XOVES SANTO - Lecturas. Día do amor fraterno

XOVES SANTO

MISA DA DERRADEIRA CEA DO SEÑOR


Primeira Lectura      Ex 12, 1-8. 11-14
Mandatos acerca da cea pascual

LECTURA DO LIBRO DO ÉXODO

     Naqueles días, o Señor díxolles en Exipto a Moisés e a Aharón:
     ‑ Teredes este mes polo primeiro dos meses, o mes principal de todo o ano. Dicídelle a toda a comunidade de Israel: "Que no día dez deste mes cadaquén se procure un año por familia, un por casa. Se a familia é moi pequena para comer o año enteiro, que se xunte co seu veciño, co máis próximo á súa casa, de xeito que, tendo en conta o número de comensais, o año se axuste ao que entre todos poidan comer.
     O animal, que será sen defecto, macho e dun ano, procuraré­delo entre os años ou entre os cabritos.
     Gardarédelo ata o catorce deste mes e, entre lusco e fusco dese día, inmolarao a comunidade toda de Israel en asemblea. Colleredes o sangue e mollaredes con el as xambas e o lintel das casas nas que se vai comer.
     Comeredes a carne esa noite, asada no lume, con pan sen levedar e con verduras amargas.
     Comerédelo deste xeito: A cintura cinguida, as sandalias nos pés, o caxato na man. Comerédelo ás presas, pois é a Pascua, o Paso do Señor.
     Esa noite pasarei eu por todo Exipto e ferirei de morte a todos os primoxénitos, desde os dos homes ata os do gando. Farei cumprida xustiza contra todos os deuses de Exipto. Eu, o Señor.
     O sangue será o sinal das casas onde vós habitades. En vendo o sangue, pasarei sen me deter, e así, cando eu fira a Exipto, non vos tocará a vós a praga exterminadora.
     Este día quedaravos como lembranza perpetua e faredes nel festa ao Señor. Será festa de precepto por todas as xeracións".

Palabra do Señor                             
R/. Grazas a Deus

SALMO RESPONSORIAL      Sal 115, 12-13. 15-16bc. 17-18

R/. (cf. 1 Cor 10, 16): O cáliz de bendición é a comuñón do Sangue de Cristo.


Con que lle pagarei ao Señor
todo o ben que me fixo?
Alzarei a copa da salvación,
invocando o nome do Señor.

É preciosa aos ollos do Señor
a morte dos seus amigos.
Señor, eu son o teu servo,
servo teu e fillo da túa serva:
ti rompiches as miñas cadeas!

Ofrecereiche un sacrificio de loanza,
invocando o teu nome, Señor.
Cumprirei os meus votos ao Señor,
á vista de todo o seu pobo.



LECTURA DA PRIMEIRA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS CORINTIOS
Segunda Lectura      1 Cor 11, 23-26
Cantas veces comades deste pan e bebades deste viño, anunciades a morte do Señor

            Irmáns:
            Eu recibín do Señor, e transmitinvos tamén a vós, que o Señor Xesús, na noite en que o entregaron, colleu pan e, despois de dar grazas, partiuno e dixo: "Isto é o meu corpo, que se entrega por vós; facede isto en memoria miña".
            Do mesmo xeito, despois de cear, tomou a copa dicindo: "Esta copa é a Nova Alianza, no meu sangue; cada vez que a bebades, facédeo en memoria miña".
            Polo tanto, cada vez que comedes este pan e bebedes esta copa, anunciades a morte do Señor, ata que El volva.

Palabra do Señor                             
R/. Grazas a Deus

VERSÍCULO     Xn 13, 34
Douvos un mandamento novo, di o Señor,
que vos amedes uns a outros como eu vos amei.


LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN
Evanxeo     Xn 13, 1-15
Amounos ata a fin

            Antes da festa da Pascua, sabía Xesús que lle chegara a hora de pasar deste mundo para onda o Pai; e xa que amara os seus que estaban no mundo, amounos ata a fin.
            E mentres ceaban ‑xa o Satán lle movera o corazón a Xudas, o de Simón Iscariote, para que o entregase ‑, sabendo que o Pai lle puxera todo nas mans, e que saíra de Deus e ía onda Deus, ergueuse da mesa e deixou a túnica; e collendo unha toalla, cinguiuse con ela. Despois, botou auga nunha almofía e comezou a lavarlles os pés aos discípulos e a secárllelos coa toalla que levaba cinguida.
            Pero, cando chegou onda Simón Pedro, este díxolle:
            ‑ Señor, vasme ti lavar os pés a min?
            Xesús respondeulle:
            ‑ O que eu fago, ti non o entendes agora; halo comprender despois.
            Pedro replicoulle:
            ‑ Ti non me lavarás os pés a min endexamais.
            Xesús respondeulle:
            ‑ Se non te lavo, non terás parte comigo.
            Exclamou Simón Pedro:
            - Señor, daquela os pés, as mans e mais a cabeza.
            Dille Xesús:
            ‑ Quen se bañou, non precisa máis que lavar os pes, pois está todo limpo; e vós estades limpos, aínda que non todos.
            Sabía quen o había de entregar: por iso dixo "non todos estades limpos".
            Despois de que Xesús lles lavou os pés e vestiu a súa túnica, sentou outra vez e preguntoulles:
            ‑ Comprendedes o que fixen convosco? Vós chamádesme "Mestre" e "Señor" e dicides ben porque o son. Logo, se eu, o Señor e o Mestre, vos lavei os pés, tamén vós debedes lavarvos os pés uns a outros.
            Deivos así un exemplo, para que, como eu fixen convosco, así fagades tamén vós.

Palabra do Señor                                         
R/. Loámoste, Cristo

XESTOS DE AMOR FRATERNO

Cear cos amigos,
abrirlles o corazón sen medo,
lavarlles os pés con agarimo e respecto,
facerse pan terno compartido
e viño novo bebido.
Enchouparse de Deus,
e invitar a todas as persoas a facer o mesmo.

Visitar a quen está enfermo,
coidar a anciáns e pequenos,
dar de comer a quen está famento
e de beber a quen ten sede;
liberar aos presos e cativos,
vestir a quen está espido,
acoller a emigrantes e perdidos,
sepultar dignamente os mortos.
Non esquecerse dos vivos,
e invitar a todas as persoas
a que fagan o mesmo.

Ensinar a quen non sabe,
dar un consello a quen o precisa,
corrixir a quen se equivoca,
perdoar inxurias e fraquezas.
Consolar a quen está triste,
ter paciencia coas debilidades dos demais.
Pedirlle a Deus por amigos e inimigos,
e invitar a todas as persoas
a que fagan o mesmo.

Traballar pola xustiza,
empeñarse nunha paz duradeira,
dicir non ás armas,
desvivirse en proxectos solidarios,
reducir as nosas contas e carteiras,
superar as esmolas.
Amar ata o extremo,
e invitar a todas as persoas
a que fagan o mesmo.

Ofrecer un vaso de auga,
brindar unha palabra de consolo,
denunciar leis inxustas,
parar a viaxe dos negocios propios,
cargar con quen está ferido,
aínda que non sexa da familia,
saír da nosa casa e do noso círculo.
Construír unha cidade para todos,
e invitar a todas as persoas
a que fagan o mesmo.

Realizar o traballo debidamente.
Non defraudar á Facenda.
Respectar a dignidade de todas as persoas.
Defender os Dereitos Humanos.
Romper fronteiras e "guetos".
Dubidar de fortunas e privilexios.
Crear desconcerto evanxélico.
Amar como Ti nos amas,
e invitar a todas as persoas
a que fagan o mesmo.

Un xesto só, un só,
desborda o teu amor,
que se nos ofrece como manancial de vida.
Se nos deixamos alcanzar e lavar,
todos quedaremos limpos,
coma cativos acabados de bañar
para descansar no seu colo.
Lávame, Señor!
Lávanos, Señor!
Ulibarri, F



CAMIÑAMOS NA VIDA PARA FACER PRESENTE A XESÚS DENDE O SERVIZO E O AMOR

Pórtico
Un ano máis, celebramos o día de Xoves Santo. Ao igual que o pobo de Israel, celebramos a liberación do que nos ata, do que nos impide mirar máis aló, do que nos fai pesimistas, do que nos fai non necesitar de ninguén. Agradecémoslle ao Señor que nos dea a oportunidade de actualizar a presenza do seu Fillo no medio de nós. Unha presenza que é darse aos demais, unha presenza que é telo presente a El, e nel presentes a tódalas persoas, especialmente ás que si están escravas ...
Xesús, no día de hoxe, fai o maior xesto de amor cara aos seus: lavarlles os pés. Así, quere tamén achegarse a tódalas persoas por medio de nós, da nosa vida, do que significa ser cristián, ser servidor sen pedir nada a cambio, sen buscar sobresaír por riba de ninguén.
Actualicemos hoxe na nosa vida as palabras de ,xesús ... "facede isto en memoria de min". O pan e o viño son alimento, vida, futuro, ilusión, esperanza, solidariedade ... servizo no día do amor fraterno e da institución da Eucaristía. O de Xesús é un estilo que máis ca nunca se necesita nesta sociedade consumista e materialista, que nos mide polo que ternos e polo que podemos conseguir.
Que esta celebración sexa para nós o motivo que nos faga entregar a nosa vida como ofrenda aos que están ao noso carón, coa ilusión e esperanza dun futuro mellor.

O PERDÓN
Polas veces nas que a nosa vida non transmite ilusión e esperanza, senón que pola contra, o noso xeito de vivir a fe é triste porque cae na rutina, no recordo doutros tempos mellores e no deixarse levar,
SEÑOR, QUE TE FAGAMOS PRESENTE NO MEDIO DE NÓS.

Porque nos custa saír da nosa comodidade, que cuestionen o noso xeito de pensar e vivir e somos incapaces de descubrir que o encontro con Xesús é sempre unha novidade,
CRISTO, QUE TE FAGAMOS PRESENTE NO MEDIO DE NÓS.

Polas veces nas que transmitimos unha imaxe equivocada de Xesús coa nosa vida, unha imaxe que transmite imposición, intolerancia, falla de unión, violencia, mentira,
SEÑOR, QUE TE FAGAMOS PRESENTE NO MEDIO DE NÓS.


REMUÍÑO
                Dende a novidade que é celebrar un ano máis este día de Xoves Santo, Xesús lémbramos que ternos que despoxamos da roupa para servir, entendendo que só dende aí somos verdadeiros seguidores del e sementadores de esperanza.

DESPOXARSE: Xesús cando vai lavar os pés dos seus amigos, despóxase da túnica e cínguese a toalla. Que bo ese exemplo para todos nós!. Despoxamos de tanto prexuízo que nos impide achegamos aos demais: ideas preconcibidas, segundas intencións, miradas e xestos interesados, non crer que todos somos iguais e que nós pertencemos a unha caste superior porque ternos máis ou porque sabemos máis cousas. Que necesario é estar libre de ataduras!.Ao igual que o pobo de Israel, ternos que vivir a Pascua e liberamos do xugo da escravitude, collendo a toalla para servir. E facémolo cunha actitude aberta, cunha mirada limpa, que penetre a realidade e sexa crítica, que denuncie pero que, sobre todo, semente esperanza e ilusión no mundo que se deixa levar, que vive o día a día sen importarlle o mañá nin os que viven no presente, un mundo no que só importo eu.

ENTENDEDES O QUE FIXEN CONVOSCO?: Xesús é ben claro con Pedro: o servizo por amor é a única forma de ser o seu discípulo, de facelo presente no medio de nós. Cantas veces nos perdemos en teorías e construímos unha vida de fe que só se manifesta nos templos e na intimidade!. Ao contrario, entender o que fixo Xesús é facelo presente na vida cotiá, no traballo, na familia, no pobo e na sociedade cunha actitude de servizo.

CREADORES DE FUTURO: O día de hoxe é para mirar a vida con ilusión, con optimismo, para sementar futuro. Nunha sociedade necesitada de referentes, de valores profundos e de persoas convencidas, os cristiáns ternos que poñer, coa nosa vida, ilusión e alegría. A alegría que sentiu o pobo ao saír de Exipto, ten que ser a nosa alegría de sentimos novos di ante do Señor. Esta alegría chéganos hoxe a través de tantas e tantas mans solidarias de persoas que dedican o seu tempo a traballar cos máis desfavorecidos. Porque só dende a proximidade, a ilusión, a unión, a comunidade, o respecto e o amor seremos creadores de futuro.


ORACIÓN DA COMUNIDADE
Señor, un ano máis arredor da mesa da Palabra, do Corpo e Sangue do teu Fillo, estamos celebrando o día do amor fraterno, día no que queremos lembramos de todas as persoas, irmás nosas. Por iso dicimos confiados:
QUE SEXAMOS QUEN DE AGACHARNOS E SERVIR

Pola Igrexa, para que dende unha actitude de acollida, respecte tódalas manifestacións das persoas que buscan un mundo mellor, e na súa compaña, con diálogo, faga presente a Xesús no medio de todos, OREMOS.
QUE SEXAMOS QUEN DE AGACHARNOS E SERVIR

Polas nosas comunidades, que tratan de vivir a súa fe no medio do mundo, para que non esquezan nunca aos máis pequenos dentro delas e ao mesmo tempo atopen o seu ser no compromiso solidario e achegado con todos os que pasan por momentos de dificultade, OREMOS.
QUE SEXAMOS QUEN DE AGACHARNOS E SERVIR

Neste día, e no ano sacerdotal, queremos ter presentes a todos os sacerdotes, especialmente aos das nosas parroquias. Para que dende a preocupación, o cariño e a proximidade e en colaboración con eles, sexamos quen de construír unhas comunidades alegres e sempre renovadas á luz da palabra, OREMOS.
QUE SEXAMOS QUEN DE AGACHARNOS E SERVIR

Neste día no que o amor se manifesta no servizo, queremos pedir por Cáritas e por todos os voluntarios que dedican tempo e esforzo a sementar esperanza en tantos corazóns, para que sintan a forza do Señor e descubran o seu servizo como unha vocación, OREMOS.
QUE SEXAMOS QUEN DE AGACHARNOS E SERVIR

Por tódalas persoas que teñen responsabilidades na xestión do ben público, para que poñan ás persoas por riba de outros intereses, como son os ideario s de partido ou os propios intereses e fundamenten no respecto e na educación o futuro e non na imposición nin na intolerancia do que fai o que quere, OREMOS:
QUE SEXAMOS QUEN DE AGACHARNOS E SERVIR

Por todos nós, que nesta tarde nos achegamos á mesa do Señor, para que esteamos dispostos a dar a vida polos demais como xeito fundamental de facer presente a Xesús no medio de todos, servindo e non sendo servidos, OREMOS.
QUE SEXAMOS QUEN DE AGACHARNOS E SERVIR

Grazas Señor, porque a través do noso corazón e das nosas mans faste presente no mundo. Que nunca esquezamos que es Ti a nosa forza. PXNS.


Lavatorio dos pés

Poñer diante do altar un caxato de camiñante. Nun taboleiro de cortiza colocamos unhas pegadas e dúas palabras: SERVIZO e AMOR. Somos camiñantes, seguimos as pegadas do Señor no servizo e no amor.

Comentarios

Publicacións populares