DOMINGO VI DE PASCUA - CICLO A


Primeira Lectura      Feit 8, 5-8. 14-17

LECTURA DO LIBRO DOS FEITOS DOS APÓSTOLOS

Impuxéronlles as mans e recibían o Espírito Santo


            Naqueles días, Filipe baixou á cidade de Samaría e predicoulles o Mesías. O pobo, dun acordo, atendía ao que dicía Filipe, sentindo e vendo os sinais que facía; pois de moitos posuídos saían espíritos impuros a berros, e moitos paralíticos e coxos quedaban curados.

            A cidade encheuse de alegría.

            Ao sentiren dicir os apóstolos, que estaban en Xerusalén, que Samaría acollera a palabra de Deus, mandáronlles a Pedro e a Xoán.

            Baixaron logo alí, e oraron polos samaritanos, para que recibisen o Espírito Santo, pois aínda non baixara sobre ningún deles: só os bautizaran no nome do Señor Xesús.

            Entón, fóronlles impoñendo as mans e recibiron o Espírito Santo.


Palabra do Señor            R/. Grazas a Deus




SALMO RESPONSORIAL     Sal 65, 1-3a. 4-5. 6-7a. 16 e 20

R/. (1): Aclama a Deus, terra enteira.

Ou:  Aleluia.


Aclama a Deus, terra enteira,

canta a gloria do seu nome;

réndelle o honor da loanza,

dille: Que sorprendentes son as túas obras!


Próstrase a terra toda diante de ti

e canta salmos ao teu nome.

Vinde e vede as obras do Señor,

os seus sorprendentes feitos entre os homes.


El mudou o mar en terra seca

e pasaron o río a pé:

felicitémonos por iso.

Co seu poder domina o mundo.


Vide os que temedes o Señor,

e contareivos o que el fixo por min.

Bendito sexa Deus,

que non desbotou a miña súplica

nin afastou de min o seu amor.


 



Segunda Lectura    1 Pe 3, 15-18

LECTURA DA PRIMEIRA CARTA DO APÓSTOLO SAN PEDRO

Mortal na carne, pero vivificado no Espírito


            Benqueridos irmáns:

            Adorade a Cristo como Señor, estade sempre dispostos a responder a todo aquel que vos pida razón da esperanza que levades dentro.

           Pero respondede con bo xeito e con respecto; tede a conciencia limpa, de xeito que os que desprezan o voso bo comportamento cristián, se vexan confundidos naquilo mesmo de que vos calumnien.

            Pois sempre sería mellor sufrir, se tal fose a vontade de Deus, por facerdes o ben, que por facerdes o mal.

            Tamén Cristo morreu unha vez polos vosos pecados,

o xusto polos pecadores, para vos achegar a Deus;

sufriu a morte na carne, pero recibiu vida no espírito.


 

Palabra do Señor          R/. Grazas a Deus


 


ALELUIA      Xn 14, 23

Se non se canta, pódese omitir.


Aleluia, aleluia.

Se alguén me ama gardará a miña palabra, di o Señor;

e o meu Pai amarao e viremos a el.

Aleluia.


 


Evanxeo     Xn 14, 15-21

LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN

Pedireillo a meu Pai e ha darvos outro Paráclito


            Naquel tempo díxolles Xesús aos seus discípulos:

            -Se me amades, gardaredes os meus mandamentos, e eu rogareille ao Pai, e daravos outro Paráclito para que decote estea convosco: o Espírito da Verdade.

            O mundo non o pode acoller, pois non o ve nin o coñece; mais vós coñecédelo, pois permanece onda vós e está en vós.

            Non vos deixarei orfos; logo volvo onda vós. Un pouquiño máis e o mundo xa non me verá; pero vós habédesme ver, que eu vivo e tamén vós habedes vivir.

            Naquel día coñeceredes que eu estou en meu Pai, e vós en min, e eu en vós. Quen ten os meus mandamentos e os garda, ese ámame; o que me ama será amado por meu Pai, e eu amareino e manifestareime a el.


Palabra do Señor           R/. Loámoste, Cristo

Comentarios

Publicacións populares