NOVAS - 9 abril. 800 ANIVERSARIO DA CONSAGRACIÓN DA CATEDRAL DE SANTIAGO DE COMPOSTELA
Con motivo dos 800 anos da conmemoración da consagración da nosa Catedral de Santiago de Compostela, o noso maior símbolo cultural e relixioso, os composteláns convídannos a celebrar este aniversario canda eles o próximo sábado día 9.
Este é un fragmento da carta do Consorcio de Santiago:
Se non podemos en persoa, estou segura de que os nosos corazóns estarán convosco.
No ano 2011, a cidade vai celebrar o 800 aniversario da consagración da Catedral de Santiago de Compostela, unha nova oportunidade para manter vivo o efecto do ano Xacobeo que acaba de rematar, evento que representa en cada ocasión o encontro das administracións e dos cidadáns así como a posta en marcha de proxectos e actividades que inciden no crecemento e na proxección de Compostela como cidade Capital de Galicia e cidade de referencia europea. Por outra parte, favorece a consolidación dunha axenda cultural que xa é un referente para Galicia e no concerto das cidades de Europa e do mundo.
A Catedral de Santiago cumpre neste ano 2011 nada máis e nada menos que 800 anos e para celebrar tal efeméride imos desenvolver un conxunto de accións, exposicións, concertos e intervencións no noso patrimonio que reforcen o proxecto de cidade.
Un recurso importante para a difusión desta conmemoración é a elaboración dunha guía educativa na que a Catedral e o 800 aniversario se expliquen dun xeito didáctico e nos aproximen á historia da Catedral e á conmemoración da súa consagración.
O motivo desta comunicación é dar a coñecer unha iniciativa que actúe como referente e dinamizador desta celebración. Trátase da organización dun acto social e lúdico de participación dos composteláns arredor do noso elemento patrimonial máis relevante: a Catedral.
Queremos facelo a través dun acto que potencie o seu indiscutible valor histórico e Q. afecto que a ela nos une como un dos principais sinais da nosa identidade. Un acto que consiste en organizar un masivo ABRAZO CIDADÁN Á CATEDRAL DE SANTIAGO DE COMPOSTELA, O VINDEIRO SÁBADO DÍA 9 DE ABRIL, ÁS 13 HORAS.
Unha proposta destas características ten que amosar o recoñecemento que para nós representa a basílica compostelá e só se converterá nun éxito se entre todos e todas conseguimos rodear masivamente o perímetro da Catedral de Santiago.
Sirva pois esta carta como un convite á participación individual e colectiva neste evento para o que lle prego que asista aos encontros organizativos que se convoquen con tal motivo. (...)
Xosé A. Sánchez Bugallo
Presidente do Consorcio da cidade de Santiago de Compostela
|
Se non podemos en persoa, estou segura de que os nosos corazóns estarán convosco.
Comentarios
Publicar un comentario