FICHA E LECTIO + ORACIONAL GALEGO: DOMINGO 6 DE PASCUA A

 FICHAS ANTERIORES:

 FICHA 1 / FICHA 2 / FICHA 3


LECTIO:

Un Deus un e diferente 

14 maio 2023

            O tempo litúrxico da Pascua despois da festa do domingo de Resurrección está preto do seu remate. O próximo domingo é xa a festividade da Ascensión do Señor e, no seguinte, a vinda do Espírito Santo, día de Pentecoste.

            Por iso neste domingo atopamos xa ideas e pensamentos que teñen que ver tanto coa Ascensión do Señor como co agasallo infinito que Xesús nos vai facer: o Espírito Santo.

            En canto crentes na revelación que Xesús fai á humanidade de como é Deus, a Trindade deste noso Deus ocupa un lugar esencial. Sobre este misterio infinito de Deus dános Xesús a entender de diversas maneiras que está constituído (por así dicilo) por algo ó que a reflexión cristiá veu chamar despois as tres “persoas” divinas. O único Deus noso é a persoa do Pai, a persoa do Fillo e a persoa do Espírito Santo. Falando de xeito moi analóxico, algo así como sobre unha familia moi unida se podería dicir que as distintas figuras que a compoñen a pesar de seren diferentes entre si, forman unha única realidade.

            Nos textos do Evanxeo vén comunicársenos a grandeza infinita e incomprensíbel dun Deus Pai que se converte con Xesús en Pai noso tamén. Se, segundo comentabamos no anterior domingo, Xesús podía dicir de si mesmo que quen o ve a el ve tamén a seu Pai, iso só pode ser así porque a persoa de Xesús forma desde sempre unha unidade coa persoa de seu Pai, aínda sendo diferente.

            Pero, en segundo lugar, nas Lecturas fálasenos ademais doutra “persoa”, en unidade co Pai e co Fillo, neste misterio grandioso de Deus. Dísenos alí que el nos dará ós que amamos Xesús “outro Paracleto”, para que este “estea decote connosco: o Espírito da Verdade”. O “Paracleto” é unha palabra grega que significa “auxiliador” ou “dador de consolo”. Este “Espírito da Verdade” ou “dador de consolo” é o que chamamos, de maneira habitual, o “Espírito Santo”.

            O Espírito Santo convértese así para nós en presenza viva e actuante de Xesús  en nós despois da súa morte e resurrección a través dos cambiantes tempos da historia. En relación con este Espírito dísenos que el estará “onda nós” e “en nós”. Un Xesús, que está dalgún xeito de despedida, déixanos neste don en certo modo a si mesmo ó nos dar ou regalar o seu “Espírito Santo”. “Non vos deixarei orfos”, dinos el.

            Sen dúbida, é bo que a nosa fe cristiá nos dea receitas morais para tantas e tan diversas situacións e problemas cos que nos atopamos e atoparemos na vida. Mais coido que é aínda case máis importante que nos acostumemos a ver este grandioso e marabilloso fondo da fe que se nos comunica.

            Deámoslle, pois, grazas a Deus (non o esquezamos: a “Eucaristía” significa “acción de grazas”) pola súa grandeza, polo seu misterio. Un misterio de amor que El nos quixo comunicar, amosando así o aprecio que nos ten. Pois os segredos só se comunican a aqueles cos que se ten confianza.

            Deus quere, pois, facer do mundo, de toda a humanidade, de toda a creación, unha realidade unida, mais respectuosa e amante das diferencias. Semellante a esa unidade entre Pai, Fillo e Espírito Santo que quere, respecta e ama a mutua diferencia.

            Pero hai algo máis aínda. Esta unidade da humanidade, que respecta e quere a diversidade e a diferenza no interior de si mesma, está chamada a se realizar plenamente no mesmo interior de Deus, por moi incríbel que isto poida parecer.

            Lembremos unha vez máis aquilo do apóstolo Paulo de que “en Deus vivimos, nos movemos e existimos”. Mais é no evanxeo onde se nos fala tamén desta mutua e interna diferenza entre nós e con Deus cando se lles anuncia e promete ós discípulos de Xesús: “Naquel día coñeceredes que eu estou en meu Pai, e vós en min, e eu en vós”.

            É dicir, o misterioso plan de Deus consiste en que todos esteamos e vivamos en Xesús e este no Pai. Unidos, pois, a Deus, sen deixar de ser nós.    

            Todo isto é o que teriamos que ir interiorizando e asumindo con alegría nas nosas vidas. Deste xeito poderemos converternos en luz e calor para toda persoa que se atope connosco e queira coñecer o segredo das nosas vidas, que no fondo consiste en sentírmonos felices porque Deus é o noso Pai, podendo así considerar os demais como irmáns nosos.

            Daremos así cumprimento tamén ó que nos pide o apóstolo Pedro na súa carta: “estade sempre dispostos a responder a todo aquel que vos pida razón da esperanza que levades dentro”. Porque o que máis precisamos é sermos capaces de “esperar”. En realidade, vivir é o que en definitiva máis desexamos e a nós prometésenos xustamente iso: “Eu son o camiño, a Verdade e a VIDA”. “Eu vivo e tamén vós habedes vivir”. 


                                                                                                                              Manuel Cabada Castro


VER TAMÉN:







Comentarios

Publicacións populares