LECTURAS DA MISA EN GALEGO - Domingo 5 de Coresma (10/04/11)
DOMINGO V DE CORESMA - CICLO A
LECTURA DO LIBRO DO PROFETA EZEQUIEL
Primeira Lectura Ez 37, 12-14
Dareivos o meu Espírito e viviredes
Isto di o Señor Deus:
‑ Velaí que eu vou abrir as vosas sepulturas,
e vouvos facer subir das vosas sepulturas, meu pobo,
e vouvos levar á terra de Israel.
Recoñeceredes que eu son o Señor,
cando eu abra as vosas sepulturas,
e cando vos faga subir das vosas sepulturas, meu pobo.
Vou poñer en vós o meu espírito
e vouvos facer revivir na vosa terra.
Así recoñeceredes que eu, o Señor, o digo e o fago
‑ é o Señor quen fala ‑.
Palabra do Señor
R/. Grazas a Deus
SALMO RESPONSORIAL Sal 129, 1-2. 3-4ab. 4c-6. 7-8
R/. (7): Do Señor vén a misericordia, e nel a redención é cumprida.
Desde os abismos clamo a ti, Señor;
Señor, escoita a miña voz.
Ten atentos os oídos
á voz da miña súplica.
Se levas conta dos pecados, Señor,
Señor, quen poderá terse en pé?
Mais en ti está o perdón
para te faceres respectar.
Eu espero no Señor,
a miña alma espera na súa palabra;
a miña alma agarda o Señor,
máis do que os vixías á aurora.
Agarde Israel o Señor,
pois do Señor vén a misericordia
e nel a redención é cumprida.
El é quen redime a Israel
de todos os pecados.
Segunda Lectura Rm 8, 8-11
O Espírito de quen resucitou a Xesús de entre os mortos habita en vós
Irmáns:
Os que viven conforme a condición carnal, non poden agradar a Deus.
Pero vós non vivides conforme a carne, senón conforme o espírito, se é que o Espírito de Deus habita en vós: se algún non ten o Espírito de Cristo, ese non é de Cristo.
Pero se Cristo está en vós, o voso corpo certamente está morto por culpa do pecado, mais o espírito é vida por causa da xustiza.
Se o Espírito do que resucitou dos mortos a Xesús habita en vós, o mesmo que resucitou a Cristo Xesús dos mortos, vivificará os vosos corpos mortais polo seu Espírito que habita en vós.
Palabra do Señor
R/. Grazas a Deus
VERSÍCULO Xn 11, 25a. 26
Eu son a resurrección e a vida, di o Señor;
quen cre en min non morrerá endexamais.
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN
Evanxeo Xn 11, 1-45 (longo)
Eu son a resurrección e a vida
Naquel tempo, Lázaro de Betania, da aldea de María e da súa irmá Marta, caera enfermo. María fora a que unxira o Señor con perfume e lle enxugara os pés cos seus cabelos; o seu irmán Lázaro era o enfermo. Por iso, as irmás mandaron a dicirlle a Xesús:
‑ Señor, mira, o que amas está enfermo.
Ó oílo, dixo Xesús:
‑ Esta enfermidade non é para a morte, senón para a gloria de Deus, a fin de que por ela se glorifique o Fillo de Deus.
Xesús queríalles moito a Marta, á irmá dela, e mais a Lázaro. Aínda que oíu que este estaba enfermo, deixouse estar aínda por dous días no sitio onde se atopaba. Despois disto, díxolles aos discípulos:
‑ Vaiamos outra vez a Xudea!
Os discípulos respondéronlle:
‑ Mestre, aínda non hai nada que te querían apedrar os xudeus, e vas ir outra vez alí?
Xesús replicou:
‑ Non hai doce horas de día? Se alguén camiña de día, non tropeza, pois ve a luz deste mundo; mais se alguén camiña de noite, tropeza, pois non hai luz nel.
En dicindo isto, proseguiu:
‑ Lázaro, o noso amigo, dorme; pero eu vouno espertar.
Dixéronlle entón os discípulos:
‑ Señor, se dorme, curará.
Xesús dicíao da morte. Pero eles coidaban que falaba do repouso do sono. Entón Xesús díxolles abertamente:
‑ Lázaro morreu, e alégrome por vós de non estarmos alí, para que creades. Así que vamos onda el!
Díxolles entón Tomé ‑ o chamado Xemelgo ‑ aos outros discípulos:
‑ Vaiamos tamén nós morrer con el!
Cando chegou Xesús, atopouse con que Lázaro xa levaba catro días no sepulcro. Betania estaba preto de Xerusalén, a uns tres quilómetros; moitos dos xudeus foran onda Marta e María para lles daren o pésame polo irmán. Cando oíu Marta que Xesús estaba chegando, saíulle ao encontro. María, en cambio, quedou na casa. Díxolle entón Marta a Xesús:
‑ Señor, se ti estiveses aquí non morrería meu irmán; pero eu sei que, aínda agora, Deus che concederá calquera cousa que lle pidas.
Xesús díxolle:
‑ Teu irmán resucitará.
Marta respondeulle:
‑ Ben sei que resucitará na resurrección, no día derradeiro.
Díxolle Xesús:
‑ Eu son a resurrección e a vida. Quen cre en min, aínda que morra, vivirá; e todo o que vive e cre en min, non morrerá endexamais. Cres ti isto?
Ela respondeu:
‑ Si, Señor: eu creo que ti es o Cristo, o Fillo de Deus, que había de vir ao mundo.
E, ditas estas cousas, saíu e chamou por María, súa irmá, dicíndolle polo baixo:
‑ O Mestre está aquí e chámate.
Ela, ao oílo, ergueuse de contado e foi onda el. (Aínda non chegara Xesús á aldea, senón que estaba no mesmo sitio onde o atopara Marta). Entón os xudeus que estaban con ela na casa para lle daren o pésame, vendo a María que se ergueu de contado e saíu, foron detrás dela, coidando que ía á sepultura para chorar alí. María chegou onde estaba Xesús e, ao velo, caeu aos seus pés, dicíndolle:
‑ Señor, se ti estiveses aquí, non morrería meu irmán.
Ó ver Xesús que ela estaba chorando, e tamén os xudeus que viñeran con ela, apertóuselle o corazón e, profundamente conmovido, preguntou:
‑ Onde o puxestes?
Contestáronlle:
‑ Señor, ven ver.
E Xesús botouse a chorar.
Entón comentaban os xudeus: "Ai que ver como o quería!"
Pero algúns deles dixeron: "E logo este, que deu vista aos ollos dun cego, non podía facer que non morrese?"
Xesús, estremecéndose de novo, chegou á sepultura. Era unha cova e tiña unha pedra por riba.
Xesús ordenou:
‑ Arredade a pedra.
Marta, a irmá do finado, díxolle:
‑ Señor, xa cheira, que leva catro días.
Xesús contestoulle:
‑ Non che dixen que se cres, verás a gloria de Deus?
Arredaron entón a pedra. Xesús ergueu os ollos e dixo:
‑ Meu Pai, douche grazas porque me escoitaches. Eu ben sabía que ti sempre me escoitas, pero díxeno pola xente que está aquí, para que crean que ti me mandaches.
E dito isto, gritou con voz forte:
‑ Lázaro, ven para fóra!
Saíu o morto; tiña os pés e as mans atados con vendas e a cara envolta nun sudario. Xesús ordenoulles:
‑ Desenleádeo e deixádeo ir.
Entón, moitos dos xudeus que viñeran onda María, vendo o que fixo, creron nel.
Palabra do Señor
R/. Loámoste, Cristo
______________________________________________________________________
Ou máis breve:
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN
Xn. 3-7. 17. 20-27. 33b-45
Naquel tempo, as irmás de Lázaro mandaron a dicirlle a Xesús:
‑ Señor, mira, o que amas está enfermo.
Ó oílo, dixo Xesús:
‑ Esta enfermidade non é para a morte, senón para a gloria de Deus, a fin de que por ela se glorifique o Fillo de Deus.
Xesús queríalles moito a Marta, á irmá dela, e mais a Lázaro. Aínda que oíu que este estaba enfermo, deixouse estar aínda por dous días no sitio onde se atopaba. Despois disto, díxolles aos discípulos:
‑ Vaiamos outra vez a Xudea!
Cando chegou Xesús, atopouse con que Lázaro xa levaba catro días no sepulcro.
Cando oíu Marta que Xesús estaba chegando, saíulle ao encontro. María, en cambio, quedou na casa.
Díxolle entón Marta a Xesús:
‑ Señor, se ti estiveses aquí non morrería meu irmán; pero eu sei que, aínda agora, Deus che concederá calquera cousa que lle pidas.
Xesús díxolle:
‑ Teu irmán resucitará.
Marta respondeulle:
‑ Ben sei que resucitará na resurrección, no día derradeiro.
Díxolle Xesús:
‑ Eu son a resurrección e a vida. Quen cre en min, aínda que morra, vivirá; e todo o que vive e cre en min, non morrerá endexamais. Cres ti isto?
Ela respondeu:
‑ Si, Señor: eu creo que ti es o Cristo, o Fillo de Deus, que había de vir ao mundo.
A Xesús, véndoos chorar, apertóuselle o corazón e, profundamente conmovido, preguntou:
‑ Onde o puxestes?
Contestáronlle:
‑ Señor, ven ver.
E Xesús botouse a chorar.
Entón comentaban os xudeus: "Ai que ver como o quería!"
Pero algúns deles dixeron: "E logo este, que deu vista aos ollos dun cego, non podía facer que non morrese?"
Xesús estremecéndose de novo, chegou á sepultura. Era unha cova, e tiña unha pedra por riba.
Xesús ordenou:
‑Arredade a pedra.
Marta, a irmá do finado, díxolle:
‑ Señor, xa cheira, que leva catro días.
Xesús contestoulle:
‑ Non che dixen que se cres, verás a gloria de Deus?
Arredaron entón a pedra. Xesús ergueu os ollos e dixo:
‑ Meu Pai, douche grazas porque me escoitaches. Eu ben sabía que ti sempre me escoitas, pero díxeno pola xente que está aquí, para que crean que ti me mandaches.
E dito isto, gritou con voz forte:
‑ Lázaro, ven para fóra!
Saíu o morto; tiña os pés e as mans atados con vendas e a cara envolta nun sudario. Xesús ordenoulles:
‑ Desenleádeo e deixádeo ir.
Entón, moitos dos xudeus que viñeran onda María, vendo o que fixo, creron nel.
Palabra do Señor
R/. Loámoste, Cristo
NAS TÚAS MAN TRANSFÓRMASE O MUNDO
E todo cambia ante os nosos ollas.
Nas túas as mans transfórmase o mundo, Señor.
A nosa terra, escenario de odios,
convértese en semente do teu Reino.
Ti traballas nos seus sucos.
A nosa ledicia, que tan pronto pasa,
faise semente da alegría eterna.
Da súa luz ti sacarás o sol.
A morte xa non pon remate,
porque no remate Ti sementas
o comezo.
A vida e a morte en duro combate.
Vence a vida porque Ti está con ela.
E nós venceremos canda ti.
En ti resucitou aterra.
En ti resucitou o ceo.
En Ti afúndese todo
E érguese, senlleira, a vida.
P. Loidi: Gritos y plegarias
CHAMADOS PARA A VIDA
Lázaro ...
coma Lázaro hai moitos,
moitos mortos:
mozos mortos e vellos mortos;
mortos vivos e mortos mortos.
Hainos que descansan
na paz do seu sepulcro,
e hainos que cansan
no trasfego da vida.
Ti es un morto,
necesitado de vida,
e eu son un morto,
necesitado de vida.
Hai persoas mortas
e hai pobos mortos.
Hai persoas mortas
e hai grupos ou clases mortas.
Os labregos somos,
case sempre,
unha clase morta,
porque nos matan.
Diante de todos, Xesús,
amando de corazón,
estremecéndoselle o espírito,
conmovéndose profundamente,
chorando e berrando:
Lázaro, ven para fóra!
Quen lle axudará a Xesús
a apartar as pedras
que cobren as sepulturas?
A XUSTIZA DE CRISTO ÁBRENOS CADA DIA O CAMIÑO DA SALVACIÓN E DA FRATERNIDADE
SIGNO SINXELO E EXPRESIVO
Colocamos a derradeira póla na nosa árbore da Coresma. Lembramos as frases escollidas polo noso equipo:
1) NON SÓ DE PAN VIVE O HOME
2) ERGUÉDEVOS, NON TEÑADES MEDO!
3) SEÑOR, DÁME LOGO DESA AUGA PARA NON TER SEDE
4) SÓ SEI UNHA COUSA: QUE EU ANTES ERA CEGO E QUE AGORA VEXO
5) EU SON A RESURRECCIÓN E A VIDA. QUEN CRE EN MIN, AÍNDA QUE MORRA, VIVIRÁ.
----------------------------------------------------------------------------------------------------------
PÓRTICO
No final do camiño da coresma, podemos xa mirar cara atrás e tentar descubrir cales foron os fardos pesados que fomos capaces de ir deixando atrás nas catro semanas anteriores. Podemos preguntarnos se as pólas do noso carballo van medrando en harmonía cos nosos feitos, coas nosas actitudes e coas nosas palabras. Se fose así, que mellor que reunirnos de novo este domingo para agradecelo; pero se a realidade fose outra, non perdamos a oportunidade que outra vez Deus nos volve dar de rectificar e cambiar o rumbo da nosa vida.
Que a celebración que damos comezo neste momento, sexa caxato que nos manteña na fidelidade ao proxecto de amor que Deus nos vai ofrecendo de continuo.
O PERDÓN
v Porque moitas veces coas nosas palabras, cos nos feitos ou omisións somos causa de morte e infelicidade, SEÑOR, QUE VIVAMOS NA ESPERANZA.
v Porque seguimos empeñados en non demostrar os nosos sentimentos, agochándoos detrás de máscaras que non fan máis que volvernos insensibles, CRISTO, QUE VIVAMOS NA ESPERANZA.
v Porque cando dicimos que ti es resurrección e vida para nós, non acabamos de crelo, SEÑOR, QUE VIVAMOS NA ESPERANZA.
REMUÍÑO
v O Deus de vida ao que tantas veces lle temos pedido e agradecido, hoxe volve invitarnos e, desde a escoita atenta da súa palabra, mostrarnos por onde e cara onde nos leva a esperanza da que tantas veces temos escoitado falar nas celebracións, á que lle temos rezado encomendando ás persoas que se nos foron, desde a que temos vivido acompañando a cantos queremos e nos queren. A esperanza que nos aporta a fe no Deus de Xesús. Que ben o recolle Ezequiel neste pequeno texto que proclamamos na primeira lectura! Cantas veces non temos celebrado funeral, cabodano, misa lembrando e encomendando ás persoas que queremos e se nos foron? E que poucas destas veces temos intentado comprender, interiorizar, máis alá dos rezos externos, que significaba e supuña para cada un de nós o que estabamos a facer. A resposta vólvenola ofrecer o texto do profeta: o noso é un Deus de vivos, non de mortos. Dóenos separarnos fisicamente daquelas persoas que nos queren e ás que lles seguimos querendo, pero esa separación só é física, porque a oración, a confianza, o amor que por medio deles Deus foi deixando en nós, fai manter viva a súa presenza, únenos a Deus, e ábrenos á esperanza de que un día, non sabemos día nin hora, volveremos xuntarnos con eles para participar, e para sempre, dese amor de Deus que no noso aquí na terra soamente temos experimentado de xeito parcial.
v Esta convición e confianza fan que diante da dureza das situacións que se nos van presentando na vida, e moitas das veces a dor que nos causa é fonda e grande, as vivamos coa esperanza de saber que o mal non vai dominarnos. Que aínda que haberá momentos duros, incomprensibles moitas veces, sen explicación lóxica… non estaremos solos para afrontalos: fe e comunidade van ser os nosos caxatos para mirar cara adiante e loitar contra a tentación do derrotismo. Non estamos solos, moit@s camiñan coma nós e buscan non perderse no camiño. E o Deus que resucitou a Xesús non nos vai deixar solos nin da súa man. El ha dar vida á nosa pequenez e pobreza; El ha dar forza á nosa limitación e incapacidade. Como Xesús, tamén nós somos invitados a confesar a fe desde a convicción de “que todo o podemos naquel que nos conforta”.
v E do mesmo xeito que a irmá de Lázaro, tamén nos diremos cos nosos beizos, “Ben sei que resucitará”. As bágoas e a rabia que tantas veces nos ten provocado o sensentido de moitas mortes, desde esta confianza que Xesús nos ofrece, hanse converter en esforzo, traballo e loita para que a desesperanza e o afastamento de Deus non entren na nosa vida. El é “a resurrección e a vida”, e desde El somos invitados a facer a nosa travesía, non afastados nin del nin do mundo, senón desde o mundo asumindo as contradición que ese mundo, o noso mundo, vai creando. E sen deixarnos levar do abandono, saibamos que por moito que nós queiramos prescindir de Xesús, El vai estar sempre ao noso dispor. E antes ou despois acabaremos tendendo a man na súa busca. E coma Lázaro, tamén nos dirá a nós: “sal fóra”. Sal fóra para que en ti non agrome a desconfianza, o materialismo, unha vida baleira ou o deixarse ir sen máis ao que saia. A chamada a saír fóra é a que nos encamiña para que un día nos quedemos para sempre con El. A iso os crentes chamámoslle esperanza e resurrección: fe.
ORACIÓN DA COMUNIDADE
Porque queres que botemos fóra todo aquilo que nos encerra en nós mesmos, e nos impide descubrir a gran tarefa que temos cada día para facer presente a túa esperanza, dicimos:
QUE SAIAMOS FÓRA DA NOSA DESESPERANZA
Pola Igrexa, para que non teña medo de anunciar unha mensaxe de alegría e liberación a tódalas persoas, e decididamente rompa con todo o que a ata a privilexios e ó poder, OREMOS:
QUE SAIAMOS FÓRA DA NOSA DESESPERANZA
Moitas veces as nosas comunidades caen na rutina, a mediocridade e o desalento, para que como Marta e María, saibamos buscar medios que nos axuden e endereita-lo noso rumbo, OREMOS.
QUE SAIAMOS FÓRA DA NOSA DESESPERANZA
Para que na nosa vida, diante de situacións duras, esgazadoras, difíciles polas que moitas veces temos que pasar, non nos deixemos levar pola desesperanza e a ruptura da nos relación con Xesús, OREMOS
QUE SAIAMOS FÓRA DA NOSA DESESPERANZA
Para que sempre nos esforcemos por coidar e conservar a nosa vida e a dos demais, especialmente as vidas dos mais débiles e necesitados, non sendo nunca verdugos que troncen e non respecten a dignidade de tódalas vidas, OREMOS.
QUE SAIAMOS FÓRA DA NOSA DESESPERANZA
Señor, que saiamos fóra da desesperanza que tantas veces quere acampar, e acampa na nosa vida, para remontar horizontes e non perder o teu guieiro. P.X.N.S.
PARA A REFLEXIÓN
Pero ri mellor quen ri o último.
Lázaro, amigo, ti non morres,
ti non vas morrer, porque te quero.
Eu quiteille á morte o seu aguillón.
Eu son a resurrección e a vida.
Lázaro, sae do sepulcro, achégate!
Achégate á liberdade, achégate á vida,
escoita a miña palabra poderosa;
vén fóra, cantar e dar grazas;
e repartir abrazos, bicos e bágoas,
vén ver a luz do sol, vén aos meus brazos.
Quédannos moitas cousas por facer, a ti e a min.
Logo, na súa hora, o Pai agárdanos.
Entón iremos á súa casa da man, ti e máis eu.
Cantos
o ENTRADA: Unha xuntanza de amor
o LECTURAS: A túa palabra
o OFERTORIO: Sede o sal
o COMUÑÓN: Acharte presente
Comentarios
Publicar un comentario