Día do Traballo - 1 de maio 2024

 

Manifesto de ITD para o Primeiro de Maio

www.iglesiaporeltrabajodecente.org


Coidamos o traballo para coidar as persoas

 

O 1 de maio de 2024, conmemoramos o Día Internacional dos traballadores e as traballadoras e a festividade de san Xosé Obreiro. Neste día, queremos poñer a mirada na necesidade de cultivar o coidado no mundo laboral para mellorar a realidade das persoas.

 

Na nosa sociedade non é fácil a conciliación da vida persoal e laboral, harmonizar as necesidades  persoais e familiares co traballo. Algúns  empregos  conlevan esixencias de tempo e dedicación que dan lugar a conflitos persoais, familiares e  sociais.  O tempo que investimos no traballo supón entre o 40-50% do noso día, só tendo en conta unha xornada  laboral de 8 horas diarias máis o desprazamento que se debe facer para chegar ao traballo. En moitas ocasións, esta porcentaxe pode verse incrementada porque non se cumpre coa desconexión dixital, que fai que se interrompa o noso descanso, provocando estrés e preocupacións.

 

A carencia dun bo coidado do traballo ten como consecuencia o estrés, a ansiedade e a depresión, problemas cada vez máis comúns que afectan a  gran  parte  da poboación. A saúde laboral non só implica evitar os accidentes  ou as enfermidades que poidan afectar o ser humano no ámbito do traballo, senón tamén garantir o benestar das persoas ao desenvolver a súa profesión. Polo  tanto,  abarca  a estabilidade psicolóxica e emocional das persoas traballadoras.

 

Queremos lembrar as palabras do papa Francisco, na mensaxe no Cumio Mundial do Traballo da OIT (2021) “se o traballo é unha relación, entón ten que incorporar a dimensión do coidado, porque ningunha relación pode sobrevivir sen coidado. Aquí non nos referimos ao traballo de coidados: a pandemia lémbranos a súa importancia fundamental, que quizá desatendésemos. O coidado vai máis aló, debe ser unha dimensión de todo traballo. Un traballo que non coida, que destrúe a creación, que pon en perigo a supervivencia das xeracións futuras, non é respectuoso coa dignidade dos traballadores e non pode considerarse decente. Pola contra, un traballo que coida, contribúe á restauración da plena dignidade humana, contribuirá a asegurar un futuro sostible ás xeracións futuras. E nesta dimensión do coidado entran, en primeiro lugar, os traballadores”.

 

Desde a iniciativa Igrexa polo Traballo Decente (ITD) reclamamos un maior compromiso en favorecer o coidado das persoas traballadoras, promovendo políticas que permitan unha conciliación real. Neste sentido, apostamos  decididamente  por que o diálogo social avance na redución do tempo de traballo.  Reclamamos tamén, que a saúde laboral sexa un dereito fundamental para todas as persoas e sexa prioritario en calquera contorna. Hai un gran número de  traballadores  e traballadoras que sofren condicións laborais precarias que poñen en perigo o seu benestar físico e mental. É hora de alzar a voz e reivindicar que a saúde das persoas non se vexa comprometida en aras do beneficio económico.

 



Comentarios

Publicacións populares