LECTURAS DA MISA EN GALEGO - Domingo 2 de Pascua (1/5/11)

DOMINGO II DE PASCUA    CICLO A


Primeira Lectura    Feit 2, 42-47
LECTURA DO LIBRO DOS FEITOS DOS APÓSTOLOS
Tódolos crentes vivían unidos e tiñan todo en común


            Os irmáns eran perseverantes en escoitar a ensinanza dos apóstolos, na comuñón da vida, no rito de partiren o pan, e nas oracións. Apoderouse de todos o respecto, pois os apóstolos facían moitas marabillas e sinais.
            Tódolos crentes vivían unidos e tiñan todo en común: vendían os seus bens e propiedades, e repartíanos entre eles, conforme as necesidades de cada un.
            Todos a unha asistían diariamente ao templo, partían o pan nas casas, comendo con alegría e sinxeleza de corazón; loaban a Deus, e eran ben vistos por todo o pobo.
            Cada día o Señor aumentaba o número dos salvos e xuntábaos ao grupo.

Palabra do Señor                                         
R/. Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL   Sal 117, 2-4. 13-15. 22-24

R/. (1): Loade o Señor, porque é bo, porque é para sempre a súa misericordia.
Ou:  Aleluia.

Que o diga a casa de Israel:
é para sempre a súa misericordia.
Que o diga a casa de Aharón:
é para sempre a súa misericordia.
Que o digan os que temen o Señor:
é para sempre a súa misericordia.

Empurraban e empurraban para tirarme,
pero o Señor axudoume.
A miña forza e o meu cántico é o Señor,
El é a miña salvación.
Hai un clamor de gozo e de vitoria
nas tendas dos xustos:
a destra do Señor fixo proezas.

A pedra que os canteiros desbotaron,
esa mesma, converteuse en esquinal.
Foi o Señor quen o fixo,
unha marabilla á nosa vista.
Este é o día no que o Señor actuou:
alegrémonos nel e relouquemos.



LECTURA DA PRIMEIRA CARTA DO APÓSTOLO SAN PEDRO
Segunda Lectura    1 Pe 1, 3-9
Rexeneróusenos a esperanza viva pola resurrección de Xesús Cristo de entre os mortos

            Loado sexa o Deus e Pai do noso Señor Xesús Cristo!
Que pola súa grande compaixón, resucitou a Xesús Cristo da morte e nos fixo renacer a unha vida que se nos dá en esperanza, a unha herdanza que non se corrompe nin  afea, nin murcha, predestinada por Deus para vós;  grazas á fe que vós tedes, estades protexidos polo poder de Deus con vistas á salvación que está para se manifestar, no intre final.
            Por iso brincades de alegría, aínda que agora, se fai falta, teñades que sufrir por un pouco tempo diferentes probas. Deste xeito, o xenuíno da vosa fe ten máis valía có ouro ‑ que, a pesar de ser pasadío, aquilata no lume ‑ e considérase merecente de loanza, gloria e honra cando se revele Xesús Cristo. A quen amades sen o ter visto; en quen credes, aínda sen o ver; e brincades, cheos dunha alegría indicible e gloriosa, porque conseguistes o froito da vosa fe, a vosa salvación persoal.

Palabra do Señor                                         
R/. Grazas a Deus

ALELUIA   Xn 20, 29
Se non se canta, pódese omitir.

Aleluia, aleluia.
Porque me viches, Tomé, tes fe, di o Señor;
ditosos os que creron sen veren.
Aleluia.

Evanxeo    Xn 20, 19-31
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN
Pasados oito días, veu Xesús

            Naquel día, o primeiro da semana, ao serán, estando pechadas as portas onde estaban os discípulos, por medo dos xudeus, chegou Xesús e, poñéndose no medio, díxolles:
            ‑ Paz convosco.
            Dito isto, mostroulles as mans e mais o costado. Os discípulos alegráronse, vendo o Señor. El díxolles outra vez:
            ‑ Paz convosco: coma o Pai me mandou a min, tamén eu vos mando a vós.
            E dito isto alentou sobre eles e díxolles:
            ‑ Recibide o Espírito Santo: a quen lles perdoedes os pecados, quedaranlles perdoados; a quen llelos reteñades, quedaranlles retidos.
            Pero Tomé, un dos Doce, o chamado Xemelgo, non estaba con eles cando chegou Xesús.
            Dicíanlle entón os outros discípulos:
            ‑ Vimos o Señor.
            Pero el contestoulles:
            ‑ Como non vexa nas súas mans as furas dos cravos e non meta nelas o meu dedo; como non meta a miña man no seu costado, non crerei.
            Oito días despois estaban outra vez dentro os discípulos, e Tomé con eles. Chegou Xesús, estando pechadas as portas, e poñéndose no medio, dixo:
            ‑ Paz convosco.
            Despois díxolle a Tomé:
            ‑ Trae aquí o teu dedo e mira as miñas mans; trae a túa man e métea no meu costado. Non sexas incrédulo, senón home de fe.
            Tomé respondeulle:
            ‑ Meu Señor e meu Deus!
            Xesús díxolle:
            ‑ Tes fe porque me viches? Benia os que creron sen veren!
            Moitos outros signos fixo Xesús diante dos seus discípulos, que non se escribiron neste libro. Estes escribíronse para que creades que Xesús é o Mesías, o Fillo de Deus, e, crendo, teñades vida nel.

Palabra do Señor                                         
R/. Loámoste, Cristo


ORACIÓN
XESÚS RESUCITADO

Xesús, Xesús resucitado,
sinto na miña vida a túa presenza;
tamén a sinto na vida dos meus compañeiros.

Sinto que me preguntas
con agarimo e con enerxía a un tempo:
Ti por que cres?
Por que cres en min?
Por que intentas andar polos meus camiños?

Porque me queres,
non queres que a miña fe sexa unha rutina.
Porque me queres,
queres que a miña fe sexa boa, de calidade.
Porque me queres,
queres que a miña fe me renove e me libere.

Xesús resucitado,
que sinta a fondura da túa paz
como proba de que estás vivo en min.
Que sinta o entusiasmo de túa alegría,
como proba de que estás vivo en min.
Que sinta a urxencia de colaborar contigo,
como proba de que estás vivo en min.
Que sinta a forza de teu Espírito
como proba de que estás vivo en min.

Xesús resucitado,
ti es a garantía da miña fe;
dos meus maiores recibo agradecido a fe en ti,
dos meus compañeiros de hoxe recibo diariamente
probas abondas de que ti vives
para  alentarme no camiño crente da miña vida.

Xesús resucitado.
  
Non importa tanto o ver coma o crer, confiar, compartir, buscar consello, escoitar... para así descubrir a presenza do Resucitado


PÓRTICO
Hoxe, se cadra máis ca nunca, os que nos consideramos crentes vivimos, a miúdo, coma os discípulos do evanxeo: ao anoitecer, coas portas pechadas, cheos de medo..... Estamos inmers@s no vello, non experimentamos ao resucitado; a nova humanidade parece ausente das nosas vidas. A pesares de ser este día o primeiro da semana, o primeiro da nova creación, seguimos aferrados ao vello, ao de antes. Precisamos que o Señor se faga presente e recoñecelo nos seus sinais.
Hoxe ofrécesenos un sinal para atoparnos co Resucitado: a comunidade. Xa podemos esquecernos de pensar so en nós, na nosa fe, na nosa oración, na nosa misa, no noso domingo, no... “meu”. A Pascua, a resurrección que estamos a celebrar, invítanos a mirar en común, a expresar a nosa fe en comunidade, xa que é nesta onde se aparece o Resucitado, na reunión orante dos discípulos. E tamén no domingo, como día por excelencia, como actualización da resurrección. Xesús quere resucitar no medio da asemblea que se reúne para, xunt@s, celebrar a súa fe e acoller a tod@s.
Que esta celebración nos faga ser conscientes de que só en comunidade poderemos experimentar a resurrección e a vida de Xesús.

O PERDÓN
(Aspersión)
*      Porque andamos a meter a man nas feridas dos demais para abrirllas, non para curalas,      
SEÑOR, QUE RESUCITEMOS A UNHA VIDA NOVA.
*      Porque camiñamos cun amor de cortas miras, que non é capaz de sementar nos demais a alegría e a esperanza de que o mundo pode cambiar,
CRISTO, QUE RESUCITEMOS A UNHA VIDA NOVA.
*      Porque non somos capaces de compartir o que temos, o que somos e o que valemos, poñéndoo en común para o servizo da comunidade,
SEÑOR, QUE RESUCITEMOS A UNHA VIDA NOVA.

REMUÍÑO
·                    A nosa vida é unha busca continua de seguridades, de comodidades, de instalación. Queremos ter un bo traballo, unha vivenda en propiedade, un coche, uns aforriños no banco (por se acaso)... e ás veces, as máis das veces, queremos que a nosa fe tamén sexa unha fe de seguridades. Coma os discípulos, tamén nós estamos coas portas ben pechadas ao novo, ao que chega, ancorados no pasado. É a nosa única preocupación: as miñas intencións individuais (non vaia ser que o Señor non salve se a intención é de máis dun), os meus rosarios, os viacrucis, os xoves eucarísticos.... e, para que?. Para sentir a nosa conciencia tranquila cun cumpro + minto, cunha morea de prácticas rutineiras, baleiras de sentimento, afastadas da nosa vida e que non comprometen a nada. Sempre estamos a falar de Xesús, pero afogámolo por tradicións, costumes e rutinas que o relegan a un segundo ou a un terceiro plano. Ás veces somos nós mesmos quen o facemos desaparecer: reunímonos no seu nome, pero non hai lugar para El no noso corazón; dámonos a paz do Señor, pero reducímolo a un mero saúdo; escoitamos o seu Evanxeo, pero non deixamos que pouse no noso corazón.

·                    Neste día sería bo que nos preguntásemos se somos capaces de sorprendernos, se na nosa vida deixamos un sitio para a novidade, para romper a monotonía que nos vence. Porque somos tan previsores e previsibles, querémolo ter todo tan controlado que, moitas veces, non deixamos un oco para o factor sorpresa. O que nos quere dicir o feito da resurrección é que rompamos o medo ao descoñecido, que nos deixemos sorprender polas persoas, polo que elas nos poidan aportar, polo que elas teñan que dicir na Igrexa, na familia, na comunidade.

·                    A experiencia de Xesús é abrírmonos á súa presenza, sentir a súa proximidade. E o Evanxeo de hoxe insiste en algo moi interesante e que moitas veces esquecemos: que non importa tanto o ver coma o crer, confiar, compartir, buscar consello, escoitar... para así descubrir a presenza do Resucitado. Cómo nos falta fe!. Como nos falta entusiasmo!. Como nos falta convicción!. Non será que a nosa fe, os nosos rezos, as nosas... non son máis que palabras baleiras de contido e necesitadas de verdadeira dispoñibilidade cara os demais?. Si os demais, aqueles nos que nos di Xesús que temos que aprender a descubrir, ver, recoñecer, non significan nada para nós; se pasamos ao seu lado e somos incapaces de achegarnos e dicirlle como estás, que che pasa, por que choras... é que o noso corazón segue a ser de pedra e a Pascua aínda non chegou a nós. Felices os que sen veren, traballan, arriscan, loitan e se esforzan por facer familias, parroquias, barrios, países, mundo onde se busque o que une e non o que enfronta; se busque o amar e non dogmatizar; se busque propor e non impor. Benia aos que cren sen ver!.

ORACIÓN DA COMUNIDADE
Dirixamos agora a nosa oración comunitaria a Deus para que nos alente na vivencia esperanzada da fe; e digamos xunt@s:
FELICES NÓS, QUE CREMOS SEN VER

¨       Pola Igrexa, para que neste tempo de ledicia que é a Pascua, sexa quen de levar a todas as persoas, fundamentalmente ás afastadas e ás que están máis precisadas dela, a Boa Nova da resurrección, OREMOS.
FELICES NÓS, QUE CREMOS SEN VER
¨       Polas nosas comunidades, para que sexan fogares de celebración, encontro e compartir plural e respectuoso da fe, OREMOS.
FELICES NÓS, QUE CREMOS SEN VER
¨       Por cada un e cada unha de nós, para que a túa resurrección nos dea azos para botar fóra os nosos medos e así comprometernos coas persoas enfermas, pobres, maiores, as que están soas, as que están tristes, OREMOS.
FELICES NÓS, QUE CREMOS SEN VER
Grazas, Señor, porque nos invitas a facer da nosa fe non un conxunto de doutrinas e crenzas, senón unha vivencia expresada no amor. PXNS. AMÉN.

PARA A REFLEXIÓN
Se mantedes a esperanza,
veredes aos desamparados e aos tristes,
aos agoniados e a quen ten dor,
quedar con vós e sorrir,
e abrazarvos e esperar.
Irmáns e irmás,
erguédevos e camiñade.
Que non pode xa asustarnos a tebra.
Fuxamos da conformidade e da estreiteza,
dos complexos, do medo e da covardía.
É Pascua,
resucitou Cristo, a nosa esperanza.
Sigue vivo para darnos vida.
Nada se perdeu.
Todo está nas nosas mans,
e en Cristo vivo, todo se salvará.



CANTOS
ö       ENTRADA: Que ledicia a miña
ö       ASPERSIÓN: A auga do Señor
ö       GLORIA: Gloria a Deus, gloria a Deus...
ö       LECTURAS: Xesús é Señor
ö       OFERTORIO. Grazas, Señor, graciñas
ö       PAZ: Que veña a paz á nosa terra
ö       COMUÑÓN: Ide e pregoade

Comentarios

Publicacións populares