A Asunción (15/08/11)

ASUNCIÓN DE MARÍA 15 DE AGOSTO



Primeira Lectura  Ap 11, 19a; 12, 1-6a. 10ab
LECTURA DO LIBRO DA APOCALIPSE
Unha muller vestida do sol e coa lúa baixo dos seus pés


            Abriuse o santuario celeste de Deus e apareceu a arca da súa alianza no seu santuario.
            E apareceu no ceo un gran sinal: unha muller vestida co sol, coa lúa baixo dos seus pés e, na cabeza, unha coroa de doce estrelas. Estaba embarazada e berraba cos retorzóns e as dores do parto.
            Apareceu outro sinal no ceo: era un gran dragón vermello, que tiña sete cabezas e dez cornos e nas cabezas sete diademas. Co seu rabo arramplaba cunha terceira parte das estrelas do ceo e botábaas na terra.
            O dragón plantouse diante da muller que estaba para dar a luz, coa idea de engulirlle o filliño en canto nacese.
            Tivo un fillo varón; aquel que cun caxato de ferro ha rexer todas as nacións.
            Pero Deus arrebatou o filliño da muller onda si, ao seu trono. E a muller fuxiu para o deserto.
            E oín un gran berro no ceo, que dicía:
            "Arestora chegou a vitoria, o poder,
e o reino do noso Deus, así como a soberanía do seu Mesías".

Palabra do Señor                                         
R/. Grazas a Deus

SALMO RESPONSORIAL   Sal 44, 10bc. 11-12ab. 16
R/.  (10b):  Á túa dereita está a raíña, engalanada con ouro de Ofir.

Fillas de reis veñen encontrarte;
de pé á túa dereita está a raíña
engalanada con ouro de Ofir.

Escoita, filla, e mira e presta atención:
esquece o teu pobo e a casa de teu pai.
O rei está enfeitizado da túa fermosura:
réndelle homenaxe, pois el é o teu señor.

Condúcena con xúbilo algareiro,
van entrando no pazo do rei.


Segunda Lectura  1 Cor 15, 20-27
LECTURA DA PRIMEIRA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS CORINTIOS
Primeiro, Cristo; despois, os que son de Cristo


            Irmáns:
            Cristo resucitou dos mortos, como primicia dos que adormecen.
            Porque xa que por un home entrou a morte, tamén por un home chegou a resurrección dos mortos.
            Igual que todos morren por Adán, así tamén revivirán todos por Cristo.
            Pero cada un no seu momento: primeiro, Cristo; logo, no día da súa chegada, os que sexan de Cristo; despois será a fin, cando lle entregue o Reino a Deus Pai, unha vez destruído todo Principado, toda Potestade e toda Dominación.
            Porque é necesario que El reine ata que poña a todos os seus inimigos por debaixo dos seus pés. A morte será o derradeiro inimigo destruído, pois "todo o puxo por debaixo dos seus pés".

Palabra do Señor                                         
R/. Grazas a Deus

ALELUIA
Se non se canta, pódese omitir

Aleluia, aleluia.
María é subida ao ceo;
alégrase o coro dos anxos.
Aleluia.

Evanxeo   Lc 1, 39-56
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS
O Poderoso fixo marabillas en min: exaltou os humildes


             Naqueles mesmos días, saíu María con moita présa camiño da montaña, a unha cidade de Xudá. Entrou na casa de Zacarías e saudou a Sabela.
            En oíndo Sabela o saúdo de María, o neno brincoulle no ventre, e Sabela quedou chea de Espírito Santo e exclamou a grandes voces:
            ‑Bendita ti entre as mulleres, e bendito o froito do teu ventre! Quen son eu para que me visite a nai do meu Señor? Pois ao que chegou o teu saúdo aos meus oídos, o neno brincou de alegría no meu ventre.
            Ditosa aquela que creu, pois hase cumprir canto lle anunciaron de parte do Señor.
            Entón María dixo:
            ‑ Proclama a miña alma a grandeza do Señor,
alégraseme o espírito en Deus, meu Salvador,
porque reparou na humillación da súa escrava.
            Desde agora chamaranme ditosa todas as xeracións,
porque fixo marabillas en min o Poderoso;
o seu nome é santo,
e a súa misericordia chega, xeración tras xeración,
a todos os que o temen.
            Manifestou o poder do seu brazo,
dispersou os soberbios de corazón.
            Derrubou os poderosos dos seus tronos
e elevou os humildes,
os famentos encheunos de bens
e os ricos despediunos baleiros.
            Amparou a Israel, o seu servo,
lembrándose da súa misericordia,
conforme o prometera aos nosos pais,
a Abrahán e á súa descendencia para sempre.
            María permaneceu con ela ao redor de tres meses, e logo volveu para a súa casa.

Palabra do Señor                             
R/. Loámoste, Cristo


MARÍA DO MAGNÍFICAT

María, cremos, coma ti,
que a máis fermosa actitude do crente
é pórse a cantar e agradecer
o agasallo marabilloso do Señor,
que chega ata nós feito graza.

María,cremos, coma ti,
que abrirse á Palabra e dicir Si
é saír ao encontro do Señor,
que segue a chamarnos cada día                                     
á hora da tarde e da brisa.

María, cremos, coma ti,
que o Deus dos humildes e dos pobres
compromete o seu Fillo
con todos os que sofren na súa carne
as bágoas do desprezo e da opresión.

María, cremos, coma ti,
que o brazo do Señor
acolle os sinxelos e nega ao poderoso
as razóns para facer do dominio
e da riqueza explotación.

María, cremos, coma ti,
que o ditoso e feliz do Novo Reino
descobre no servizo
o camiño que enxalza
a grandeza do pobre e do irmán.

María, cremos, coma ti,
que o Deus da promesa
se fixo en ti realidade e plenitude
e vive desde entón a nosa historia
collido da túa man e da nosa man.



NON ESPEREMOS MÁIS: POÑÁMONOS XA EN CAMIÑO!!!!!!!!


PÓRTICO
Estamos ante unha fin de semana na que a Palabra que nos convoca ten, se cadra máis ca nunca, rostro de muller. Si, porque mulleres son as protagonistas das lecturas que proclamamos onte e hoxe: unha anónima muller cananea que se achega ao Señor para pedirlle a curación da súa filla no caso de onte e María, Nai e Señora, no de hoxe. Dúas mulleres sinxelas, dúas mulleres fortes, dúas mulleres decididas, dous xeitos de entender a vida e un eixo común a ámbalas dúas: a fe nun Deus que invita a poñerse en camiño para romper rutinas, indiferenzas e distingos por mor do xénero.
Porén, non é doado aceptar a mensaxe evanxélica de poñernos en camiño. Estamos tan ocupad@s en múltiples tarefas, sentímonos tan agoniad@s e estresad@s que confesamos non ter tempo nin para nós mesm@s; o que levamos entre mans parécenos tan importante que nos leva a considerarnos tan imprescindibles que non estamos dispost@s a deixalo.
Pois ben, a festa que celebramos hoxe, a Asunción da Virxe, móstranos que estas actitudes dificilmente casan con sermos persoas de fe, xa que non é posible crer que Deus se fixo home buscando a liberación da humanidade e non esforzarse por ser persoa cada día e por traballar por un mundo máis igualitario, humano e liberado. Que a celebración que agora comezamos nos axude a, como fixo María, saber poñernos en camiño para derribar muros, animar corazóns, erguer persoas caídas e varrer indiferenzas, covardías e silencios cómplices.

O PERDÓN
        Porque son demasiadas as ocasións nas que na nosa Igrexa facemos distingos por mor do xénero, non valorando o traballo silencioso, eficaz e discreto das mulleres, SEÑOR, QUE NOS POÑAMOS EN CAMIÑO.
        Por non estarmos dispost@s a poñernos en camiño, deixando atrás inmobilismos, apatías e rutinas, para descubrir que ao noso lado hai moitas persoas que precisan do noso alento, do noso sorriso, da nosa escoita e da nosa voz, CRISTO, QUE NOS POÑAMOS EN CAMIÑO.
        Por non ter querido vencer os prexuízos que nos levan a xustificar a violencia, a opresión e o silencio ao que se ven abocadas tantas mulleres do noso tempo, SEÑOR, QUE NOS POÑAMOS EN CAMIÑO.

REMUÍÑO
Na nosa Igrexa, polo que ás mulleres se refire, vivimos, cando menos, nunha contradición permanente:

        Por unha banda temos a Xesús que, coas súas palabras e comportamentos esfórzase por poñer de manifesto a igualdade do home e da muller. Si, porque nun tempo no que a muller non contaba para nada máis que non fose parir e atender a casa, entre as novidades que nos atopamos no evanxeo está o feito de que entre os seus discípulos tamén había discípulas, algo completamente impensable para aqueles tempos. Si, malia quen lle pese, no grupo de Xesús houbo tamén mulleres: Xoana, Susana ou María Magdalena, seguidora agradecida e fiel que o seguiu ata o final, cando todos os homes o abandonaran e foi á primeira a quen se lle apareceu o Resucitado Asemade, houbo moitas mulleres que foron escoitadas, atendidas e curadas por El: a hemorroísa, a muller cananea, a viúva de Naim, a samaritana, a sogra de Pedro, a adúltera....por citar só algunhas, son exemplos claros do que vimos de dicir: Xesús establece unha relación persoal e madura independentemente do xénero do interlocutor. Aí é nada!!!!!!
        Por outra banda, se botamos unha ollada ao grupo de seguidores de Xesús, á Igrexa, comprobamos con dor e estupor que, no que a igualdade de xénero se refire, parece que imos cara atrás coma os caranguexos ou vivimos coma caracois ou tartarugas encerrados nas nosas propias conchas. Si, porque en pleno século XXI, aínda que dicimos coa boca pequena que homes e mulleres somos iguais e temos as mesmas capacidades, logo, na práctica, resulta que segue habendo moitos ámbitos da realidade eclesial nos que a muller non goza da mesma igualdade que o home, e hai demasiadas responsabilidades que ás mulleres non se lle conceden, e pasarán moitos anos en concedérselle; mentres que aos homes, polo simple feito de ter nado homes, nunca se lle negarán. Así, atopámonos co feito de que as mulleres seguen a ser, dentro da Igrexa, as persoas que teñen que contentarse coas faragullas que caen da mesa dos homes, véndose reducidas a meros obxectos ornamentais, que quedan moi bonitiñas, pero ás que non estamos dispost@s a escoitar. Porén, como paradoxo, se as mulleres decidísemos non asistir ás celebracións, as Igrexas quedarían baleiras; se nos cruzáramos de brazos, habería bastantes máis problemas dos que se queren admitir; se fixésemos deixado de funcións... nalgunhas partes sería unha hecatombe total. Mesmo agora, cando por mor da falta de curas se comeza a falar das asembleas dominicais en ausencia de presbítero, atopámonos co feito de que nunha grande parte dos casos, son mulleres as encargalas de dirixilas.

Porén, a festa que celebramos hoxe, a Asunción da Virxe, pon de manifesto a grandeza do seu si, un si que fixo cambiar o sentido e o horizonte no que se ía desenvolver o mundo. De María podemos dicir, sen medo a equivocarnos, que desde o seu ser muller, soubo desenvolver coherentemente, con responsabilidade e dispoñibilidade, o seu papel de nai, de crente, de colaboradora e recreadora da obra de Deus. Nunca foi muller obxecto. Ela ensínanos que, a pesares das dificultades, a pesares de que moitas veces non vemos a luz, non debemos rendernos, non debemos tirar a toalla no traballo por conseguir que a nosa sexa unha Igrexa incluínte, non un privilexio duns poucos, senón unha comunidade de irmáns e irmás complementari@s. O si de María é unha invitación a poñernos en camiño para cambiar o mundo; pero non desde a proposta do poder, porque a proposta de Xesús, que soubo encarnar María coma ninguén, é a do servizo. O importante non é ser primeiro ou primeira e ter poder, senón ter capacidade de servizo e exercitalo facéndose escraviñ@ de tod@s. E o máis bonito de todo é que no servizo verdadeiro non hai amargura; senón que nel está a fonte do máis grande pracer e da máis fonda felicidade. Así o entendeu e o experimentou María. Así se nos ofrece a nós tamén hoxe para que, coma ela, a nosa alma proclame a grandeza de Deus, que tanto fixo por nós e que derruba do trono os poderosos para erguer as persoas pequenas... por iso dende agora a van felicitar tódalas xeracións. E todo grazas ao si, traballador e responsable, dunha muller: María.


ORACIÓN DA COMUNIDADE
Agradecid@s, compartimos a nosa oración comunitaria dicindo xunt@s:
PROCLAMA A MIÑA ALMA A GRANDEZA DO SEÑOR
         Para que na Igrexa bebamos das fontes que nos descobren que a fe non é excluínte nin se pode impoñer, senón que hai que ofrecela desde o respecto a todas as persoas, independentemente do seu xénero e desde a fidelidade á mensaxe e ás actitudes de Xesús, OREMOS.
PROCLAMA A MIÑA ALMA A GRANDEZA DO SEÑOR
         Para que nas nosas comunidades saibamos valorar e potenciar o traballo, moitas veces calado e sempre eficaz, de tantas mulleres que con ilusión entregan o seu tempo, a súa colaboración e a súa voz, OREMOS.
PROCLAMA A MIÑA ALMA A GRANDEZA DO SEÑOR
         Por todas as mulleres, para que, como María nunca recúen nin teñan medo a traballar para que a igualdade sexa unha realidade e non renuncien a derrubar muros que separan para abrir camiños que unen, camiños de liberación e de verdade, camiños de loita e de xustiza, OREMOS.
PROCLAMA A MIÑA ALMA A GRANDEZA DO SEÑOR
Grazas, Señor, porque unha vez máis, a túa mensaxe e o teu exemplo aléntanos, desde a sinxeleza, a poñernos en camiño para traballar no compromiso a prol da xustiza e da igualdade. P.X.N.S. Amén


PARA A REFLEXIÓN
Señor,
dámosche grazas polas nosas mulleres.
Polas mulleres que fan medrar as nosas casas
coas súas mans áxiles e traballadoras.
Polas mulleres que coidan de todo e de todas as persoas
con maña e tenrura sempre sorprendente.
Polas mulleres que fan que todo se transforme en amor
polo amor que aniña nas súas entrañas.
Polas mulleres que toleran, se cadra de máis,
as impertinencias de homes empoleirados.
Polas mulleres que enchen as nosas igrexas,
aprendices humildes do Deus da vida.
Polas mulleres que estiveron preto de Xesús
e quedaron abraiadas da súa liberdade.
Polas mulleres casadas,
que no gozo da parella camiñan cara á irmandade redonda en Deus.
Polas mulleres célibes,
que en liberdade humilde queren facerse pobres ao servizo das persoas máis pobres.
Polas mulleres marxinadas, explotadas, prostituídas,
que ocupan un lugar preferente no corazón de Deus.
Polas mulleres maltratadas que protestan e denuncian,
facendo que a dignidade das persoas medre cada día.


CANTOS
        ENTRADA: Xa nos tes aquí
        LECTURAS: Camiñar sen Xesús
        OFERTORIO: Noraboa María
        COMUÑÓN: Esa é María






Comentarios

Publicacións populares