FICHA E LECTIO + ORACIONAL GALEGO: DOMINGO 5 DE PASCUA A
FICHAS ANTERIORES:
O perfecto retrato de Deus
7 maio 23
Xesús foi a tódolos niveis absolutamente desconcertante. En
realidade, case o máis estraño vén sendo o feito mesmo de que nos estrañemos
diso. A razón do noso desconcerto ante as manifestacións de Deus é porque
tendemos a facernos un Deus á nosa recortada medida. Mais resulta que Deus é sempre
meirande cos nosos pensamentos sobre El. El é infinito non só no seu poder, no
seu amor, na súa misericordia, etc., senón en si mesmo. A súa infinitude é algo
que só con moito esforzo intelectual podemos sospeitar ou albiscar, aínda que
endexamais a poidamos comprender totalmente.
Dito isto, o feito mesmo de que Deus puidese e quixese amosársenos
como un máis entre nós é algo realmente desconcertante. Poderiamos pensar que o
propio de Deus sería mostrársenos por medios portentosos, inesperados,
cósmicos, con sinais terroríficos, absolutamente estraños. Mais Deus
preséntasenos, dásenos a coñecer dunha maneira aínda máis desconcertante, máis
estraña. Coma un máis de nós. Pois a manifestación do que é Deus ocorre nacendo
humanamente coma fillo igual a nós, sendo rapaz e mozo como un de nós,
precisando traballar e relacionarse coa conflitiva sociedade do seu tempo como
calquera persoa do noso tempo.
Non está Deus lonxe, xa que logo, de nós? Pois, polo que se
ve, non. Xa o apóstolo Paulo lles dicía ós gregos (achegándose o máis posíbel ó
seu modo de ver as cousas e ó que pensaban os filósofos gregos do seu tempo)
que Deus non está lonxe de nós, que nel vivimos, nos movemos e estamos... Naturalmente,
estamos nel con total liberdade de movementos, porque o espazo, por así dicilo,
de Deus non é cativo, non é limitado, senón infinito...
Tentando, pois, descubrir estas estrañezas de Deus das
que estamos a falar, algo que desde sempre me chamou máis a atención na lectura
dos evanxeos é o curto diálogo entre Xesús e os apóstolos Tomé e Filipe que
aparece hoxe no evanxeo de Xoán.
Vexamos, pois. Xesús fálalles ós seus discípulos do
“camiño” que leva á casa do Pai, á casa onde se atopa a verdadeira vida e na
que hai, tal como se nos di, “moitas moradas”. O diálogo queda enmarcado por
Xoán cara ó final da vida de Xesús, na súa derradeira cea. Presidindo esta cea,
fai coma quen supón que os seus apóstolos están a estas alturas suficientemente
ó tanto de cal é o camiño que conduce a Deus Pai. Dilles entón: “E a onde eu
vou, vós ben sabedes o camiño”.
Mais Tomé, o mesmo que posteriormente esixiría ante os
seus compañeiros probas contantes e soantes da resurrección do seu Mestre,
replícalle que el, Tomé, lonxe de saber deste camiño, non ten idea nin de a onde
el vai nin cal é o aludido camiño. É entón cando o seu Mestre indicará que ese
camiño é el mesmo: “Eu son o camiño, a verdade e a vida: ninguén chega onda o
Pai máis ca por min”. E é agora cando entra en liza Filipe cunha interpelación ó
seu Mestre na que lle indica que iso do “camiño” e demais cara ó Pai é algo que
lle resulta escuro e enmarañado. Que na súa opinión o máis práctico e sinxelo
sería que se deixase de lerias e lles amosase directamente e sen rodeos o Pai
ós seus discípulos. “Señor, -dille Filipe- móstranos o Pai e abóndanos”.
O que agora lle intenta facer comprender Xesús a Filipe é
o que antes vos comentaba que sempre me impresionou e me continúa a
impresionar: “Pero, Filipe, ¿levo tanto tempo convosco e aínda non me coñeces?
Quen me viu a min, viu o Pai”.
Leva moitos séculos a humanidade -filósofos, teólogos, literatos,
poetas, xente normal de a pé coma vós ou coma min- intentando saber quen é Deus
ou como é el. E resulta que quen máis do tema sabe nos informa sobre iso de
maneira moi sinxela e sorprendente. “Olládeme a min e saberedes como é Deus,
quen é el”.
Ver Xesús é, pois, ver o Pai, o pai Deus. Este non deixa,
porén, de ser un máis entre nós, un coma nós. Por iso é Xesús a verdadeira manifestación
de Deus, “o Fillo de Deus”. Por ser infinitamente humano. Nós só podemos ser
humanos dun xeito limitado.
Deus, polo tanto, como nos dicía Paulo, non está lonxe. El
está en Xesús, o noso irmán, solidario cona humanidade de tódolos tempos,
lugares e ideoloxías. Deus está en toda a creación, en toda persoa humana. Está
alí onde ninguén pensa que podería estar: alí onde hai pobres, sufrintes, marxinados.
É así -tal como nos di Pedro na súa carta- como Deus lles presta atención a
esas “pedras de refugallo” que parece que non serven para nada, mais que se converteron
-tal e como comenta o mesmo Pedro referíndose a Xesús- en “esquinal”, en “pedra
viva” do edificio feito por Deus.
É esta unha lección que non nos resulta doado aprender.
Mais paga a pena aprendela, meditala e, sobre todo, levala á práctica.
Manuel Cabada Castro
Comentarios
Publicar un comentario