DOMINGO VI DE PASCUA - ciclo A
+ Enlace orixinal Oracional iVoox

Homilía domingo VI
Pascua-10 maio 2026
O tempo litúrxico de Pascua despois da festa do domingo
de Resurrección está preto do seu remate. O próximo domingo é xa a festividade
da Ascensión do Señor e, no seguinte, a vinda do Espírito Santo, día de
Pentecoste.Por iso neste domingo atopamos xa ideas e pensamentos que teñen que
ver tanto coa Ascensión do Señor como co agasallo infinito que Xesús nos vai
facer: o Espírito Santo.En canto crentes na revelación que Xesús fai á
humanidade de como é Deus, a Trindade ocupa un lugar esencial. Sobre este
misterio infinito de Deus dános el a entender de diversas maneiras que está
constituído (por así dicilo) por algo ó que a reflexión cristiá veu chamar
despois as tres “persoas” divinas. O único Deus cristián é a persoa do Pai, a
persoa do Fillo e a persoa do Espírito Santo. Falando de xeito moi analóxico e
para entendérmonos, algo así como sobre unha familia moi unida se podería dicir
que as distintas figuras que habitualmente a compoñen, pai, nai e fillos ou
fillas, a pesar de seren diferentes entre si, forman unha única realidade.
Así pois, nos textos da boa nova do evanxeo vén
comunicársenos a grandeza infinita e incomprensíbel dun Deus Pai que se
converte con Xesús en Pai noso tamén. Se, segundo comentabamos nutras ocasións,
Xesús podía dicir de si mesmo que quen o ve a el ve tamén o Pai, iso só pode
ser así se a persoa de Xesús forma desde sempre unha unidade coa persoa de seu
Pai, aínda sendo diferente del. Mais, en segundo lugar, no texto do evanxeo
fálasenos ademais doutra “persoa”, en unidade co Pai e co Fillo, neste misterio
grandioso de Deus. Dísenos alí que ós que amamos Xesús se nos dará “outro
Paracleto”, para que este “estea decote connosco: o Espírito da Verdade”.
“Paracleto” é unha palabra grega que significa “auxiliador” ou “dador de
consolo”. Este “Espírito da Verdade” ou “dador de consolo” é o que chamamos o
“Espírito Santo”, que se converte así para nós en presenza viva e actuante de
Xesús en nós trala súa morte e
resurrección a través dos tempos da historia. Dísenos, pois, que este Espírito
estará “onda nós” e “en nós”. Un Xesús, que está dalgún xeito de despedida,
déixanos así neste don en certo modo a si mesmo ó nos dar ou regalar o seu
“Espírito Santo”: “Non vos deixarei orfos”.
É bo sen dúbidaque a nosa fe cristiá nos dea receitas
morais para tantas e tan diversas situacións coas que nos atopamos e atoparemos
na vida. Mais é aínda case máis importante que nos acostumemos a ver este
grandioso e marabilloso fondo da fe que se nos comunica.Acostumémonos, pois, a
darmos grazas a Deus (non o esquezamos: a “Eucaristía” significa “acción de
grazas”) pola súa grandeza, polo seu misterio. Un misterio de amor que Deus nos
quixo comunicar, amosando así o aprecio que nos ten.Deus quere, pois, facer do
mundo, de toda a humanidade, da creación enteira, unha realidade unida,pero
respectuosa e amante das diferenzas. Semellante a esa unidade entre Pai, Fillo
e Espírito que quere, respecta e ama a diferenza.
Hai aínda algo máis. Esta unidade da humanidade, que
respecta e quere a diversidade e a diferenza, está chamada a se realizar
plenamente no interior de Deus mesmo, por moi incríbel que isto poida
parecer.Lembremos unha vez máis aquilo do apóstolo Paulo: “vivimos, movémonos e
existimos en Deus”. Algo case incríbel. Mais é no propio evanxeo onde se nos refire
o que Xesús lles anuncia e promete ós seus discípulos: “Naquel día coñeceredes
que eu estou en meu Pai, e vós en min, e eu en vós”.
É todo isto o que teriamos que ir interiorizando e
asumindo con alegría nas nosas vidas. Converterémonos así en luz e calor para
toda persoa que se atope connosco e queira coñecer o segredo das nosas
vidas.Daremos así cumprimento tamén ó que nos pide o apóstolo Pedro na segunda
Lectura de hoxe : “estade sempre dispostos a responder a todo aquel que vos
pida razón da esperanza que levades dentro”. Porque o que máis precisamos é
sermos capaces de “esperar”. Pois sen esperanza non se pode vivir. En
realidade, vivir é o que en definitiva máis desexamos e Xesús prométenos
xustamente iso: vida. Porque el mesmo é a Vida: “Eu son o
camiño, a Verdade e a VIDA”. “Eu vivo e tamén vós habedes vivir”.
Manuel Cabada Castro
Manuel Cabada Castro, Boa nova para tempos
novos. Comentarios velaíños aos evanxeos dominicais. Tres tomos
(2024-2025). SEPT (editorialsept@gmail.com; editorialsept@editorialsept.gal). Distribución: Editorial Galaxia (pedidos@editorialgalaxia.gal).


Comentarios
Publicar un comentario