PASCUA - DOMINGO DE RESURRECCIÓN

PASCUA-ORACIÓNS

O tempo da Pascua abrangue sete domingos aos que se xuntan logo as festas de Pentecoste, Santísima Trindade e Corpus. Cincuenta días nos que gozamos da presenza de Xesús resucitado, e nos que co seu Espírito nos dispoñemos á tarefa de poñer vida alí onde nós mesmos e outros, por veces, nos empeñamos en poñer morte.


Non, di sempre non; a cotío, non;    
non permitas que a noite te asoballe 
nin que o medo a súa rede espalle                                                        
e che coute os voos do corazón.
Oponte a todo xeito de opresión,                                                      
a todo aquel que a liberdade talle.

Á que o precisa, alento e forza dálle                                                    
e avanza na total resurrección.
Abre a vida ao que en vida é gran dador.                                         
Apúntate con Deus ao gozo inmenso
de ser do débil seguro servidor.
Ama a fondo e cun amor intenso,                                                     
e asume o teu papel de creador                                                         
na busca dun futuro ledo e denso.


GRAZAS POLA RESURRECCIÓN

Pai creador,
as túas mans están sempre cheas de vida
para dala e repartila gratis
entre tódolos teus fillos, que somos nós.
Graciñas por iso de todo corazón.

Ti quéresnos sans no corpo e no espírito,
ti quéresnos alegres e felices,
ti quéresnos irmáns e solidarios.          
Graciñas por iso de todo corazón.

E resucitaches o teu Fillo, Xesús,                                                                                                                       
de entre os mortos,                                                                                                                                             
porque o amabas fondamente,
porque se parecía totalmente a ti,
porque morrera por amor a ti e á xente.
Graciñas por iso de todo corazón.

E resucítasnos a todos nós cada día,                                                                                         
tiras por nós cara á vida,
tiras por nós cara á verdade,
tiras por nós cara á alegría.
Graciñas por eso de todo corazón.
Gracias, Pai, fonte de vida.
Dámosche grazas hoxe con Xesús resucitado,                                                                                      
dámosche grazas con cada muller e cada home                                                                                          
que experimenta o teu poder de vida.
Dámosche grazas por toda a vida que hai no mundo.                                                                                      
Graciñas, Pai, de todo corazón.


CANDO AÍNDA ERA ESCURO

Quen poderá descubrirte entre nosoutros,
resucitado e vivo nesta terra,
loitando e admirando ao noso lado,
escorrentando a noite e afogando as tebras.

Quen terá o amor curtido e fresco
para se erguer, aínda no escuro,
e anunciar aos durmidos e esgotados
o triunfo de Xesús, firme e seguro?

Quen espallará esta nova por Galicia,
quen lles contará aos que nela sofren morte,
quen nolo dirá con sinais evidentes:
porque chegou o día e viróusenos a sorte?

Quen irá aquí correndo a toda présa
descubrindo restos da morte derrotada,
aloumiñando entre a xente os detalliños
que pregoan unha vida conquistada?

Quen terá aquí fe clara e fonda
para crer entre as sombras de sartegos
que Xesús fai connosco a nosa loita,
confusos nós, sen saber onde o puxeron?

E se falla a nosa fe nesta tarefa,
e se falla o noso amor ousado,
e se falla a esperanza dura e certa,
móstratenos ti, Xesús resucitado.


NON ESTA AQUÍ: RESUCITOU

Gloria á vida,
gloria ao amor,
gloria aos sinais de triunfo,
gloria ao noso Señor.

Non traiades perfumes de morto
neste amencer callado de vida,
non traiades chorares de ausencia,
­traede na boca ledas cantigas.

O Señor está vivo entre os vivos,
e a morte fuxiu, derrotada;
as forzas do mal son máis débiles
ca forza por Deus demostrada.

A luz que alumou aquel día
alumea os nosos traballos,
a loita non foi suprimida,
pero o triunfo foille anunciado.

En día tan grande de festa,
cos triunfos de todos os débiles
sobre a forza dos grandes que abusan,
cantemos ao Deus que tanto nos quere.

Gloria á vida,
gloria ao amor,
gloria aos sinais de triunfo,
gloria ao noso Señor.


ORACIÓN PARA SER ALEGRE

Señor, Pai de todos os risos e sorrisos,
ben sabes que me custa ser alegre.
Sempre. Fóra da Pascua e na Pascua.

Non sei ben o porqué.
Ás veces será polo meu natural,
ás veces será por tomarme moito a peito,
ás veces será por non ser fiel e coherente.

Será por asentar a miña alegría en min mesmo,
que son pouca cousa como para ser fundamento.
Será por buscala lonxe de min, se cadra,
nas zonas das ilusións sen consistencia.

Eu quero ser alegre, Señor.
Polo meu ben.
Polo ben dos que andan cabo de min
Polo ben de todo o pobo que medrará por iso.

Pódoche preguntar nesta mañá de Pascua,
cando todo é luz, vida e esperanza,
onde están os camiños certos
que levan á verdadeira alegría?

Construír o Reino, testemuñar a vida

PÓRTICO
O tempo de Pascua vaise desenvolvendo pouco a pouco, case sen darnos conta, como quen vai pasando de puntillas e sen facer moito barullo. Pero neste non facer balbordo, vainos deixando a súa pegada. Si, porque como quen non quere a cousa, insiste na importancia de dar testemuño de canto cremos e celebramos, na necesidade de ir perdendo os nosos medos, na insistencia en que só desde a esperanza poderemos entender e vivir a pascua como unha experiencia gozosa, alegre e transformadora da nosa vida e das situacións que necesitan cambio e empuxe no noso contorno. Podemos dicir que o tempo de pascua é un verdadeiro tsunami de esforzo por construír o Reino, e de facer que o testemuño de cantos nos chamamos cristiáns non quede reducido á celebración do domingo ou á rutina dunhas oracións que non falan da vida.
Poñámonos en actitude de permitir que este alento de forza positiva irrompa na nosa vida.
Perdón
(Aspersión)
· Porque as veces o noso amor está baleiro e só pensa no ter, no acaparar e no aproveitarse,                                                                      SEÑOR, QUE A TÚA BONDADE INUNDE A NOSA VIDA.
· Porque non acabamos de descubrir que a terra e os ceos novos temos que ilos construíndo nós coa nosa alegría e o noso saber abrir mans e corazón a quen o necesite,                                                                                                                                                                        CRISTO, QUE A TÚA BONDADE INUNDE A NOSA VIDA.
· Porque desexamos ser querid@s, escoitad@s, comprendid@s, valorad@s, respectad@s e alentad@s mentres que nós non estamos dispost@s a mover o noso corazón e a facer o mesmo polos demais,                                                                                                  SEÑOR,QUE A TÚA BONDADE INUNDE A NOSA VIDA.
REMUÍÑO
· Crer en Xesús é unha invitación constante a loitar contra a pasividade, contra o deixarnos ir sen facer nada positivo para nós e para os outros. No texto da primeira lectura, Feitos dos Apóstolos, cóntasenos cómo a vida daqueles primeiros grandes misioneiros da mensaxe de Xesús era una vida plena, chea de dificultades; pero tamén de moitas satisfaccións. Se lemos o texto cun pouquiño de tranquilidade e paz, descubrimos cómo estaban verdadeiramente ilusionados e felices por facerlle presente a cantos non a coñecían aínda a mensaxe de Xesús. Sabían cal era a súa misión, e nela empreñaban a súa vida. E en absoluto protestan, se queixan ou consideran que están a facer algo fora do común. Non, para eles aquilo era o que tiñan que facer, sen darlle máis voltas.
Tamén nós deberíamos actuar así, testemuñando aquilo que nos enche, aleda, fortalece, axuda… no ir desenvolvéndose da nosa vida. E tiñamos/teriamos que facelo con normalidade e naturalidade, sen facer moito barullo, convencidos de que crer en Xesús é o máis grande e importante que nos puido pasar na vida. Máis que calquera outra cousa; pois desde este facerlle oco a Xesús na vida imos orientándoa e tomando as decisión que nos van facendo sentir mellores persoas, máis solidarios e felices. A fe é una experiencia persoal, pero ha de abrirse e mostrarse comunitariamente aos demais. Deste xeito descubriremos que non estamos solos; que somos un verdadeiro tsunami de construción do Reino.

· Coma Xoán, tamén somos invitados a imaxinar un mundo mellor, a superar a tentación de dar por bo o que temos, o que estamos a vivir, o que nos está a pasar. Imaxinar que outras cousas: mundo, sociedade, paz, democracia, familia,comunidade… son posibles, significa que os ceos novos e a terra nova das que nos fala Xoán na segunda lectura non é una frase feita, non é un texto do pasado, non é una cantinela que escoitamos moitas veces e á que non lle facemos caso. Non, significa tomar conciencia de que está nas nosas mans comezar a unir vontades, corazóns, mans, ideas, proxectos… sen excluír a ninguén –todos somos importantes– para que ese mundo novo vaia comezando xa. Entón entenderemos por que se nos di que “Deus acampará no medio de nós, e seremos o seu pobo, e el será o noso compañeiro”.
· É esta a novidade que fai novas tódalas cousas: saber que Deus nos elixiu. Que o seu mandato de amarnos non era una frase feita, non foi una recomendación do pasado, non é un bonito recurso literario, senón tan real como cada un de nós, como a nosa vida –con luces e sombras-; e se El foi capaz de amarnos, e amounos primeiro, agora tócanos a nós seguir o seu camiño: amar aos demais. Porque só así entenderemos nós, e entenderán os que nos vexan, que verdadeiramente somos os seus discípulos. Non fagamos do amor una frase puramente poética, poñámoslle vida, actitudes, preocupación polos demais, proximidade, solidariedade, capacidade de escoita, tempo compartido con quen o necesita… Poñamos a Xesús na nosa vida, e abrámolo, coa nosa vida, aos demais. Se nós somos capaces de amar, quen nos vexa será capaz de descubrir quen é e por que dixo Xesús o que dixo: amádevos.
ORACIÓN DA COMUNIDADE
Nesta bencición do Reino que é o amor, poñamos a nosa vida como testemuño sincero de que é posible ilo construíndo entre tod@s, e digamos xuntos:
QUE AMÁNDONOS TE AMEMOS
· Na Igrexa, na que moitas veces , a rutina, os costumes e a desgana lévana a esquecer que ten que ser testemuño da mensaxe de Xesús, é necesario que o noso papa, bispos, curas e diáconos nunca esquezan onde está o importante, e non o confundan co secundario, Oremos.
QUE AMÁNDONOS TE AMEMOS
· Polas nosas comunidades, para que co noso compromiso no aquí e no agora: acompañando a quen está só, escoitando a quen está triste, visitando a quen está enfermo, alentando a quen está desesperanzado, sexamos conscientes de que construímos un ceo e unha terra novos, OREMOS.
QUE AMÁNDONOS TE AMEMOS
· Polas nosas nais, por todas as mulleres que están a levar adiante o coidado da vida, escoitando a voz do Señor e dando a luz unha sociedade nova, máis humana, máis xusta, máis fraterna, OREMOS.
QUE AMÁNDONOS TE AMEMOS
· Por tod@s nós, para que non teñamos medo a renovar o noso corazón, a deixarnos querer polos demais, ofrecendo o noso tempo e esforzo para que ninguén se sinta só, desesperanzado, esquecido, nin oprimido, OREMOS:
QUE AMÁNDONOS TE AMEMOS
Grazas, Señor, por ofrecernos a capacidade de descubrir que desde o amor é posible facer da nosa vida una experiencia de alegría e entrega xenerosa aos demais.                                                                       
P.X.N.S.Amén.


CANTOS

§ ENTRADA: Eu soñei
§ ASPERSIÓN: A auga do Señor
§ GLORIA
§ LECTURAS: Douvos un mandado novo
§ OFERTORIO: Quédate Señor, connosco
§ COMUÑÓN: O amor é o meirande


LECTURA DO LIBRO DOS FEITOS DOS APÓSTOLOS
Primeira Lectura    Feit 10, 34a. 37-43
Temos comido e bebido con el despois de que resucitou de entre os mortos

            Naqueles días, tomou Pedro a palabra e dixo:
            Vós sabedes o que pasou en toda a Xudea, comezando desde Galilea, despois do bautismo que Xoán predicou: como Deus unxiu con Espírito Santo e con poder a Xesús de Nazaret, que pasou facendo o ben e curando a todos os que estaban asoballados por Satán; pois Deus estaba con el.
            E nós somos testemuñas de todo o que fixo no país dos xudeus e mais en Xerusalén. Matárono, colgándoo dun madeiro. A este resucitouno Deus ao terceiro día e concedeulle que se deixase ver, non de todo o pobo, senón das testemuñas escollidas de antemán por Deus: nós, que comemos e bebemos con el, despois de que resucitou de entre os mortos.
            E mandounos que predicásemos ao pobo e atestemos que el é quen foi constituído por Deus xuíz de vivos e de mortos.
            El é de quen todos os profetas dan este testemuño: todos os que crean nel recibirán polo seu nome o perdón dos pecados.

Palabra do Señor


SALMO RESPONSORIAL    Sal 117, 1-2. 16ab-17. 22-23

R/. (24): Este é o día no que o Señor actuou: alegrémonos nel e relouquemos.
Ou: Aleluia.

Loade o Señor porque é bo,
porque é para sempre a súa misericordia.
Que o diga a casa de Israel:
é para sempre a súa misericordia.

A destra do Señor é excelsa,
a destra do Señor fixo proezas.
Non hei morrer, vou vivir,
e pregoar os feitos do Señor.

A pedra que os canteiros desbotaron,
esa mesma, converteuse en esquinal.
Foi o Señor quen o fixo,
unha marabilla á nosa vista.



LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS COLOSENSES
Segunda Lectura     Col 3, 1-4
Buscade as cousas de alá enriba, onde está Cristo

            Irmáns:
            Se resucitastes con Cristo, buscade as cousas de alá enriba, onde Cristo está sentado á dereita de Deus; arelade o de arriba e non o da terra.
            Vós morrestes e a vosa vida está agachada con Cristo en Deus. Cando se manifeste Cristo, que é a vosa vida, daquela tamén vós vos manifestades con El cheos de gloria.
Palabra do Señor
__________________________________________________________

Ou tamén:    1 Cor 5, 6b-8

LECTURA DA PRIMEIRA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS CORINTIOS
Purificádevos do vello fermento, para serdes unha masa nova

            Irmáns:
            Non sabedes que un pouco de fermento leveda a masa toda? Purificádevos do vello fermento, para serdes unha masa nova, coma pans ácimos que sodes.
            Pois o noso año pascual, Cristo, xa foi inmolado.
            Fagamos, logo, a festa pero non con fermento vello nin con fermento de malicia e perversidade, senón con pan ácimo de pureza e de verdade.

Palabra do Señor


SECUENCIA

(É obrigatorio dicila hoxe; os días dentro da Oitava é potestativo)

Con cánticos de festa, xubilosos,
loemos o que foi pan inmolado,
á Vítima pascual, trigo frutuoso.

Ó Año que, inocente, sen pecado,
co Pai reconciliando os pecadores,
penou polo rabaño, en amor dado.

Loitaron morte e vida, moitas dores,
en gran confrontación; o rei da vida
morreu e reina vivo entre loores.

Que viches, di, María, na amencida?
Que viches, cando estabas no camiño?
A pedra do sepulcro xa corrida.

Choraba eu por Xesús con gran cariño
e foime dado en graza esplendorosa
a gloria do que vence, en aloumiño.

E vin, tamén, os anxos que gloriosas
palabras me dicían de confianza;
vestidos e sudarios vin gozosa.

Xesús resucitou, leda esperanza
para min, tamén para os seus amigos todos
que irán a Galilea en lembranza.

Que Cristo rexurdiu, el o primeiro,
é fe que nesta Pascua proclamamos;
de agora e ata o intre derradeiro
co teu poder de vida camiñamos.


ALELUIA    1 Cor 5, 7b-8a
Se non se canta, pódese omitir.

Aleluia. Aleluia
Foi inmolado Cristo, a nosa Pascua;
así que celebremos festa no Señor.
Aleluia.


LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN
Evanxeo    Xn 20, 1-9
É necesario que resucite de entre os mortos

            No día primeiro da semana María a Madalena foi ao sepulcro moi cedo, cando aínda era escuro, e viu que a pedra do sepulcro estaba quitada.
            Botou a correr e, chegando onda Simón Pedro e onda o outro discípulo, a quen amaba Xesús, díxolles:
            ‑ Colleron do sepulcro o Señor, e non sabemos onde o puxeron.
            Pedro e mais o outro discípulo saíron correndo cara ao sepulcro. Corrían os dous á par. Pero o outro discípulo correu máis lixeiro ca Pedro, e chegou primeiro ao sepulcro.
            Abaixándose, viu que estaban os lenzos, pero non entrou. Entón chegou tamén Simón Pedro, que o seguía, e entrou no sepulcro. Viu os lenzos pousados alí. Pero o sudario que envolvera a súa cabeza, non estaba cos panos, senón á parte, enrolado noutro lugar.
            Entón entrou tamén o outro discípulo, que chegara primeiro, ao sepulcro; viu e creu. (Pois aínda non entenderan que, conforme a Escritura, era preciso que resucitase de entre os mortos).

Palabra do Señor

Tamén se pode proclamar o evanxeo da Vixilia pascual, núm 41


LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS
Cando hai Misa vespertina, tamén se pode proclamar Lc 24, 13-35  (núm. 46)
Queda connosco, que xa se fai noite

            Naquel día, dous dos discípulos ían camiño de Emaús, unha aldea que está a uns dez quilómetros de Xerusalén.
            Ían falando de canto pasara. E resulta que mentres parolaban e discutían, Xesús en persoa, achegouse e camiñaba canda eles. Pero os seus ollos estaban incapacitados para o recoñeceren. Entón preguntoulles:
            ‑ De que ides falando polo camiño?
            Eles pararon cun aspecto moi tristeiro, e Cleofás, un deles, respondeulle:
            ‑ Seica es ti o único forasteiro en Xerusalén, que non sabe nada do que pasou alí durante estes días?
            El preguntou:
            ‑ De que, logo?
            Eles contestaron:
            ‑ Do asunto de Xesús o Nazareno, que foi un profeta poderoso en obras e palabras, ante Deus e ante o pobo todo; de como os nosos sumos sacerdotes e demais xefes o condenaron á morte e o crucificaron.
            Nós esperabamos que el fose quen liberase a Israel; pero xa van alá tres días desde que pasaron estas cousas. Claro que algunhas mulleres das nosas déronnos un susto, porque foron ao riscar o día ao sepulcro, e, ao non atoparen o corpo, volveron falando dunha visión de anxos, que lles aseguraron que el vive. E algúns dos nosos alá foron ao sepulcro, atopando todo como as mulleres dixeran; pero a el non o viron.
            Entón díxolles:
            ‑ Que parvos e lentos sodes para crer todo o que anunciaron os profetas! E logo, non cumpría que o Cristo padecese todo isto, antes de entrar na súa gloria?
            E comezando por Moisés e todos os profetas, foilles interpretando o que as Escrituras falaban del.
            Ó entraren na aldea onde ían, fixo coma quen quería seguir para adiante. Pero eles porfiáronlle, dicindo:
            ‑ Queda connosco, porque se fai tarde, e a noite bótase enriba.
            Quedou con eles. E mentres estaban na mesa, colleu o pan, bendiciuno e partiuno e déullelo. Entón abríronselles os ollos e recoñecérono; pero el desapareceu. E dixeron:
            ‑ Non ardía o noso corazón, cando nos falaba polo camiño, interpretándonos as Escrituras?
            E levantándose axiña, volveron a Xerusalén. Alí atoparon os Once reunidos cos seus acompañantes, que dicían:
            ‑ É certo, o Señor resucitou e aparecéuselle a Simón.
            Eles tamén contaron o que lles pasara polo camiño, e como o recoñeceran no partir o pan.

Palabra do Señor







Comentarios

Publicacións populares