LECTURAS DA MISA EN GALEGO - Domingo 21 Tpo.Ordinario (21/07/11)
DOMINGO XXI ORDINARIO - CICLO A
Primeira Lectura Is 22, 19-23
LECTURA DO LIBRO DO PROFETA ISAÍAS
Porei a chave da casa de David sobre o seu ombreiro
Así fala o Señor a Sobne, responsable do templo:
Chimpareite do teu posto empoleirado,
botareite abaixo do teu pedestal.
Sucederá no día aquel, que chamarei polo meu servo, Eliaquim, fillo de Hilquías.
Farei que vista a túa túnica, e fortalecereino co teu cinguideiro
e porei na súa man o teu posto de mando:
será un pai para os habitantes de Xerusalén e para a casa de Xudá.
Porei a chave da casa de David sobre o seu ombreiro:
abrirá, e non haberá quen feche; e fechará, e non haberá quen abra.
Cravarei a caravilla da súa tenda nun lugar seguro,
e será trono de gloria para a casa de seu pai.
Palabra do Señor
R/. Grazas a Deus
SALMO RESPONSORIAL Sal 137, 1-2a. 2bc-3. 6 e 8bc
R/. (8bc): A túa misericordia, Señor, é para sempre;
non abandones a obra das túas mans.
Douche grazas, Señor, de todo corazón,
hei cantar para ti diante dos anxos.
Hei prostrarme cara ao teu santo templo.
Dou grazas ao teu nome
pola túa misericordia e a túa fidelidade,
Porque a túa promesa
é máis grande cá túa sona.
Cando te chamo, respóndesme
e acrecentas as miñas forzas.
O Señor é excelso,
e pon os seus ollos no humilde,
e coñece de lonxe o soberbio.
A túa misericordia, Señor, é para sempre,
non abandones a obra das túas mans.
Segunda Lectura Rm 11, 33-36
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS ROMANOS
Del, por el e para el se fan todas as cousas
Que fondura é a da riqueza, da sabedoría e do coñecemento de Deus!
Que inescrutables son os seus xuízos e inexplorables os seus camiños!
Pois, quen coñeceu a mente do Señor?
Ou quen foi o seu conselleiro?
Quen lle emprestou algo, para que El llo teña que devolver?
Todas as cousas saíron del e existen por El e para El. A El a gloria polos séculos. Amén.
Palabra do Señor
R/. Grazas a Deus
ALELUIA Mt 16, 18
Se non se canta, pódese omitir.
Aleluia, Aleluia.
Ti es Pedro,
e sobre esta pedra edificarei a miña Igrexa,
e as forzas do Inferno non prevalecerán en contra dela.
Aleluia.
Evanxeo Mt 16, 13-20
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO
Ti es Pedro, e a ti hei dar as chaves do Reino dos Ceos
Naquel tempo, chegou Xesús á comarca de Cesarea de Filipo e facíalles esta pregunta aos seus discípulos:
‑ Quen di a xente que é o Fillo do Home?
Eles responderon:
‑ Uns din que Xoán Bautista; outros, que Elías; outros, que Xeremías ou algún dos profetas.
El insistiu:
‑ E vós, quen dicides que son eu?
Respondeu Simón Pedro:
‑ Ti es o Mesías, o Fillo de Deus vivo.
E Xesús contestoulle:
‑ Ditoso ti, Simón, Fillo de Xonás, porque non cho revelou nin a carne nin o sangue, senón meu Pai, que está nos ceos.
E eu dígoche: "Ti es Pedro, e sobre esta pedra vou edificar a miña Igrexa, e as portas do inferno non prevalecerán en contra dela.
Dareiche as chaves do Reino dos Ceos; todo o que ates na terra, ficará atado nos ceos; e todo o que desates na terra, ficará desatado nos ceos.
Palabra do Señor
R/. Loámoste, Cristo
E TI, QUEN DIS QUE SON EU?
Calquera día, en calquera momento,
a tempo ou a destempo,
sen aviso previo,
lanzas a túa pregunta:
e ti, quen dis que son eu?
Cando na túa vida toda atope
o sentido para a miña vida rota;
cando no teu sufrimento e na túa cruz
descubra o valor de todas as cruces;
cando faga da túa causa a miña causa;
cando xa non busque salvarme,
senón perderme no teu amor .....
Entón, Xesús, volve preguntarme:
e ti, quen dis que son eu?
UNHAS CHAVES PARA ABRIR E INVITAR A ENTRAR, NUNCA PARA BOTAR FÓRA
Pórtico
Houbo un tempo, que lonxe nos parece que quedou!, no que se nos invitaba a abrir portas e ventás para que entrara aire novo e renovador na Igrexa. Hai un tempo, que preto o temos!, en que xa non se nos invita, senón que se nos impón pechar as ventás e as portas por medo a que entre un aire que sexa tan frío que nos enferme. Volvemos ao mesmo, ao que xa pensabamos que hai moitos anos quedara desterrado: o paternalismo, a submisión, o medo á autonomía… o infantilismo da fe. Non perdamos a memoria, non deixemos que outros nos sometan e digan o que temos ou non temos que facer. Deus entréganos as chaves como mostra de que confía en nós, de que nos dá liberdade, de que nos crea responsables e libres para que tomemos decisións, acertadas ou equivocadas; pero sempre propias, sen deixar que ninguén nos domine e manipule. Que as chaves que en Pedro o Señor nos dá a tod@s, non as convertamos nas chaves que algúns queren ter só para si, para botar ou deixar entrar só aos que pensan coma eles. Aquí hai sitio para tod@s, ninguén sobra e tod@s somos necesari@s. Que a celebración de hoxe nos leve a descubrir que somos maiores de idade, que temos criterio, que necesitamos dos demais, pero non para que os demais decidan por nós, senón para contrastar con eles o que logo só nós debemos decidir.
Perdón
- Porque estamos coas portas tan pechadas a causa dos nosos medos e inseguridades, que preferimos camiñar nas rutinas, nas falsas seguridades e na escuridade, indo ás apalpadelas, SEÑOR, DÁNOS A CHAVE DA MADUREZ.
- Polas veces en que pechamos as portas do noso corazón ao amor manifestado na proximidade, no perdón, no servizo, CRISTO, DÁNOS A CHAVE DA MADUREZ.
- Por ter utilizado as chaves que nos deches non para abrir e acoller, senón para botar fóra, condenar e criticar a quen non nos gustaba nin pensaba coma nós, SEÑOR, DÁNOS A CHAVE DA MADUREZ.
REMUÍÑO
Quen di a xente que son eu?. Velaí a pregunta que hoxe nos lanza Xesús no evanxeo que vimos de proclamar e que pide de nós unha resposta. É verdade que non todos temos a mesma imaxe de Xesús, non só polo inesgotable da súa personalidade, senón, sobre todo, porque cadaquén elabora unha imaxe a partir dos nosos propios intereses e preocupacións, condicionada polo medio social ao que pertencemos e marcada pola formación relixiosa que temos recibido. Hoxe é un bo día para que cada un e cada unha de nós nos paremos a pensar un chisquiño na importancia que lle damos a Xesús na nosa vida, se de verdade El é a pedra sobre a que edificamos, construímos e asentamos ou se pola contra non é máis que unha mesa supletoria que só usamos cando precisamos dela.
Porque se El é a rocha, xuntos, non só Pedro, senón con Pedro (cámbiache ben o conto!), iremos edificando a nosa igrexa non sobre o alicerce do medo, a coacción, o autoritarismo e a ansia de dominio e poder, senón escoitando, servindo e facendo comunitariamente o camiño, pois somos na casa de Deus pedras vivas. Solos non iremos moi lonxe, xuntos construiremos igrexa de presente, sempre aberta e sen medo ao futuro. Construír Igrexa non é sinónimo de servilismo nin de obediencia cega (e iso non debemos esquecelo nunca), senón de participación. As pedras, os cimentos non son todos iguais, hainas máis grandes e máis pequenas, con máis ou menos arestas, máis lisas e máis rugosas....pero todas son pedras e necesarias na cimentación. Cómo nos custa entendelo!
E se o facemos así, estaremos seguindo o camiño que nos marcou Xesús. El entregounos as chaves, a creación enteira, o seu Reino, as súas arelas. Fíxonos caseiros de esperanzas e proxectos para que nos sentiramos libres e responsables.
Entregounos as chaves para:
· abrir portas pechadas e corazóns duros e insolidarios
· repartir os bens da terra
· mostrar todos os tesouros de arcas, baúis e bibliotecas
· sacar as cousas boas
· dar a coñecer os misterios da ciencia
· desenlear conciencias
· abrir o que outros pechan (igrexas, fronteiras, fábricas...)
Entregounos as chaves para:
· entrar nos cárceres
· quitar trabas e soltar cadeas
· quitar medos e culpabilidades
· non andar agochados
· perdoar barbaridades
· que ninguén atope as portas do seu camiño pechadas aínda que sexa noite
Entregounos as chaves para:
· desatar leis, normas, mandatos e edictos de gobernadores, representantes e falsos deuses
· liberar aos que senten que teñen as portas pechadas e a vida feita e planificada
· que as persoas insensatas non perdan o tempo laiándose e poidan entrar aínda que sexa tarde
· que sempre poidamos ensinarlle as nosas entrañas a quen chega, a tempo ou a deshora
· abrir feridas, no corpo, na alma, nas estruturas para así poder curalas
· para coidar e amosar a boa nova, os seus tesouros de Pai e de Nai
Entregounos as chaves; pero díxonos que miremos os rostros da xente ata setenta veces sete antes de crernos xuíces, clérigos ou xefes. Oxalá nunca o esquezamos: misericordia quero e non sacrificios.
ORACIÓN DA COMUNIDADE
Como comunidade que quere camiñar abrindo portas e non pechándose con medo diante dun mundo que cambia e no que é necesario facer presente o Evanxeo, dicimos:
QUE DEIXEMOS ENTRAR O AIRE NOVO DO TEU REINO NA NOSA VIDA
- Para que os responsables da Igrexa non esquezan nunca que as chaves non son para pechar a ninguén en estruturas do pasado, senón para abrir canto axude a que entre aire novo de renovación evanxélica, Oremos.
QUE DEIXEMOS ENTRAR O AIRE NOVO DO TEU REINO NA NOSA VIDA
- Pola Igrexa, para que entenda que o mandado do Señor de edificar e construír Reino inclúe a todas as persoas de ben e non só a uns cuantos elixidos, OREMOS.
QUE DEIXEMOS ENTRAR O AIRE NOVO DO TEU REINO NA NOSA VIDA
- Polas nosas comunidades, para que tomen conciencia do que significa ser comunidades vivas e así, con entrega e dedicación, sexan quen de transformar relacións rotas, sandar corazóns feridos e unir esforzos cara ao ben de todas as persoas, OREMOS:
QUE DEIXEMOS ENTRAR O AIRE NOVO DO TEU REINO NA NOSA VIDA
- Para que nós non esquezamos que a celebración do domingo non é un rito nin unha obriga, senón un gozoso momento de encontro comunitario, de gratitude e de unión para que coa participación de tod@s, aprendamos a facer da fe unha experiencia de presente e non un laio do pasado, no que Cristo é pan que alimenta e salvación que libera, Oremos.
QUE DEIXEMOS ENTRAR O AIRE NOVO DO TEU REINO NA NOSA VIDA
Que nunca teñamos medo, Señor, a vivir a fe no medio dun mundo en cambio e sempre necesitado de espazos que renoven, alenten e anuncien que Deus é o amor que abre portas para encontrarse, e non imposición que levanta muros para separar. P.X.N.S. Amén.
PARA A REFLEXIÓN
Xesús, mestre e Señor,
canto che queremos!.
Miramos para Ti,
escoitamos as túas palabras,
pensamos nos teus feitos de vida
e a emoción invádenos.
Grazas a ti, en ti,
sentímonos pequenos e insignificantes,
pero fondamente abrazados por Deus
e fortemente empurrados
a abrazar aos máis pequenos e pequenas que nos rodean.
En Ti, Xesús,
no teu vigor e consistencia,
no teu corpo e no teu sangue entregados,
sentímonos defendidos e protexidos
contra calquera que queira pisar a nosa dignidade,
e a dignidade da xente que nos rodea.
Por Ti, Xesús,
pola túa man e pola túa palabra,
polo teu alento de vida,
sentímonos chamados a acompañarte na tarefa simple e marabillosa
de facer de calquera ser humano un irmán ou unha irmá.
Grazas, Xesús,
ti es o noso camiño cara ao misterio de Deus,
cara ao misterio de cada home ou muller.
Axúdasnos a descubrirnos no que máis autenticamente somos:
fillos e fillas de Deus,
coma Ti,
agora e para sempre.
(M. Regal "Xesús, aquel home de aldea")
CANTOS
- ENTRADA: Pedras vivas
- LECTURAS: Deixa entrar o sol
- OFERTORIO: Benaventurados
- COMUÑÓN: Acharte presente na vida
Comentarios
Publicar un comentario