de Xesús e veu de noite a falar con el. O diálogo, segundo nolo refire
o evanxeo de Xoán (3, 3-8), é o seguinte: “Xesús díxolle: - Con toda verdade
cho aseguro: como un non naza de novo, non pode ver o reino de Deus.
Replicoulle Nicodemo: - ¿Como pode un home nacer sendo vello? ¿Pode entrar
outra vez no seo da nai e nacer?. Respondeulle Xesús: - Con toda verdade cho
aseguro: como un non renaza pola auga e o Espírito, non pode entrar no reino de
Deus. O que naceu na carne, é carne, e o que nace do Espírito, é espírito. Non
che estrañe que eu che dixese: ‘é necesario que vós nazades de novo’”.
Teñamos
azos, pois para nacermos de novo. Do
mesmo xeito que Xesús foi realizando tamén, pouco a pouco, coa axuda dos seus
pais Xosé e María, este seu terceiro nacemento. Un terceiro nacemento que se
realizou con éxito total. Por iso o seu Pai Deus, “que está no ceo”, poderá
dicir sobre el: “Este é o meu Fillo benquerido, no que teño a miña
compracencia”.
A grandeza de Xosé é que axudou, coa súa dona
María, a que se realizase este novo e terceiro nacemento de Xesús. Deixando que
o seu fillo Xesús vivise plenamente como fillo do seu pai Deus, aínda que iso a
eles lles custase entendelo. Pero desa maneira Xosé e María aprenderon eles
mesmos tamén a seren verdadeiros fillos do noso común Pai Deus “que está nos
ceos”.
Fermosa
e grandiosa tarefa á que estamos todos chamados a realizar nas nosas vidas coa
axuda do noso Pai Deus.
Manuel Cabada Castro
Comentarios
Publicar un comentario