FICHA E LECTIO + ORACIONAL GALEGO: ASCENSIÓN DO SEÑOR A
FICHAS ANTERIORES:
LECTIO:
Ascender como destino
21 maio 2023
A festa da Ascensión agacha en si mensaxes grandes e sublimes,
que non podemos menosprezar. Porque nela, neste Cristo do que se nos di que
“ascende”, veñen xuntarse dalgunha maneira o ceo e maila terra. Ceo ou terra
son aquí denominacións de dúas realidades diferentes. Coa terra asociamos o
limitado, o pasaxeiro, o imperfecto. Pola contra, co ceo o que non remata, o
totalmente bo, o infinito.
Non se trata, con todo, de dúas realidades, o ceo e maila
terra, totalmente diferentes ou opostas. En Deus Pai atópase a síntese e a razón
de ser de ámbalas dúas. Pois el, “o Pai omnipotente”, tal como o confesamos no
Credo, é o “Creador do ceo e máis da terra”. E no seu Fillo Xesús, a terra e maila
humanidade toda están e estarán sempre presentes por toda unha eternidade.
Porque Xesús é e será sempre un de nós.
Cristo “ascende”, pois, cara a unha nova e definitiva situación.
E amósanos así cal é tamén o noso “camiño”. Xa nos dixera que el non é só a
Verdade e a Vida, senón tamén o “Camiño”. Un camiñoque todos estamos chamados a
percorrer. Nunha peregrinaxe na que non nos fallarán as forzas do Espírito
Santo que Xesús nos dá.
Trátase dunha “ascensión”, a de cada un de nós, que non a
facemos en solitario. Por outro lado, non só camiñamos con outros coma nós,
senón que o propio Xesús camiña connosco. El vai sempre diante, facendo o
meirande esforzo, algo así como o ciclista que fai de “cabeza”, que vai tirando
do pelotón. En realidade, Paulo, non só na carta de hoxe senón tamén noutros seus
escritos seus, non deixa de utilizar imaxes semellantes ou outros símiles
deportivos da época. Segundo Paulo, na carta de hoxe ós Efesios, os cristiáns
formamos con Cristo un só corpo, sendo el a “cabeza” deste corpo. Deus Pai,
escribe Paulo, é quen someteu todo a Xesús e quen “o puxo por riba de todo como
cabeza da Igrexa, que é o seu corpo”. Nós somos, polo tanto, membros deste corpo
misterioso, que ten Xesús como “cabeza” dirixente e coidadora dos membros do
seu corpo. Formamos, pois, unha unidade, un “equipo” (valla de novo a
comparanza), téndomos Xesús como “xefe de filas”, como “cabeza”.
Mais de aquí para adiante a comparanza co ciclismo xa non
nos vale. Porque o noso ascenso non é contra ninguén nin pra lle gañar a
partida co noso esforzo a outros contrincantes. Todos chamados e convidados a
este esforzo común cara a unha meta fermosa, que ninguén no fondo pode deixar
de apetecer.
Pois,
quen non quere vivir? Quen non busca a verdade? Quen non quere dar co camiño que
leva á felicidade? Calquera, pois, que teña este tipo de apetencias ou desexos pode
estar seguro de que Xesús está con el e de que el está con Xesús. Non podemos
convertelo en alguén que está reservado para certas persoas, que fagan certas
cousas, realicen certos ritos ou cumpran con determinados preceptos concretos. Xesús
está aí para todos, para toda a humanidade. Pois el non é nin máis nin menos que
a imaxe do Pai Deus, é dicir, de quen o fixo todo e nos fixo tamén a todos e
cada un tal e como somos. Tan diferentes e ó tempo tamén, no fondo, tan semellantes.
Por
iso Paulo, na carta de hoxe, ó nos falar de que a Igrexa é o corpo de Cristo e
sabendo que Cristo é a imaxe viva do Pai de todos, non deixa de dicir sobre a
Igrexa (e non só sobre Cristo) que a Igrexa é “a plenitude daquel que o enche
todo en tódalas cousas”. Precisamente por esta razón a Igrexa non pode menos de
se entender a si mesma como “católica”, é dicir, como “universal”.
Isto
pode ser relacionado tamén co mandado que, a teor do evanxeo, reciben os seus
apóstolos: “Ide e facede discípulos meus a tódolos pobos, bautizándoos no nome
do Pai e do Fillo e do Espírito Santo”. Por moitas veces que teñamos escoitado
esta fórmula ritual do bautismo, non deberiamos deixar de considerar que con
ela o que é bautizado vén mergullarse simbolicamente nese mar infinito que é o
Deus un e “trino”. Tamén en Deus hai, pois, “diferenza”. El non é só “unidade”.
E se nel hai “diferenza”, ha de habela tamén no interior da Igrexa e en tódalas
realidades humanas.
Coa
Ascensión de Xesús, que é o cumio da súa Resurrección, estamos todos chamados a
agradecer, unha vez máis, a grandeza de Deus Pai e dos seus proxectos sobre
nós. Neste senso, fálanos hoxe Paulo de que teriamos que abrir os nosos ollos
para intentar comprender “o vigor da potencia e da forza” de Deus Pai en
relación connosco.
¿Como
se nos amosa este “vigor”? Paulo explícanolo dicindo que Deus Pai exerceu o seu
vigor e a súa forza “resucitando Cristo de entre os mortos e sentándoo á súa
dereita nos ceos, por riba de todo principado e potestade, de toda virtude e
dominación, e por riba de todo título de honra recoñecido neste mundo e tamén
no vindeiro”.
E,
dito isto, cómpre lembrar aínda finalmente que este Xesús ascendido e enxalzado
sobre ceos e terra segue a ser un de nós. Por iso el -tal e como se nos di no
evanxeo de Mateo-“estará sempre connosco ata a fin do mundo”.
Manuel Cabada Castro
VER TAMÉN:
https://www.gruposdejesus.com/ascension-do-senor-a-mateu-2816-20-2/
Comentarios
Publicar un comentario