SOLEMNIDADE DE PENTECOSTÉS - CICLO A
+ Enlace orixinal Oracional iVoox

Homilía
Pentecoste-24 maio 2026
Pentecoste é o nome de orixe grega da festa da vinda do Espírito Santo onda nós. Fai referencia ós “cincuenta” días posteriores á Resurrección do Señor. Un número de días que, tamén aquí, non hai que entendelo literalmente senón de maneira simbólica. Un día emocionante, grandioso, o da vinda do Espírito Santo para se facer presente en cada un de nós: persoas do mundo enteiro de hoxe, mais tamén de épocas anteriores e vindeiras. Esta festividade está en paralelismo e, ó tempo, á maneira de contrapunto coa festa da Ascensión do Señor do domingo pasado. Aledabámonos entón e dabámoslle grazas a Deus Pai polo ascenso glorioso de Xesús ós ceos despois da súa Resurrección. Coa Ascensión de Xesús estaba sinalado o camiño e construída a ponte, entre terra e ceo. Hoxe o que ocorre non é unha vez máis un “ascenso”,senón un “descenso”, unha vinda onda nós do Espírito. Por mediación do Xesús ascendido á súa nova situación gloriosa, anticipo do que será a nosa, baixa o “Espírito” de Deus onda nós. Un “Espírito” que fica xa para sempre connosco. O Espírito veu onda nós, está connosco e estarao sempre mentres haxa mundo. A súa vinda non ten data de caducidade. Veu para se quedar. De modo que se é verdade que hai Ascensión de Xesús, non hai Ascensión do Espírito Santo. El permanece en cada un de nós e de toda a humanidade. E connosco quere estar como en casa propia.
O
Espírito Santo vén sendo algo así como a presenza de Deus entre nós alén do
tempo histórico ou biográfico en que Xesús estivo connosco. Precisamente por
iso, é dicir, grazas á vinda do Espírito, enviado onda nós polo Pai e por Xesús,
podía dicir este, a pesar da súa “Ascensión”, que el “estará sempre connosco
ata a fin do mundo”. E se Xesús é a imaxe, o retrato vivo de Deus Pai, o
Espírito Santo vén sendo pola súa parte a presenza invisíbel, pero viva e actuante
no mundo enteiro deica a fin dos tempos, do Xesús ascendido ós ceos.Nos Feitos
dos Apóstolos, a vinda do Espírito de Deus énos presentada como o “ruído dun
forte golpe de vento” que o enche todo e como “linguas de lume” que se pousan
sobre cada un dos presentes. Ocorre aquí unha transformación fonda nos
apóstolos, que os fai sentirse a si mesmos “cheos do Espírito Santo”. De tal xeito
que son quen de se daren a entender por cantos os escoitan. Dísenos,
efectivamente, alí que todos os comprendían perfectamente coma se falasen na
súa propia lingua, sendo así que de feito os que os escoitaban eran de moi
diferentes linguas e nacións.
Pois
ben, tanto no primeiro espallamento da boa nova de Xesús coma hoxe ou mañá o
que nos fai falla é ese sentírmonos “enchidos do Espírito Santo”. Sentirmos en nós a presenza viva do Espírito Santo, que nos dá vigor e
azos para o anuncio da mensaxe de Xesús con liberdade, alegría e agradecemento.
Anuncio que se realiza coas palabras, mais sobre todocos feitos. Pois, no fin
de contas, as palabras sen os feitos son
algo baleiro. De que falaban os apóstolos, transformados en si mesmos
pola presenza neles do Espírito Santo? Dísenos nos Feitos dos Apóstolos que
falaban “das grandezas de Deus”. Eles sentían en si mesmos o “grande” que era
ese Deus que se nos dera a si mesmo no seu Fillo Xesús e que agora se facía
presente coa forza e o poder transformador do Espírito Santo.Por iso, é hoxe un
día no que sería bo repetirmos, individual e comunitariamente, aquela petición
que a “Secuencia” formula deste xeito: “Ven, Espírito divino..., Ven, hóspede
desexado... Entra ata o fondo da alma, divina luz, e enriquécenos... Ven,
Espírito Santo, enche o corazón dos teus fieis...”
Cumpriría,
pois, concienciármonos de que este Deus que se nos comunica no Espírito Santo é
un Deus impetuoso, forte, como é forte un vento impetuoso capaz de derrubar
carballos ou castiñeiros. Un Deus libre e que ama a liberdade e que se comunica
e fai comprender en calquera lingua e cultura. Un Deus que non se ata a
límites, prescricións ou ritos concretos. Porque a súa “grandeza” é divina. Por
ser tal, actúa o Espírito de Deus en nós non só coma un vento forte, senón
tamén como brisa ou alento suave que trae paz e alegría. Así se nos di no evanxeo
de Xoán cando se nos di que o Xesús resucitado despois de lles dar a paz ós
discípulos, “alentou sobre eles”, dicíndolles: “Recibide o Espírito Santo”. Un
“alento” que liberará os discípulos dos seus “des-alentos” para anunciaren con
afouteza a boa nova da Resurrección de Xesús. Espírito, pois, forte e maino, ó
que lle gusta a unidade, mais tamén a diferenza das persoas e das culturas e
linguas e polo tanto que está lonxe de estreitos dogmatismos.Sobre a festa de
Pentecoste lin hai tempo o seguinte: “Na Igrexa somos moi pouco devotos do
Espírito Santo. Porén, só no Espírito somos os cristiáns capaces das cousas que
no noso falar e no noso obrar nos distinguen como cristiáns. Sen o Espírito nin
seriamos adoradores do Pai, nin seguidores de Xesús, nin servidores dos pobres.
Non seriamos nada”.
Manuel Cabada Castro
[Manuel Cabada Castro, Boa nova para tempos
novos. Comentarios velaíños aos evanxeos dominicais. Tres tomos
(2024-2025). SEPT (editorialsept@gmail.com; editorialsept@editorialsept.gal). Distribución:Editorial
Galaxia (pedidos@editorialgalaxia.gal).


Comentarios
Publicar un comentario