LECTURAS DA MISA EN GALEGO - Domingo 20 Tpo.Ordinario (14/07/11)

DOMINGO XIX ORDINARIO  - CICLO A

                                                          
Primeira Lectura     1 Re 19, 9a. 11-13a
LECTURA DO LIBRO PRIMEIRO DOS REIS
Mantente no monte diante do Señor


            En chegando Elías ao monte de Deus, o Horeb, abrigouse nunha cova.
            Díxolle o Señor:
            - "Sae de aí e fica de pé no monte, diante do Señor. Porque o Señor vai pasar".
            Nisto veu un rexo furacán, que fendía os montes e cuarteaba os penedos diante do Señor. Mais non estaba o Señor no furacán.
            Despois do furacán houbo un tremor de terra; mais tampouco no tremor de terra estaba o Señor.
            Despois do tremor de terra veu un gran lume; mais non estaba no lume o Señor.
            Despois do lume oíuse o murmurio dunha airexiña suave. En canto Elías o sentiu, tapou a cara co manto, saíu fóra e ficou en pé, na entrada da cova.

Palabra do Señor                             
R/. Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL     Sal 84, 9ab-10. 11-12. 13-14

R/.  (8):  Amósanos, Señor, a túa misericordia e dános a túa salvación.

Escoitarei o que di o noso Deus:
certamente o Señor fala de paz
para o seu pobo e os seus amigos.
A salvación está xa preto dos que o temen,
a gloria habitará na nosa terra.

A misericordia e a fidelidade atoparanse,
abrazaranse a xustiza e mais a paz.
Na terra xermolará a fidelidade,
a xustiza ollará desde o ceo.

O Señor ha dar o seus bens,
e a nosa terra vai dar os seus froitos.
A xustiza camiñará diante del,
e a salvación seguirá as súas pegadas.


Segunda Lectura     Rm 9, 1-5
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO aos ROMANOS
Optaría por ser anatema polos meus irmáns

            Irmáns:
            Como discípulo de Cristo digo a verdade, non minto, e dáme disto testemuño a miña propia conciencia, alumada polo Espírito Santo: que teño moi grande dor e o meu corazón sofre seguido.
            Quixera ser eu mesmo maldito, apartado de Cristo, por mor dos meus irmáns, os meus parentes de estirpe.
            Eles son israelitas e a eles pertencen a adopción filial, a gloria e as alianzas, a lexislación, o culto e as promesas; a eles pertencen os patriarcas; e deles vén Cristo como home, que está por riba de todo, e que é Deus bendito polos séculos. Amén.

Palabra do Señor                                         
R/. Grazas a Deus


ALELUIA    Sal 129, 5
Se non se canta, pódese omitir.

Aleluia, Aleluia.
Espero no Señor,
espero na súa palabra.
Aleluia.


Evanxeo    Mt 14, 22-33
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO
Mándame que vaia onda ti, camiñando pola auga


            Despois de que a multitude comera a fartar, de seguida mandou Xesús aos seus discípulos que embarcasen e que fosen diante para a outra banda do mar, mentres el despedía a xente. Así que a despediu, subiu ao monte para orar el só, e alí colleuno a anoite­cida.
            Entrementres, a barca xa se arredara da ribeira moitos estadios e, como tiña o vento en contra, as ondas sacudíana.
            Ao riscar o día, Xesús foi cara a eles camiñando polo mar.
            Cando os discípulos o viron camiñar polo mar, dicían asusta­dos: "é unha pantasma"; e, cheos de medo, empezaron a berrar.
            De seguida faloulles Xesús dicindo:
            Tranquilos, que son eu. Non teñades medo.
            Respondeulle Pedro:
            ‑ Señor, se es ti, mándame que vaia onda ti, camiñando pola auga.
            El díxolle:
            ‑ Ven.
            Baixou Pedro da barca, e púxose a camiñar pola auga, di­rixíndose a Xesús. Pero, ao sentir o vento forte, colleu medo, e cando empezou a afundirse, púxose a berrar:
            ‑ Señor, sálvame!
            Axiña Xesús, dándolle a man, agarrouno e díxolle:
            ‑ Home de pouca fe, por que dubidaches?
            Ao subiren eles á barca, quedouse o vento. Os que estaban na  barca, prostráronse perante el dicindo:
            ‑ Realmente ti es Fillo de Deus.

Palabra do Señor                             
R/. Loámoste, Cristo


FARAGULLAS

Unha faragulla, Señor!
Unha faragulla, non máis,
que nos faga gozar
da forza do teu amor:
que todos temos dereito
a solecer cos teus dons.

Unha faragulla de humor
para poder aturar
os traballos desta vida
sen se deixar amargar.

Unha miguiña de xenio
para non calar os abusos
que contra os nosos dereitos
cometen algúns intrusos.


Unha rafiña de fe
para non perder a esperanza,
para manter o amor aceso
e seguir en pé na danza.

Que bonito é o xoguiño
de se facer esmoleiro,
collendo rafas de Deus
ciscando no mundo enteiro.

E, que bo tamén o xogo
de ser dador xeneroso,
ofrecendo canto un ten
sen se chufar, xeneroso.


UN DEUS INCLUÍNTE QUE NON EXCLÚE A NINGUÉN
Pórtico
                Escoitamos dicir moitas veces, ou mesmo ata podemos chegar nós a pensalo, que o Evanxeo pouco ou nada pode aportar ao mundo e á cultura de hoxe. Que é algo do pasado, que valeu pero xa non vale. Porén, unha vez máis a Palabra de Deus, que non a actuación e maneiras de Papa, bispos, curas ou cristiáns, vén rebater esta afirmación e preséntasenos coma unha Palabra, e polo tanto como unha mensaxe fresca, renovadora e incluínte. Todo o contrario do que ocorre hoxe na nosa sociedade occidental, na que nos queremos únicos e na que nos imos esforzando en poñer dificultades a quen vén de fóra ou se mostra distinto.
É unha mensaxe incluínte porque non discrimina; incluínte porque acolle; incluínte porque non diferenza; incluínte porque volve proclamar a súa universalidade: é para todas as persoas, non só para unhas poucas, elixidas e de clase alta. Por iso dicimos que indo contracorrente ás modas que hoxe tanto priman, a mensaxe cristiá non exclúe, separa nin parcela; ao contrario, ábrese a tod@s sen distingos. Se o noso Deus se nos manifesta así, como nós non imos sentírmonos tremendamente orgullosos de compartir esta fe e de experimentar a proximidade con quen, sexa da cor, cultura ou país do que veña, descubre a fraternidade ao ter por Pai ao mesmo Deus?

Perdón
  Porque son demasiadas as veces nas que utilizamos o teu nome en van para cangar os ombreiros dos irmáns e das irmás con pesados fardos que non son máis ca un reflexo da nosa intolerancia e do noso medo, dicímosche coma a muller cananea: SEÑOR, TEN COMPAIXÓN DE NÓS.
  Por ter convertido a nosa oración non nun diálogo contigo, senón nunha listaxe de peticións, coma se foses unha grande superficie comercial na que atopamos de todo, pedímosche coma a muller cananea: CRISTO, TEN COMPAIXÓN DE NÓS.
  Porque seguimos considerando ás mulleres coma o sexo débil, porque seguimos sen ter en conta a súa opinión, a súa voz, o seu criterio á hora de tomarmos decisións dentro da Igrexa, berrámosche coma a muller cananea: SEÑOR, TEN COMPAIXÓN DE NÓS.

REMUÍÑO
        Nuns tempos nos que rapidamente nos poñemos nerviosos ao falar ou escoitar falar de emigración, pois crémonos donos do mundo e pensamos que ninguén debe entrar nos nosos cotos vedados se nós non llo permitimos, a Palabra de Deus volve de novo na nosa axuda para tentar clarificarnos e mostrarnos cal é o camiño que, aqueles que queremos levar con dignidade o nome de cristiáns e cristiás, debemos ir realizando. O profeta Isaías, nun contexto non moi distinto ao noso, no que os israelitas se crían superiores, únicos, mellores e escollidos, clarifica as cousas e exerce de pedagogo para ensinarlles que o Deus ao que lle rezan, agradecendo ou pedindo, é un Deus que non exclúe a ninguén; ao contrario: acolle e busca achegar, por moi afastados que estean ou de moi lonxe veñan.: “aos estranxeiros traereinos ao meu monte santo”. É dicir, ninguén ha sentirse inferior, tampouco superior, a ninguén. A dignidade e igualdade é a mesma en e para todas as persoas. As exclusións non son máis que formas de soberbia e falsa superioridade, xa que tod@s valemos e temos calidades. O que necesitamos é que nos dean as mesmas oportunidades; cousa que namentres Deus si fai, nós nos negamos a facer cos demais, especialmente se estes de fóra, falan outras linguas ou teñen outra cor. Os nosos propios medos fannos construír teorías que xustifican, pero non demostran, que os de fóra son atrasados, delincuentes ou incultos. E unha vez feita a teoría, non nos queda máis que crela para xustificar as nosas actitudes de rexeitamento e exclusión. Non paramos a pensar que entre nós, os que temos nacido no culto, rico e poderoso occidente, tamén hai delincuentes, incultos e aproveitados. As xeneralidades fannos cometer sempre erros, e cando estes erros se refiren a persoas, os males realizados, moitas veces, acaban por non ter remedio.

        Quen si entendeu isto moi ben foi Paulo. El descobre que o Deus de Xesús é o mesmo Deus que a el lle transmitiran cantos tiñan colaborado na súa formación. E que en Xesús se mostra en totalidade a imaxe dese Deus que ofrece unha proposta de amor universal e de salvación para todas as persoas, sen exclusións nin recortes de ningún tipo, presentándose el mesmo como apóstolo de tod@s, dos “xentís”. Bieito XVI, que tan ben coñece os textos de Paulo, vén de lanzar unha proposta que os crentes, en cada un dos ámbitos nos que nos atopemos, non deberiamos deixar que caese en saco roto, pois o que el chama “o patio dos xentís”, quere ser un foro de diálogo, escoita, reflexión e compromiso na acción, para cantos, por riba de diferenzas de calquera tipo, seguen crendo que o que define ás persoas non é o que posúen, senón a dignidade que teñen e comparten. A laicidade á que tantas veces se ten referido, e que desde dentro da Igrexa moitos se esforzan por non comprender, é un dos camiños abertos polos que se ha camiñar para poder conseguir que o diálogo cos que non comparten a fe, ou téndoa, non é a mesma ca nosa, ten que axudarnos a abandonar prexuízos e dispornos a construír múltiples ágoras de colaboración. As conversas -quizais diálogo é palabra moi rimbombante-, deben ser unha prioridade para os cristiáns. Aquí está o verdadeiro don da universalidade da fe.

        E a andar por este mesmo camiño quere invitarnos Xesús desde o Evanxeo. A protagonista é: muller e cananea; é dicir non tiña poder nin mandaba –como lle ocorría ás mulleres– e era tamén estranxeira, e polo tanto doutra relixión. Pero Xesús nin a aparta nin se aparta. Ao contrario, achégase e no seu diálogo vainos mostrando como é posible rezar xunt@s, camiñar xunt@s e buscar canto une, e non marcar a diferenza no que separa, dando unha lección de que a oración non poden ser nin palabras baleiras nin xestos estéticos e superficiais, senón palabra compartida de encontro, humildade, confianza e acollida do irmán e da irmá..


Oración da comunidade
Poñémonos agora nas mans amorosas e abertas de Deus Pai-Nai e dicímoslle xunt@s:
GRAZAS POR CONTAR CON TODOS E CON TODAS
        Para que a Igrexa se esforce por crear lugares de acollida, encontro e diálogo con quen se sente distinto e non comparte a mesma fe e conviccións, Oremos.
GRAZAS POR CONTAR CON TODOS E CON TODAS
        Para que nas nosas parroquias non practiquemos nunca a discriminación e o desprezo con quen non comparte as nosas ideas nin a nosa visión da vida, Oremos.
GRAZAS POR CONTAR CON TODOS E CON TODAS
        Por cada un e cada unha de nós, que nos xuntamos nesta mañá de domingo celebrando e agradecendo a universalidade da fe, para que nunca nos deixemos levar da uniformidade nin da intolerancia, que non fan máis que matar a creatividade e a frescura do Evanxeo, OREMOS.
GRAZAS POR CONTAR CON TODOS E CON TODAS
Grazas, Señor, porque unha vez máis déixasnos claro que na túa casa hai sitio para tod@s. Que as nosas actitudes reflictan esa universalidade á que ti nos chamas. P.X.N.S. Amén.

PARA A REFLEXIÓN
Grazas
polas persoas que aman no concreto
e fan do amor martelo para romper barreiras establecidas.
Grazas
pola xente que sofre porque ama
e converte o sufrimento en camiños de esperanza.
Grazas
polas persoas que cren e esperan
máis alá de calquera límite interesadamente posto.
Grazas
polas persoas que teñen palabra humilde e convencida
para facer triunfar as solidariedades.
Grazas
polas persoas que resisten e aguantan,
a proba de fracasos, os seus amores todos.
Grazas
por todas as nais dolorosas,
que aman e loitan sen límite para que os seus fillos e as súas fillas teñan vida.
Grazas
por aquela muller descoñecida, chamada a cananea
e por todas as cananeas do mundo, de onte e de hoxe.
Grazas
polos grupos e pobos
que quixeron coller o teu estilo
para que a vida, a túa vida, triúnfe e soleza
nos corazóns e nas casas dos máis pequenos.


CANTOS
  • ENTRADA: Vinde axiña
  • LECTURAS: Camiñar
  • OFERTORIO: Ide e pregoade
  • COMUÑÓN: Eu soñei



Comentarios

Publicacións populares