LECTURAS DA MISA EN GALEGO - Domingo 4 de Coresma (03/04/11)


DOMINGO IV DE CORESMA  -  CICLO A

LECTURA DO LIBRO PRIMEIRO DE SAMUEL
Primeira Lectura    1 Sam 16, 1b. 6-7. 10-13a
David é unxido como rei de Israel

            Naqueles días, díxolle o Señor a Samuel:
            ‑ Enche o corno de óleo e vaite, de parte miña, onda Iexé, o de Belén, pois escollín entre os seus fillos un rei para min.
            Cando chegou a Belén, viu a Eliab e pensou:
            ‑ "De seguro que o Señor ten diante de si o seu unxido".
            Pero o Señor díxolle a Samuel:
            ‑ "Non te fixes no seu aspecto, nin na súa moita estatura. Ese téñoo excluído, pois Deus non olla como os homes. Os homes ven as aparencias, pero Deus ve o corazón".
            Iexé fixo pasar a sete dos seus fillos á vista de Samuel e Samuel dixo:
            ‑ "Ningún destes é o escollido do Señor".
            Samuel preguntoulle a Iexé:
            ‑ "Xa non tes máis rapaces?" E el respondeulle:
            ‑ "Queda aínda o pequeno, que está gardando as ovellas".
            Samuel díxolle:
            ‑ "Pois manda que o traian, xa que non nos sentaremos á mesa ata que el chegue". Iexé mandou que o fosen buscar.
            Era louro, de ollos fermosos e de bo parecer.
            O Señor dixo a Samuel:
            ‑ "Érguete e únxeo, pois é este".
            Samuel colleu o corno do óleo e unxiuno diante dos seus irmáns.

Palabra do Señor                             
R/. Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL      Sal 22, 1-3a. 3b-4. 5. 6

R/. (1): O Señor é o meu pastor: nada me falta.

O Señor é o meu pastor, nada me falta:
En pastos verdecentes faime repousar.
El lévame a beber en augas tranquilas
e repón as miñas forzas;

Guíame por vereas rectas,
por mor do seu nome.
Se tiver de pasar por valgadas sombrizas,
ningún mal temería, pois ti vas comigo:
o teu bastón e o teu caxato son o meu sosego.

Ti pos para min a mesa,
á cara dos meus inimigos;
únxesme con perfume a cabeza,
e a miña copa reborda.

O teu benquerer e a túa misericordia vanme seguindo
tódolos días da miña vida.
Eu habitarei na casa do Señor
por días prolongados sen fin.



LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS EFESIOS
Segunda Lectura     Ef 5, 8-14
Érguete de entre os mortos e hate iluminar Cristo

            Irmáns:
            Antes erades tebras, pero agora sodes luz no Señor. Así que andade coma fillos da luz, (porque o froito da luz é toda bondade, xustiza e verdade), tendo en conta o que agrada ao Señor.
            E non compartades as obras estériles das tebras; polo contrario, evidenciádeas, que do realizado por eses tales ás agachadas dá vergonza mesmo falar.
            Pero todo iso, cando o delata a luz, queda ao descuberto, pois todo o que se manifesta é luz. Por iso di a Escritura:
            Acorda, ti que estás a durmir,
érguete de entre os mortos
e Cristo iluminarate.

Palabra do Señor                                         
R/. Grazas a Deus


VERSÍCULO     Xn 8, 12

Eu son a luz do mundo, di o Señor;
quen me segue, terá a luz da vida.



LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN
Evanxeo     Xn 9, 1-41  (longo)
Foise, e lavouse, e volveu vendo

            Naquel tempo, ao pasar, Xesús viu a un cego de nacemento. Entón preguntáronlle os seus discípulos:
            ‑ Mestre, quen pecou, para que nacese cego: el ou seus pais?
            Xesús respondeu:
            ‑ Nin pecou el nin os seus pais, senón que está cego para que se mostren nel as obras de Deus. Precisamos facer as obras do que me mandou mentres é día; está a chegar a noite e daquela ninguén pode traballar. Mentres eu estou no mundo, son a luz do mundo.
            Dito isto, cuspiu na terra e fixo lama co cuspe e untouna polos ollos do cego, dicíndolle:
            ‑ Vaite lavar na piscina de Siloé (que quere dicir "enviado").
            El foi, lavouse e volveu con vista. Entón os veciños e os que antes o viran andar a pedir preguntaban:
            ‑ Non é este o que estaba sentado a pedir?
            Uns dicían: "éche o mesmo"; outros, "non, é un que se lle asemella"; e el dicía: "son eu".
            Entón preguntábanlle:
            ‑ Daquela, como se che abriron os ollos?
            El respondeu:
            ‑ O home que se chama Xesús fixo lama, untoume os ollos, e díxome: "Vai a Siloé e lávate". Entón fun e, ao que me lavei, comecei a ver.
            Preguntáronlle:
            ‑ Onde está ese?
            El contestou:
            ‑ Non o sei.
            Levaron onda os fariseos o que fora cego. (Era sábado o día que Xesús fixera lama e lle abrira os ollos). E outra vez lle preguntaban tamén os fariseos como chegara a ver. El respondeulles:
            ‑ Untoume lama polos ollos, laveime e vexo.
            Algúns dos fariseos dicían: "Este home non vén de Deus, que non garda o sábado". Outros, en cambio, dicían: "Como ía poder un home pecador facer estes sinais?" E había división entre eles.
            Entón preguntáronlle outra vez ao cego:
            ‑ A ti que che parece ese home que lles deu a vista aos teus ollos?
            El contestou:
            ‑ Que é un profeta.
            Os xudeus non lle creron que fose cego e que chegase a ver, ata que chamaron polos seus pais e lles preguntaron:
            ‑ É este o voso fillo, o que vós dicides que naceu cego? Logo, como é que agora ve?
            Os pais responderon:
            ‑ Nós sabemos que este é o noso fillo e que naceu cego: como é que agora ve, non o sabemos; nin sabemos tampouco quen lle deu a vista. Preguntádelle a el, que ten anos para falar en por si.
            (Isto dixérono os pais, porque lles tiñan medo aos xudeus, pois xa se puxeran de acordo en que, se alguén o recoñecía como Mesías, botábano da sinagoga. Por isto dixeron seus pais: "Ten idade, preguntádelle a el").
            Chamaron por segunda vez polo home que fora cego e dixéronlle:
            ‑ Dá gloria a Deus: nós sabemos que ese home é un pecador.
            El entón respondeu:
            ‑ Eu non sei se é un pecador; só sei unha cousa: que eu antes era cego e que agora vexo.
            Dixéronlle entón:
            ‑ Pero, que foi o que che fixo? Como che deu a vista?
            Respondeulles:
            ‑ Xa volo dixen e non me fixestes caso. Por que queredes oílo outra vez? Ou é que tamén queredes facervos discípulos del?
            Eles enchérono de aldraxes e dixéronlle:
            ‑Serás ti discípulo del; nós somos discípulos de Moisés. Nós sabemos que a Moisés lle falou Deus; deste, polo contrario, non sabemos de onde é.
            O home replicoulles:
            ‑ Pois nisto precisamente está o admirable: en que vós non sabedes de onde é e el deulles a vista aos meus ollos. Sabemos que Deus non escoita os pecadores, pero se un é piadoso e fai a súa vontade, a ese escóitao. Endexamais se soubo de ninguén que dese vista a un cego de nacemento: se este non viñese de Deus, non podería facer nada.
            Respondéronlle eles:
            ‑ Ti naciches todo metido en pecados, e vasnos ensinar a nós?
            E botárono fóra.
            Oíu Xesús que o botaran fóra, buscouno e preguntoulle:
            ‑ Cres ti no Fillo do Home?
            El respondeulle:
            ‑ E quen é, Señor, para que crea nel?
            Díxolle Xesús:
            ‑ Éche o mesmo que estás vendo e que está a falar contigo.
            El dixo:
            ‑ Creo, Señor.
            E prostrouse diante del.
            Entón dixo Xesús:
            ‑ Para realizar un xuízo vin eu a este mundo: para que os que non ven, vexan; e os que ven, se volvan cegos.
            Oíron isto algúns dos fariseos que estaban onda el, e preguntáronlle:
            ‑ E, logo, nós tamén estamos cegos?
            Xesús contestoulles:
            ‑ Se estivésedes cegos, non teriades pecado; mais, como dicides que vedes, o voso pecado permanece.

Palabra do Señor                             
R/. Loámoste, Cristo

_____________________________________________________________


Ou máis breve

LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN
Xn.1. 6-9. 13-17. 34-38

            Naquel tempo, ao pasar, Xesús viu a un cego de nacemento. Cuspiu na terra e fixo lama co cuspe e untouna polos ollos do cego, dicíndolle:
            ‑ Vaite lavar na piscina de Siloé (que quere dicir "enviado"). El foi, lavouse e volveu con vista. Entón os veciños e os que antes o viran andar a pedir preguntaban:
            ‑ Non é este o que estaba sentado a pedir?
            Uns dicían: "éche o mesmo"; outros, "non, é un que se lle asemella"; e el dicía: "son eu".
            Levaron onda os fariseos o que fora cego. (Era sábado o día que Xesús fixera lama e lle abrira os ollos). E outra vez lle preguntaban tamén os fariseos como chegara a ver. El respondeulles:
            ‑ Untoume lama polos ollos, laveime e vexo.
            Algúns dos fariseos dicían: "Este home non vén de Deus, que non garda o sábado". Outros, en cambio, dicían: "Como ía poder un home pecador facer estes sinais?" E había división entre eles.
            Entón preguntáronlle outra vez ao cego:
            ‑ A ti que che parece ese home que lles deu a vista aos teus ollos?
            El contestou:
            ‑ Que é un profeta.
            Respondéronlle eles:
            ‑ Ti naciches todo metido en pecados e vasnos ensinar a nós?
            E botárono fóra.
            Oíu Xesús que o botaran fóra, buscouno e preguntoulle:
            ‑ Cres ti no Fillo do Home?
            El respondeulle:
            ‑ E quen é, Señor, para que crea nel?
            Díxolle Xesús:
            - Éche o mesmo que estás vendo e que está a falar contigo.
            El dixo:
            ‑ Creo, Señor.
            E prostrouse diante del.

Palabra do Señor                             
R/. Loámoste, Cristo


OLLOS NOVOS PARA UN CEGO

Quen me vende uns ollos vivos
para esculcar ao redor,
descubrindo en todas partes
sinais do meu Señor?

Quen me dá ollos espertos
coa luz de cada amencer,
para ver e gozar coas cousas
que neste día hei de ver?

Quen me dará ollas limpos
que reflictan o que eu son,
que ollen para as persoas
con ollos de admiración?

Quen me dará ollas fondos
para me poder achegar
ás fonduras de esperanza
que a xente leva nos mans?

Quen me dará ollas certos
para acertar a descubrir
a cara de Deus nos pobres
nos máis cansos de sufrir?

Quen me dá ollas chorosos
para chorar con dolor
os erras da miña vida
que me rouban a ilusión?

Quen me dará ollas ledos
para me poder alegrar
cos triunfos que o pobo acade
cos froitos do seu loitar?

Quen me dará ollos listos
para ver de distinguir
quen lle leva o pan aos pobres
quen lles afoga o porvir?

Quen poñerá nos meus ollos,
cansos de ver e esculcar,
un acougo cada noite,
un descansiño, non máis.


A XUSTIZA DE CRISTO ÁBRENOS CADA DIA O CAMIÑO DA SALVACIÓN E DA FRATERNIDADE

SIGNO SINXELO E EXPRESIVO
Colocamos a cuarta póla na nosa árbore da Coresma. Lembramos as frases escollidas polo noso equipo:

1) NON SÓ DE PAN VIVE O HOME
2) ERGUÉDEVOS, NON TEÑADES MEDO!
3) SEÑOR, DÁME LOGO DESA AUGA PARA NON TER SEDE
4) SÓ SEI UNHA COUSA: QUE EU ANTES ERA CEGO E QUE AGORA VEXO
5) EU SON A RESURRECCIÓN E A VIDA. QUEN CRE EN MIN, AÍNDA QUE MORRA, VIVIRÁ.
---------------------------------------------------------------------------------------------------
PÓRTICO
No camiño da coresma atopamos hoxe co Evanxeo que nos invita a lavar ben os ollos e tirar de nós as lagañas que nos impiden ver con claridade e en profundidade o mundo no que estamos. Si, porque moitas veces os nosos ollos están ou pechados ou sucios, e deste xeito non podemos percibir como é o mundo do que formamos parte, correndo o perigo de deixar que outros fagan, digan ou actúen por nós; ou mesmo ser nós os que digamos cousas que responden á nosa comenencia, pero non ao que ocorre ao noso redor. Diante disto, unha vez máis, Xesús, fainos unha chamadiña de atención e dinos que sexamos adultos, que non permitamos que outros acaben pensando por nós e digan, non o que nós pensamos, senón o que queren que nós pensemos. E isto acostuma a pasarlle a aqueles que teñen a boca tan grande que non se cortan de dicir que falan no nome do pobo, da Igrexa ou de calquera outro colectivo, cando o único que fan é falar de si e por si. Non deixemos que ninguén nos quite o máis valioso que temos: a palabra, e con ela a nosa capacidade de expresarnos. Para iso é necesario ter os ollos sempre moi abertos.
Que, coma o cego, tamén nós nos acostumemos a dicir; creo, Señor, non porque nolo digan outros, senón por telo descuberto persoalmente
O PÈRDÓN
·        Polas veces nas que a nosa cegueira nos impide ver tantas inxustizas ao noso redor, conformándonos con deixalas pasar, SEÑOR, QUE NON CAMIÑEMOS NA TEBRA.
·        Para que rachemos as tebras de ver sempre o lado negativo das persoas e dos acontecementos coa luz da esperanza e da ilusión, CRISTO, QUE NON CAMIÑEMOS NA TEBRA.
·        Por non confiar en quen está ao noso lado e nos tende a man para facernos máis doado o noso camiño, SEÑOR,QUE NON CAMIÑEMOS NA TEBRA.
REMUÍÑO
v      Non te fixes no seu aspecto nin na súa estatura…pois Deus non olla coma os homes. Que sabia e certa é esta expresión que acabamos de escoitar na primeira lectura de hoxe!. Poren, nós, ás veces parece como que queremos levarlle a contraria ao que aquí se nos di. Seguimos empeñados en xulgar aos outros polo externo, polas aparencias, polo que vemos superficialmente; e facémolo sen preguntarnos se iso que estamos a ver define de verdade á persoa. É máis, sen preguntarnos se a nós nos gustaría que nos definisen tamén pola aparencia. Seguro que diriamos que non, que somos moito máis profundos, que temos moitos máis valores, que as nosas calidades son outras, que… e en cambio, si que nos gusta facelo cos demais. Viría aquí moi ben a conto aquel dito no que se afirma: “non fagas aos demais o que non queiras para ti”. Porque Deus non mira coma os homes, podemos aprender del o xeito de actuar e de vivir ao lado dos demais: ver o corazón, e como xa sabemos este é o ámbito dos nosos afectos, desde onde tomamos as decisións importantes, porque desde el somos capaces de descubrir que as persoas non son só cartos, poder, ganancia, prestixio, títulos, avoengo… senón seres humanos. É dicir, homes e mulleres como cada un e cada unha de nós coas súas preocupacións de cada día, os seus fracasos, os seus problemas, as súas alegrías… e que pouco a pouco se van enfrontando a canto a vida lles vai pondo diante. Pois do mesmo xeito que actúa Deus, tamén nós somos invitados a non ser superficiais e mirar solo o externo –o que se ve ou quere un que se vexa– senón o interior, o profundo, o que nos engrandece e supón que unha decisión, cando se toma, é para ser seguida; e que as cousas non son agora si e despois non, ao contrario, temos criterio e mostrámolo á hora de actuar. Non somos relativistas para quen todo vale, senón homes e mulleres sempre abertos a acoller e respectar, porque: “Os homes ven a aparencia, pero Deus ve o corazón”.


v      Actuar desde o corazón suponnos que non andamos dun lado para outro sen saber nin que nin como facer; é saír da tebra, ou evitar entrar nela porque Xesús, a nosa luz, vai iluminando o noso camiño, un camiño no que bondade, verdade e xustiza non se opoñen, senón que se complementan, complétanse e enriquecésense mutuamente. Desde a irrupción de Xesús na nosa vida, como nos di Paulo, pasamos de ser tebra a ser luz, non unha luz calquera, senón a luz de Xesús. E para El os demais eran importantes, e o seu paso polo mundo supuxo alento para quen o necesitaba, realismo para os que vivían nas nubes, vergoña para cantos querían facer un deus á súa maneira e posición crítica fronte aos que buscaban aproveitarse, por medido do engano, dos máis empobrecidos e desprezados. Afirmar que Xesús é a nosa luz é tomar en serio esta fe que manifestamos semanalmente de maneira comunitaria e descubrir que a presenza de Deus na nosa vida non queda pechada dentro das portas da igrexa ata o domingo seguinte.

v      A luz de Xesús fixo calar a hipocrisía dos que estaban á espreita de pillalo nun renuncio. El non ten medo de facerlles subir as cores ao denunciar o seu comportamento inmoral de querer botarlle a culpa aos demais, como se iso solucionase os problemas e dificultades. Xesús déixalle claro que o pecado non é unha herdanza nin culpa dos demais, senón froito das propias decisións e actuacións. É persoal, polo que non debemos botarlle a culpa a outros do que facemos nós. Coma o cego de nacemento, tamén hoxe Xesús quere atoparse con cada un/ha de nós e ofrecernos a luz que nos vaia cambiando a vida. O Evanxeo, unha vez máis, quere facernos caer na conta de que non son os costumes, as leis ou o que os outros fagan u digan, o que nos achega ao camiño que Xesús nos invita a percorrer, senón a convición profunda de que El camiña ao noso lado, que non imos solos e que co noso esforzo e a súa compaña, poderemos ir cambiando moitas das cousas que non nos gustan ou se afastan do camiño ao que Xesús nos invita. Coma o cego, o encontro con Cristo cámbianos. Estamos convencidos?. Un cambio do que El vai deixando pegada constantemente. Non cumpramos sen sentir, deixémonos guiar por quen nos invita a crer nel.
ORACIÓN DA COMUNIDADE
Porque de novo nos invitas a camiñar na luz, chamándonos a facelo de xeito comunitario, respondendo á túa invitación dicimos xunt@s:
QUE NON VEXAMOS A APARENCIA, SENÓN O CORAZÓN
v      Señor, sabemos que tod@s somos Igrexa, pero non todos descubrimos que como Igrexa temos que aprender a respectar a pluralidade de voces, estilos e vivencias, sen tratar de impoñer unha sola de xeito intolerante e autoritario, OREMOS.
QUE NON VEXAMOS A APARENCIA, SENÓN O CORAZÓN
v      Señor, camiñamos moitas veces perdid@s e sen atopar o rumbo na nosa vida. Para que nos deixemos acompañar de cant@s están dispostos a compartir o seu tempo para visitarnos, para camiñar con nós ao longo do camiño, para abrirnos vieiros de formación e coñecemento, para propoñernos proxectos cheos de esperanza que nos ilusionen e se preocupen dos que máis necesitan, OREMOS.
QUE NON VEXAMOS A APARENCIA, SENÓN O CORAZÓN
v      Señor, que non nos deixemos levar polas aparencias, e nos esforcemos por non xulgar ás persoas, senón por coñecelas, acompañalas e mostrarlles que a luz da fe vaise convertendo en nós en forza de verdadeiro amor e superación de actitudes de indiferenza e desgana, OREMOS.
QUE NON VEXAMOS A APARENCIA, SENÓN O CORAZÓN
Agradecidos por darnos de novo azos de esperanza e luz que van iluminando e clarificando as nosas dúbidas, deixamos ao pé do altar esta oración comunitaria que estamos a compartir.P.X.N.S.Amén.
PARA A REFLEXIÓN
Sen telo chamado,
sen nin sequera pensar nel,
sen saber moi ben quen é,
sen ter ollos para velo....
alguén vén,
pasa xunto a nós,
fíxase e senta ao noso lado
para estar con nós, coas persoas.
Alguén vén,
e ten tantas cousas que cambiar dentro de nós e no noso contorno...
Non vén para que todo siga igual,
tampouco para facer silencio ao noso lado.
Vén porque é posible ser doutro xeito,
ter vista e vida,
erguerse e camiñar,
ser persoas novas,
deixar a cegueira
e dar testemuño do Reino acollendo as súas sementes.
Alguén vén,
diríxenos a súa palabra,
unha palabra que comprendemos porque é clara,
porque afecta ás nosas miserias,
porque sanda vellas feridas
e desfai tantos insoportables esforzos e montaxes...
Vén desde a cercanía de Deus
a atoparse con nós
e a abrirnos os ollos
para que coñezamos o seu rostro e
nunca máis teñamos medo.
Vén, e só nos pide lavarnos,
crer nel e cambiar de bando,
para ter o que máis desexamos.

Cantos
o      ENTRADA: Seguirei os teus pasos
o      LECTURAS: Na noite escura
o      OFERTORIO: Grazas, Señor, na mañá
o      COMUÑÓN: No colo da miña nai

Comentarios

Publicacións populares