VIXILIA PASCUAL

VIXILIA PASCUAL NA NOITE SANTA

            Para a Vixilia Pascual propóñense nove lecturas: sete do Antigo Testamento e dúas do Novo. Se as circunstancias o esixen, e por causas particulares, pódese diminuír o número das lecturas sinaladas. Téñanse polo menos tres lecturas do Antigo Testamento e, nos casos mais urxentes, dúas antes da epístola e o evanxeo. Nunca se omita a lectura do Éxodo sobre o paso do Mar Vermello (terceira lectura).



LECTURA DO LIBRO DA XÉNESE
Primeira Lectura    Xen 1, 1 -- 2, 2 (máis longa)
Viu Deus todo canto fixera e era moi bo

            No principio creou Deus o ceo e a terra. A terra era unha masa informe e baldeira, as tebras cubrían o abismo e un vento poderoso axitaba as augas.
            Mandou Deus que houbese luz, e houbo luz. Viu Deus que a luz era cousa boa e arredouna das tebras.
            Á luz chamouna día e ás tebras chamounas noite. E con iso completouse o primeiro día da semana.
            Quixo Deus que houbese un espazo para arredar as augas das augas. E fixo un espazo, que arredaba as augas de enriba das de embaixo. Ao espazo rematado Deus chamouno ceo. E completouse o segundo día.
            Mandou Deus que se xuntasen as augas de embaixo nun lugar e que aparecese o chan enxoito. E así foi. Ao chan enxoito chamoulle terra e ás augas xuntas, mares. E viu que estaba ben.
            Mandou Deus que a terra xermolase herba verde, plantas coa súa semente e árbores que desen froitos, cada unha coa súa semen­te, conforme á súa especie.
            E así foi.
            A terra xermolou herba verde, plantas coa semente conforme á súa especie, e árbores que daban froito, cada unha coa súa semen­te, conforme á súa especie. E viu Deus que era bo. E completouse o terceiro día.
            Mandou Deus que houbese luminarias no espazo para distin­guir o día da noite, para dar sinal das festas, das estacións e dos anos e para que, brillando no espazo, alumasen a terra.
            E así foi.
            Deus fixo dúas grandes luminarias, unha meirande que rexe o día, e unha máis  pequena que rexe a noite, e fixo tamén as estrelas. Deus púxoas no espazo para alumar a terra, para rexer o día e a noite e para distinguir a luz das tebras.
            E viu Deus que era bo. E completouse o cuarto día.
            Quixo Deus que as augas fosen un fervedoiro de peixes e o espazo entre o ceo e a terra un voar de paxaros. E creou os monstros mariños, os moitos xéneros de peixes que referven nas augas e todas as sortes de paxaros. E parecéronlle ben. E bendiciunos deste xeito: Reproducídevos, crecede, enchede as augas do mar e que os paxaros medren na terra. E completouse o quinto día.
            Mandou Deus que a terra producise as varias especies de animais, os domésticos, os réptiles e as feras salvaxes. E así foi.
            Deus fixo as varias especies de feras salvaxes, animais domésticos, réptiles, e parecéronlle ben.
            Despois dixo Deus: Fagamos o home á nosa imaxe e á nosa semellanza e que mande nos peixes do mar, nos paxaros do ceo, nos animais domésticos e nos réptiles todos da terra.
            E creou Deus o home á súa imaxe, creouno á imaxe de Deus, varón e femia os creou.
            E bendiciunos así: Reproducídevos, crecede, enchede a terra e sometédea. Mandade nos peixes do mar, nos paxaros do ceo e nos réptiles todos da terra.
            E díxolles aínda: Aí vos dou as herbas todas que hai na terra, coa súa propia semente, e todas as árbores que dan froito, coa súa propia semente, a fin de que vos sirvan para a mantenza; ás feras todas do monte, aos paxaros do ceo e aos réptiles que viven na terra, doulles a herba para a man­tenza.
            E así foi.
            E viu Deus canto fixera e velaí que era de verdade moi bo.
            Pasou unha tarde, pasou unha mañá: O día sexto.
            Quedaron así rematados o ceo e a terra e todos os seus ele­mentos. Deus concluíu no día sexto a obra que emprendera, e o sétimo día repousou de todo o seu traballo. Deus bendiciu o sétimo día e consagrouno, porque nel repousara de todo o traballo de crear.

Palabra do Señor
______________________________________________________________________


Ou máis breve:    1, 1. 26-31a

LECTURA DO LIBRO DA XÉNESE

            No principio creou Deus o ceo e a terra.
       Despois dixo Deus: Fagamos o home á nosa imaxe e á nosa semellanza e que mande nos peixes do mar, nos paxaros do ceo, nos animais domésticos e nos réptiles todos da terra.
       E creou Deus o home á súa imaxe, creouno á imaxe de Deus, varón e femia os creou.
       E bendiciunos así: Reproducídevos, crecede, enchede a terra e sometédea. Mandade nos peixes do mar, nos paxaros do ceo e nos réptiles todos da terra.
            E díxolles aínda:
            ‑Aí vos dou as herbas todas que hai na terra, coa súa propia semente, e todas as árbores que dan froito coa súa propia semente: serviranvos para a mantenza. Ás feras todas do monte, aos paxaros do ceo e aos réptiles que viven na terra doulles a herba para a mantenza. E fíxose así.
            E viu Deus canto fixera e velaí que era de verdade moi bo.

Palabra do Señor



SALMO RESPONSORIAL      Sal 103, 1-2a. 5-6. 10 e 12. 13-14. 24 e 35c
R/. (cf. 30): Manda, Señor, o teu Espírito e renova a cara da terra.

Alma miña, bendí o Señor.
Señor, meu Deus, ti es moi grande,
vestido de gloria e maxestade,
envolto en luz coma nun manto.

Ti asentaches a terra nos seus alicerces
e non abalará endexamais.
Cubríchela co manto do océano
e as augas subían ao alto dos montes.

Ti encanas as fontes polos ríos,
que corren entre montañas.
Nas súas ribeiras habitan paxaros,
que cantan na ramallada.

Desde a túa morada regas as montañas,
do froito das túas obras fártase a terra.
Ti fas xermolar herba para o gando,
e plantas para uso dos homes,
para que da terra saquen pan

Cantas son, Señor, as túas obras,
todas feitas con saber!
A terra está chea das túas criaturas.
Alma miña, bendí o Señor.
______________________________________________________________________

Ou      Sal 32, 4-5. 6-7. 12-13. 20 e 22
R/.  (5b):  A misericordia do Señor enche a terra.

A palabra do Señor é recta
e todas as súas obras son leais:
el ama o dereito e a xustiza,
a súa misericordia enche a terra.

A palabra do Señor fixo os ceos,
o alento da súa boca os astros todos.
Xuntou, coma nun fol, a auga do mar,
coma en depósitos meteu os océanos.

Feliz a nación que recoñece a Deus por Señor,
o pobo que El escolleu como herdade.
Desde o ceo mira o Señor,
observa a todos os homes.

Nós agardamos o Señor:
El é o noso socorro, o noso escudo.
Veña a nós, Señor, a túa misericordia,
como de ti o esperamos.



LECTURA DO LIBRO DA XÉNESE
Segunda Lectura     Xen 22, 1-18 (máis longa)
Sacrificio do noso Patriarca Abrahán

            Naqueles días, Deus puxo a proba a Abrahán, chamándoo:
            ‑ "Abrahán!"
            El respondeu:
            ‑ "Aquí estou".
            Deus mandoulle:
            ‑ "Colle o teu fillo, o único que tes e que tanto queres, Isaac, e vaite ao país de Moriah. Alí ofrecerasmo en sacrificio, no cimo dunha das montañas que eu che mostrarei".
            Abrahán ergueuse cedo, aparellou o burro e tomou consigo dous criados e mais o seu fillo Isaac. Coa leña cortada para o sacrificio, púxose ao camiño en dirección para o lugar que Deus lle indicara. O terceiro día Abrahán ergueu os ollos e viu o sitio desde lonxe.
            Abrahán díxolles aos criados:
            ‑ "Esperade aquí co burro. Eu e mais o rapaz chegarémonos ata aló. Adoraremos e de seguida volveremos onda vós". Abrahán colleu a leña do sacrificio e púxolla a Isaac, seu fillo, ás costas. Tomou na man o lume e o coitelo, e camiñaban os dous xuntos.
            Isaac díxolle a seu pai:
            ‑ "Meu pai!"
            El respondeu:
            ‑ "Que queres, fillo?"
            O rapaz dixo:
            ‑ "Levamos lume e leña. Pero,onde está o año para o sacrificio?"
            Abrahán respondeulle:
            ‑ "Meu fillo, o año Deus o proverá". E camiñaban os dous xuntos.
            Chegados ao lugar que Deus dixera, Abrahán construíu un altar, puxo enriba del a leña, atou o seu fillo Isaac e deitouno no altar, por enriba da leña. Despois tendeu a man e agarrou o coitelo para sacrificar o seu fillo.
            Mais o anxo do Señor chamou desde o ceo:
            ‑ "Abrahán! Abrahán!"
            El respondeu:
            ‑ "Aquí estou".
            O anxo dixo:
            ‑ "Non poñas a man no rapaz nin lle fagas mal ningún. Agora dei comprobado que tes temor de Deus, pois non me negaches o teu fillo, o único que tes".
            Abrahán ergueu os ollos e viu un carneiro atrapado nunha silveira polos cornos. Botou man del e ofreceuno  en sacrificio, no posto do seu fillo. Abrahán púxolle ao lugar o nome de Moriah. Por iso aínda hoxe se di:
            ‑ "Na montaña o Señor proverá".
            O anxo do Señor chamou a Abrahán outra vez desde o ceo:
            ‑ "Xúroche por min mesmo ‑ palabra do Señor ‑ que por faceres isto e non me negares o teu fillo, o único que tes, bendicireite e farei crecer os teus descendentes coma as estrelas do ceo e as areas do mar.
            Os teus descendentes herdarán as cidades dos inimigos. Todos os pobos da terra terán bendición na túa descendencia, por me teres ti obedecido".

Palabra do Señor
_____________________________________________________________________


Ou máis breve:  1-2, 9a. 10-13. 15-18

LECTURA DO LIBRO DA XÉNESE

            Naqueles días, Deus puxo a proba a Abrahán, chamándoo:
            ‑ "Abrahán!"
            El respondeu:
            ‑ "Aquí estou".
            Deus mandoulle:
            ‑ "Colle o teu fillo, o único que tes e que tanto queres, Isaac, e vaite ao país de Moriah. Alí ofrecerasmo en sacrificio, no cimo dunha das montañas que eu che mostrarei".
            Chegados ao lugar que Deus dixera, Abrahán construíu un altar,
            Despois tendeu a man e agarrou o coitelo para sacrificar o seu fillo.
            Mais o anxo do Señor chamou desde o ceo:
            ‑ "Abrahán! Abrahán!"
            El respondeu:  
            - "Aquí estou".
            O anxo dixo:
            ‑ "Non poñas a man no rapaz nin lle fagas mal ningún. Agora dei comprobado que tes temor de Deus, pois non me negaches o teu fillo, o único que tes".
            Abrahán ergueu os ollos e viu un carneiro atrapado nunha silveira polos cornos. Botou man del e ofreceuno  en sacrificio, no posto do seu fillo.
            O anxo do Señor chamou a Abrahán outra vez desde o ceo:
            ‑ "Xúroche por min mesmo ‑ palabra do Señor ‑ que por faceres isto e non me negares o teu fillo, o único que tes, bendicireite e farei crecer os teus descendentes coma as estrelas do ceo e as areas do mar.
            Os teus descendentes herdarán as cidades dos inimigos. Todos os pobos da terra terán bendición na túa descendencia, por me teres ti obedecido".

Palabra do Señor


SALMO RESPONSORIAL     Sal 15, 5 e 8. 9-10. 11

R/. (1): Gárdame, Señor, que en ti busco agarimo.

Ti es, Señor, a porción da miña herdade e do meu cáliz,
está nas túas mans o meu porvir.
Teño sempre presente o Señor,
con el ao meu lado non vou vacilar.

Por iso o meu corazón está contento,
as miñas entrañas reloucan
e o meu corpo descansa seguro,
pois non abandonarás no abismo a miña vida,
nin deixarás que o teu santo vexa a corrupción.

Has amosarme camiños de vida,
has encherme onda ti de ledicia,
de gozo sen fin ao teu lado.



LECTURA DO LIBRO DO ÉXODO
Terceira Lectura     Ex 14, 15 -- 15, 1
Pasaron os fillos de Israel polo medio do mar seco

            Naqueles días, o Señor díxolle a Moisés:
            ‑ "Que queixas son esas cara a min? Manda aos israelitas que se poñan en marcha. Ti ergue a vara, alonga a man sobre o mar e párteo en dous, de xeito que os israelitas pasen polo medio a pé enxoito. Eu endurecerei o corazón dos exipcios, que seguirán perseguíndovos. E mostrareime glorioso á conta do faraón, á dos seus carros e á dos seus cabaleiros. Ao mostrar a miña gloria á conta deles, aprenderán os exipcios que eu son o Señor".
            O anxo de Deus, que ía diante das hostes de Israel, cambiouse e púxose detrás. Tamén se moveu de diante para detrás a columna de nube. Púxose entre os exércitos de Exipto e os de Israel. A nube por unha banda era de tebra e pola outra alumaba a noite, de xeito que en toda a noite non puideron aproximarse os uns aos outros.
            Moisés alongou a man sobre o mar, e o Señor removeuno cun vento forte do leste, que soprou toda a noite, ata secar o mar, coas augas partidas. Os israelitas entraron polo medio do mar a pé enxoito. As augas facían muros á súa dereita e á súa esquerda. Os exipcios que os perseguían, a cabalería do faraón, os carros e os cabaleiros, entraron no mar tras deles.
            Cerca da madrugada, ollou o Señor desde a columna de nube e de lume para o campamento exipcio e cubriuno de confusión. Pexou as rodas dos carros, de xeito que non podían case que andar.          
Os exipcios entón dixeron:
            ‑ "Fuxamos dos israelitas, pois o Señor loita por eles contra nós".
            O Señor díxolle a Moisés:
            ‑ "Estende a man cara ao mar, e as augas volveranse sobre os exipcios, os seus carros e os seus cabaleiros". Moisés alongou a man cara ao mar e, contra a mañá, este volveu ao seu sitio. Os exipcios, fuxindo, deron con el, e o Señor alagounos nas súas augas. As augas, ao xuntárense, cubriron os carros, os cabaleiros e todo o exército do faraón, que entrara no mar tras de Israel. Non quedou nin sequera un.
            Os israelitas pasaron a pé enxoito polo medio do mar, mentres as augas facían muro á súa dereita e á súa esquerda.
            Aquel día salvou o Señor a Israel do poder dos exipcios. Israel puido ver na beira do mar os exipcios mortos. Israel recoñeceu con que man poderosa o Señor tratara aos exipcios. O pobo temeu o Señor e creu nel e no seu servo Moisés.
            Entón Moisés e os israelitas cantaron este canto ao Señor:

                                              

SALMO RESPONSORIAL Ex 15, 1-2. 3-4. 5-6. 17- 18

R/. (1a): Cantareille ao Señor, é grande a súa vitoria.

Cantareille ao Señor, é grande a súa vitoria:
precipitou no mar cabalo e cabaleiro.
A miña forza e o meu cántico é o Señor,
el é a miña salvación.
El é o meu Deus, e loareino,
o Deus de meu pai, e enxalzareino.

O Señor é un guerreiro;
o seu nome é «O Señor».
Alagou no mar o Faraón cos seus exércitos,
a flor dos seus capitáns afogou no Mar Rubio.

Os abismos cubríronos,
baixaron ao fondo coma pedras.
A túa destra, Señor, distínguese pola forza,
a túa destra, Señor, tronza os inimigos.

Guíalos e plántalos no monte da túa herdade,
no lugar onde fixeches, Señor, a túa morada,
no santuario, Señor, que fundaches coas túas mans.
O Señor reinará por sempre eternamente.



LECTURA DO LIBRO DO PROFETA ISAÍAS
Cuarta Lectura     Is 54, 5-14
Pola súa sempiterna misericordia, o teu redentor, o Señor, tivo misericordia de ti

            Velaí o teu Facedor, o teu Creador,
Señor Todopoderoso é o seu nome.
Certo que o teu Redentor é o Santo de Israel,
chámase Deus de toda a terra.
            Si, o Señor chamoute
coma á esposa abandonada e aflixida no espírito,
e coma á esposa da xuventude,
que de certo foi rexeitada;
o teu Deus díxoche:
"Durante un pouco tempo abandoneite,
pero con inmensa compaixón recollereite.
            Por un arrebato de ira escondín a miña cara de ti algún tempo
pero con amor eterno teño compaixón de ti
‑ dixo o Señor, o teu Redentor ‑.
            Si, nos días de Noé aconteceume isto:
xurei que as augas de Noé non volverían cruzar sobre a terra,
así tamén xurei que non me enfadaría contra ti nin te ameazaría.
            Pois os montes moveranse e os outeiros abanearán,
pero o meu amor non se moverá de onda ti
e a miña alianza de paz non cambaleará
‑ dixo o Señor, que ten compaixón de ti ‑.
Aflixida, azoutada polos ventos, non es compadecida.
            Olla que eu asento con cordel de color as túas pedras
e ciméntote con zafiros.
Asento as túas torres con rubís, e as túas portadas con pedras de cuarzo.
Toda a túa muralla con pedras preciosas.
            Tódolos teus fillos son discípulos do Señor,
e mestres da paz son os teus fillos,
(e) estabas ben afincada na xustiza.
Gárdate lonxe da opresión. Non teñas medo!
E lonxe do terror. Que a ti non se arrime!

Palabra do Señor


SALMO RESPONSORIAL    Sal 29, 2 e 4. 5-6. 11 e 12a e 13b

R/. (2a): Eu lóote, Señor, porque me libraches.

Eu lóote, Señor, porque me libraches
e non deixaches rirse de min os inimigos.
Sacaches do abismo a miña vida,
fixéchesme revivir,
lonxe dos que baixan ao sepulcro.

Cantádelle ao Señor os seus amados,
loade o seu santo nome.
O seu furor dura só un intre;
o seu favor, toda a vida.
Se hai pranto á tardiña,
ó abrente xa hai ledicia.

Escoita, Señor; ten compaixón de min,
Señor, ven socorrerme.
Trocaches o meu lamento en danza,
Señor, meu Deus, hei loarte por sempre.



LECTURA DO LIBRO DO PROFETA ISAÍAS
Quinta Lectura    Is 55, 1-11
Vinde a min para que teñades vida e establecerei convosco alianza sempiterna

            Isto di o Señor:
            Oh, sedentos todos, vinde por auga!
Os que non tedes prata, vinde,
comprade comida e comede,
vinde e comprade comida;
sen prata e sen diñeiro comprade viño e leite.
            Porque cambiades prata polo que non é pan
e o voso xornal polo que non farta.
            Escoitádeme ben:
comede ben e que a vosa gorxa se alegre coa graxa.
            Baixade o oído e vinde onda min,
facédeme caso e revivirán as vosas ilusións,
pois pactarei convosco unha alianza eterna,
os beneficios de David que se manteñen firmes.
            Velaquí: fareino pregoeiro das nacións,
príncipe e lexislador das nacións.
            Convocarás un pobo que non coñeces,
e un pobo que non te coñece correrá onda ti,
polo Señor, o teu Deus, e polo santo de Israel,
que tanto te glorificou!
            Buscade o Señor mentres se deixa atopar,
invocádeo mentres está cerca.
            Que o malvado deixe o seu vieiro,
e que o home pecador (deixe) os seus planos,
que se volva ao Señor para que teña misericordia del,
que se volva ao noso Deus
que tanto engrandece ao perdoar!
            Pois si, os meus planos non son os vosos planos,
nin os vosos vieiros son os meus vieiros
‑ é o Señor quen fala ‑.
            Canto máis altos son os ceos cá terra!
Así son máis altos os meus planos cós vosos planos,
e os meus vieiros cós vosos vieiros.
            Velaquí: como a chuvia e a neve baixan do ceo
e non volven alá sen enchoupar a terra,
fecundala e facela brotar,
para que lle dea semente ao que sementou
e pan ao que come,
así tamén será a miña palabra que sae da miña boca:
non volverá a min en van,
senón que fará o que eu queira,
e conseguirá aquilo para o que a mandei.

Palabra do Señor


SALMO RESPONSORIAL     Is 12, 2-3. 4bcd. 5-6

R/. (3): Sacaredes auga con gozo das fontes de salvación.

Deus é a miña salvación,
procederei confiadamente e non terei medo.
A miña forza e o meu cántico é o Señor,
el é a miña salvación.
Sacaredes auga con gozo
das fontes de salvación.
Dádelle  grazas ao Señor e invocade o seu nome.
Pregoade entre os pobos os seus feitos,
proclamade que o seu nome é grande.

Cantádelle ao Señor,
que fixo cousas magníficas,
anunciádeas en toda a terra.
Clamade con gozo e ledicia, habitantes de Sión:
Que grande é no medio de ti o Santo de Israel.



LECTURA DO LIBRO DO PROFETA BARUC
Sexta Lectura     Bar 3, 9-15. 32 -- 4, 4
Anda para glorificación do Señor

            Escoita, Israel, mandamentos de vida;
atende ben, para aprender a discernir.
            Que sucede, Israel? Por que estás no país dos inimigos,
e avellentaches nun país estranxeiro?
Por que te volviches impuro cos seus cadáveres,
e fuches contado cos que van ao Hades?
            Abandonaches a fonte da sabedoría.
Se camiñases polo vieiro de Deus,
habitarías en paz para sempre.
            Aprende onde está o discernir,
onde está a forza,
onde está a intelixencia para coñecer;
aprende tamén onde está a vida longa e a felicidade,
onde está a luz dos ollos e a paz.
            Quen atopou o seu lugar?
Quen entrou nos seus tesouros?
            Pero o que o sabe todo, coñécea,
invéntaa co seu saber.
            O que formou a terra para a eternidade,
encheuna de animais de catro patas.
O que lle manda á luz que veña,
chamouna e ela obedeceu con temor.
            As estrelas brillaron ledas nos seus escondedoiros,
El chamounas e respondéronlle:
"Aquí estamos!"
Brillaron con ledicia para o seu Creador.
            Este é o noso Deus,
non hai outro a El comparable.
            El inventou todo o camiño da sabedoría
e ensinoullo a Xacob,
o seu servo, e a Israel, o seu benquerido.
            Despois disto, a sabedoría apareceu sobre a terra
e viviu entre os homes.
            Ela é o libro dos mandamentos de Deus,
a Lei que permanece para sempre.
            Todos os que a aprecian terán a vida,
e os que a deixan a un lado perecerán.
            Convértete, Xacob, e abrázaa;
camiña cara á claridade, ao encontro da súa luz.
            Non lle deas a outro a túa gloria;
nin os teus privilexios a unha nación estranxeira.
            Somos felices, Israel,
porque o que agrada a Deus déusenos a coñecer.

Palabra do Señor


SALMO RESPONSORIAL    Sal 18, 8. 9. 10. 11

R/. (Xn 6, 68c): Señor, ti tes palabras de vida eterna.

A lei do Señor é perfecta:
reconforta a alma;
a declaración do Señor é firme:
fai sabio ao inxenuo.

Os mandatos do Señor son rectos:
aledan o corazón;
o precepto do Señor é limpo:
ilumina os ollos.

A vontade do Señor é pura:
permanece por sempre;
as decisións do Señor son verdadeiras:
enteiramente xustas.

Son máis cobizables có ouro,
máis có metal precioso;
son máis doces có mel,
máis có zume da antera.



LECTURA DO LIBRO DO PROFETA EZEQUIEL
Sétima Lectura     Ez 36, 16-17a. 18-28
Derramarei sobre vós auga limpa, e dareivos un corazón novo

            Veume a palabra do Señor nestes termos:
            ‑ Fillo de Adán, cando a Casa de Israel habitaba na súa terra,
volvérona impura co seu comportamento e cos seus feitos.
            Pero eu desafoguei o meu noxo neles polo sangue
que verteron sobre a terra,
e polos feitos cos que a mancharon.
            Entón eu esparexinos por entre os pobos
e dispersáronse polos países;
xulgueinos conforme o seu comportamento
e conforme os seus feitos.
            Ó entraren nas nacións onde foron,
profanaron o meu santo Nome,
e dicíase deles:
            "Estes son o pobo do Señor,
e tiveron que saír da terra del".
            Entón eu tiven consideración co meu santo Nome,
o que profanara a Casa de Israel
entre os pobos onde fora.
            Por isto, dille á Casa de Israel:
Así fala o meu Señor:
            ‑ Casa de Israel, non por vós vou eu actuar,
senón por mor do meu santo Nome,
que vós profanastes entre as nacións onde fostes.
            Pois vou facer que se recoñeza a santidade do meu gran Nome,
profanado entre as nacións nas que vós o profanastes.
            Entón recoñecerán estas nacións que eu son o Señor
‑ é o meu Señor, quen fala ‑,
cando eu vos faga recoñecer a miña santidade na súa presenza.
            Pois recollereivos das nacións,
xuntareivos de todos os países
e traereivos á vosa terra.
            Asperxerei sobre vós auga purificadora e quedaredes puros;
de todas as vosas impurezas e de todas as vosas idolatrías heivos purificar.
            Dareivos un corazón novo
e poñerei nas vosas entrañas un espírito novo;
sacarei da vosa carne o corazón de pedra
e poreivos un corazón de carne.
            Porei nas vosas entrañas o meu espírito
e farei que camiñedes conforme os meus preceptos
e que gardedes os meus mandamentos e os cumprades.
            Viviredes no país que lles dei a vosos pais:
seredes o meu pobo e eu serei o voso Deus.

Palabra do Señor



SALMO RESPONSORIAL     Sal 41, 3. 5bcd; Sal 42, 3. 4

R/.  Sal 41, 2): Como devece a cerva pola auga dos regatos,
                        así devece por ti, meu Deus, a miña alma.

A miña alma ten sede do Deus vivo:
cando verei o rostro de Deus?

Desafógase comigo a miña alma:
Eu marchaba á fronte do pobo cara á casa de Deus,
entre voces de xúbilo e loanza dun xentío en festa.

Manda a túa luz e a túa verdade,
que elas me guiarán;
levaranme ao teu monte santo,
á túa mesma morada.

Achegareime ao altar de Deus,
o Deus da miña alegría,
e loareite ao son da cítola,
Deus, meu Deus.


Ou, cando se celebra o bautismo, Is 12 como despois da lectura n. 5


Ou tamén:   Sal 50, 12-13. 14-15. 18-19

R/.  (12a):  Crea, oh Deus, en min un corazón puro.

Crea, oh Deus, en min un corazón puro,
renóvame por dentro con espírito firme;
non me botes da túa  presenza
e non tires de min o teu santo espírito.

Devólveme a alegría da túa salvación,
sostenme cun espírito xeneroso.
Ensinarei o teu camiño aos pecadores
e volverán a ti os descarreirados.

Con sacrificios ti non te compraces;
se che ofrezo holocaustos, ti non os aceptas.
O meu sacrificio a Deus é un espírito contrito:
un corazón contrito e humilde
Deus, ti non o desprezas.



LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS ROMANOS
Primeira Lectura do Novo Testamento    Rm 6, 3-11
Cristo resucitado de entre os mortos xa non morre máis

            Irmáns:
            Ignorades que a cantos nos bautizaron en Cristo Xesús, bautizáronnos na súa morte? Enterráronnos, logo, con el polo bautismo na morte, para que, como Cristo resucitou dos mortos pola gloria do Pai, así tamén nós camiñemos nunha vida nova.
            Pois se nos enxertaron nel pola semellanza dunha morte como a súa, seguro que tamén o farán por unha resurrección semellante.
            Pois habedes saber que o noso home vello foi crucificado para destruí-lo corpo pecador, de xeito que non sirvamos máis ao pecado. Porque o que morre, queda liberado do pecado.
            Se xa morremos con Cristo, cremos que tamén viviremos con El; e ben sabemos que Cristo, resucitando dos mortos, xa non morre máis, a morte xa non pode nada contra El. Porque o seu morrer foi un morrer ao pecado para sempre, mais o seu vivir é un vivir para Deus.
            Así tamén, vós considerádevos mortos ao pecado e vivos para Deus en Cristo Xesús.

Palabra do Señor


SALMO RESPONSORIAL    Sal 117, 1-2. 16ab-17. 22-23

R/. Aleluia. Aleluia. Aleluia.

Loade o Señor porque é bo,
porque é para sempre a súa misericordia.
Que o diga a casa de Israel:
é para sempre a súa misericordia.

A destra do Señor é excelsa,
a destra do Señor fixo proezas.
Non hei morrer, vou vivir,
e pregoar os feitos do Señor.

A pedra que os canteiros desbotaron,
esa mesma, converteuse en esquinal.
Foi o Señor quen o fixo,
unha marabilla á nosa vista.


Evanxeo


LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO
CICLO A       Mt 28, 1-10
Resucitou e adiantóusevos a Galilea

            Pasado o sábado, na alborada do primeiro día da semana, María Madalena e mais a outra María foron visitar o sepulcro.
            Entón produciuse un gran terremoto, xa que o anxo do Señor, baixando do ceo, removeu a lousa e sentou enriba dela. Tiña o aspecto dun relampo e o seu vestido era branco coma a neve. Os gardas tremeron co medo, ficando coma mortos. Mais o anxo díxolles ás mulleres:
            ‑ Non teñades medo, ben sei que buscades a Xesús o crucificado. Non está aquí, resucitou tal como dixera. Vinde ver o sitio onde estaba. E ide axiña dicirlles aos seus discípulos: "Resucitou de entre os mortos e vai diante de vós para Galilea: alí o veredes". Iso é o que vos tiña que dicir.
            Elas marcharon do sepulcro con toda a présa, con temor pero cheas de gozo; e correron para llelo comunicaren aos seus discípulos.
            Entón Xesús saíulles ao encontro dicindo:
            ‑ Alegrádevos.
            Elas, achegándose, abrazáronlle os pés e prostráronse ante el. Xesús díxolles:
Non teñades medo: ide avisar a meus irmáns de que marchen para Galilea, que alí me verán.

Palabra do Señor



Comentarios

Publicacións populares