Manifesto 1º de Maio 2026: Diante da exclusión, traballo decente.



Manifesto 1º de Maio 2026: Diante da exclusión, traballo decente.

www.iglesiaporeltrabajodecente.org

Neste 1º de Maio, Día Internacional do Traballo e festa de San Xosé Obreiro, as entidades

que formamos a iniciativa Iglesia polo Traballo Decente alzamos a nosa voz baixo o lema

que guía o noso compromiso este ano: “Diante da exclusión, traballo decente”.

Constatamos con preocupación que o mundo do traballo segue sendo un espazo onde

demasiadas persoas quedan fóra, descartadas. O desemprego, a precariedade, os salarios

insuficientes, a temporalidade abusiva, a sinistralidade laboral e a deterioración da saúde

mental seguen marcando a vida de miles de traballadores e traballadoras. Como nos lembra

o papa León XIV na súa mensaxe de Coresma de 2026, “a escoita do clamor dos oprimidos

é o comezo dunha historia de liberación”. Queremos escoitar ese clamor que hoxe se eleva

desde quen non atopan emprego, desde quen o perde con facilidade, desde quen traballa

sen dereitos suficientes e desde quen achega á economía en condicións de invisibilidade e

medo.

Afirmamos que o traballo debe coidar a vida de quen o realiza. Con todo, o que podemos ver

é unha realidade distinta, que non podemos aceptar como inevitable: morren 2 persoas

traballadoras ao día en accidentes laborais, o que supón aproximadamente 700 persoas ao

ano no posto de traballo. Detrás de cada morte hai un rostro, unha historia, unha familia rota.

Son persoas traballadoras que saíron a gañarse o pan e non regresaron. Son fogares que,

alén da dor, deben afrontar longos procesos legais, sanitarios e psicolóxicos.

O papa León XIV advertiu que os lugares de traballo deberían ser espazos de vida, pero

“con frecuencia transfórmanse en lugares de morte e desolación”. Unha sociedade que se

acostuma a estas mortes degrádase moralmente. Ninguén debería perder a vida por

gañarse o pan. A precariedade tamén deteriora a saúde mental, debilita a estabilidade

familiar e dificulta a posibilidade de proxectar un futuro. Os riscos psicosociais, a sobrecarga,

a falta de desconexión dixital ou os efectos do cambio climático en determinados sectores

esixen respostas decididas. Sabemos que canto maior é a precariedade laboral, maiores son

as consecuencias negativas derivadas da mesma. Por iso queremos visibilizar a realidade

das persoas traballadoras migrantes, que a miúdo se ven obrigadas a aceptar condicións

máis duras e perigosas. A isto súmase a crise pola escaseza de vivenda alcanzable, un dos

factores determinantes da exclusión, máis agravado se cabe no caso das familias migrantes.

Non basta con lamentar estas situacións. Reclamamos reforzar os mecanismos de

inspección laboral, impulsar unha verdadeira cultura preventiva nas empresas e avanzar na

actualización da Lei de Prevención de Riscos Laborais, cun amplo acordo, para adaptala ás

novas realidades do traballo.

Pedimos ás forzas políticas responsabilidade e altura de miras para alcanzar acordos que

sitúen a vida no centro. Esiximos ás empresas un compromiso firme coa seguridade e a

saúde de quen traballa. Ante a exclusión, propoñemos fraternidade. Queremos relacións

laborais baseadas nos dereitos, o respecto, a corresponsabilidade e o coidado mutuo.

Queremos escoitar ás vítimas e facelas protagonistas do cambio. Queremos unha economía

ao servizo da dignidade humana fronte ao afán de ganancia exclusiva que descarta e

“mata”. Este 1º de Maio renovamos o noso compromiso co dereito a un traballo decente que

garanta condicións xustas, seguras e estables. e comprometémonos a seguir esforzándonos

por construír unha sociedade na que se respecte a dignidade de cada persoa,

independentemente do noso lugar de orixe.





Comentarios

Publicacións populares