DOMINGO VII DE PASCUA A - ASCENSIÓN DO SEÑOR
+ Enlace orixinal Oracional iVoox

Homilía Ascensión do Señor-17 maio 2026
A festa
da Ascensión abrangue mensaxes e ideas sublimes, que non podemos menosprezar.
Porque nela, neste Cristo do que se nos di que “ascende” ó ceo, veñen xuntarse
dalgún xeito o ceo e maila terra. Naturalmente, non estamos a falar do ceo ou
da terra nun senso físico ou cósmico. Ceo ou terra son aquí, en definitiva,
denominacións de dúas realidades diferentes. Coa terra asociamos o limitado, o
pasaxeiro, o imperfecto. Pola contra, co ceo o que non remata, o totalmente bo,
o infinito. A iso nos referimose non a ámbitos concretos máis ou menos
diferentes entre si.Non se trata, con todo, de dúas realidades, o ceo e maila
terra, totalmente diferentes ou opostas. En Deus Pai atópase a síntese e a
razón de ser de ámbalas dúas. Pois el, “o Pai omnipotente”, tal como confesamos
no Credo, é o “Creador do ceo e máis da terra”. E no seu Fillo Xesús, a terra e
a humanidade toda están e estarán sempre presenten por toda a eternidade.
Porque el, Xesús, é e será sempre un de nós, por moi Fillo único de Deus que el
sexa.
Cristo “ascende”, pois, cara a unha nova e definitiva
situación, amosándonos así cal é tamén o noso “camiño”. Xa nos dixera que el
non só é a Verdade e a Vida, senón tamén o “Camiño”. Un camiñoque todos estamos
chamados a percorrer. Nunha peregrinaxe na que non nos fallarán as forzas do
seu Espírito, o Espírito Santo que el mesmo nos dá.Trátase dunha peregrinaxe,
dunha “ascensión”, a de cada un de nós, que non a facemos en solitario. Ben
sabemos que estas actividades se fan mellor cando un vai con outros que o
acompañan, que lle dan azos ou que lle fornecen axuda. Ademais non só camiñamos
con outros coma nós, senón que o propio Xesús camiña connosco e non de calquera
maneira. El vai sempre diante, facendo o meirande esforzo, algo así como o
ciclista que fai de “cabeza”e tiraa si do pelotón. O apóstolo Paulo non só na
carta de hoxe senón tamén noutros escritos seusnon deixa de utilizar imaxes
semellantes. Na súa carta de hoxe ós Efesios dinos el que os cristiáns formamos
con Cristo un só corpo, sendo el a “cabeza” do corpo. Deus Pai -dinos el- é
quen someteu todo a Xesús e quen “o puxo por riba de todo como cabeza da
Igrexa, que é o seu corpo”. Nós somos, xa que logo, membros deste misterioso corpo
que ten o propio Xesús como “cabeza”dirixente e coidadora de tódolos membros do
seu corpo. Formamos, pois, unha unidade, un “equipo” (valla de novo a
comparanza), téndomos Xesús como “xefe de filas”, como “cabeza”.
De aquí para adiante a comparanza co ciclismo xa non nos
vale. Porque o noso ascenso non é contra ninguén nin pra lle gañar a partida a
outros contrincantes. Todos, sexamos da ideoloxía ou crenza que sexamos,
estamoschamados e convidados a este esforzo cara a unha metaque ninguén no
fondo pode deixar de apetecer. Pois, quen non quere vivir?, quen non busca a
verdade?, quen non quere dar co camiño que leva á felicidade? Quen teña este
tipo de apetencias ou desexos pode estar seguro de que Xesús está con el. Non
podemos converter a súa persoa en alguén reservado a certas persoas, que fagan
certas cousas, realicen certos ritos ou cumpran cuns determinados preceptos. El
está aí para todos, para toda a humanidade. El é a imaxe do Pai Deus, é dicir,
de quen o fixo todo e,xa que logo, a nós tamén.Tan
diferentes e ó tempo taméntan semellantes.
Por
iso Paulo, na carta de hoxe, ó nos falar de que a Igrexa é o corpo de Cristo e
sabendo que Cristo é a imaxe viva do Pai de todos, non deixa de dicir sobre a
Igrexa (e non só sobre Cristo) que ela é “a plenitude daquel que o enche todo
en tódalas cousas”. Xustamente por tal razón a Igrexa non pode menos de se
entender a si mesma como “católica”, é dicir, dende o seu sentido etimolóxico, como
“universal”. Isto está relacionado naturalmente co mandado de Xesús ós seus
apóstolos: “Ide e facede discípulos meus a tódolos pobos, bautizándoos no nome
do Pai e do Fillo e do Espírito Santo”. Por moitas veces que teñamos escoitado
esta fórmula ritual do bautismo, non deberiamos deixar de considerar que con
ela quen é bautizado vén mergullarse simbolicamente nese mar infinito (superinfinito)
que é o Deus un e “trino”. Tamén en Deus hai, pois, lugar para a “diferenza”.E
se hai “diferenza” no mesmo Deus, deberá habela tamén no interior da Igrexa e
en calquera outra realidade.
Manuel Cabada Castro
Manuel Cabada Castro, Boa nova para tempos
novos. Comentarios velaíños aos evanxeos dominicais. Tres tomos
(2024-2025). SEPT (editorialsept@gmail.com; editorialsept@editorialsept.gal). Distribución: Editorial Galaxia (pedidos@editorialgalaxia.gal).


Comentarios
Publicar un comentario