FICHA E LECTIO: Domingo 5 de Pascua A
LECTIO:
Ver
a Deus onde non parece
(10
de maio de 2020)
Xesús foi a tódolos niveis absolutamente desconcertante.
Foino sempre desde que apareceu entre nós e serao para as vindeiras xeracións.
E serao tamén na eternidade da vida que nos espera despois da morte.
En realidade, case o máis estraño é o feito mesmo de que
nos estrañemos disto. En realidade, a razón do noso desconcerto coas
manifestacións de Deus é porque tendemos a facernos un Deus á nosa recortada
medida. Mais resulta que Deus é sempre meirande cos nosos pensamentos sobre El.
El é infinito non só no seu poder, no seu amor, na súa misericordia, etc.,
senón en si mesmo. O da súa infinitude é algo que só con moito esforzo
intelectual podemos dalgún modo sospeitar ou albiscar, aínda que endexamais
comprender de maneira total. Porque nós, no fin de contas, aínda que esteamos
feitos á imaxe e semellanza de Deus, non somos nin podemos ser endexamais
iguais a el. Deus non hai nin pode haber máis ca un.
Dito isto, o feito mesmo de que Deus, o Deus-Pai que nos descobre
Xesús, puidese e quixese amosársenos como un máis de nós é algo realmente
desconcertante. Poderiamos pensar que o propio de Deus sería mostrársenos por
medios portentosos, inesperados, cósmicos, con sinais terroríficos,
absolutamente estraños. Mais isto sería, como digo, algo xa dalgún modo
sospeitado ou maxinado por nós nas nosas cativas cabeciñas. Non. Deus
preséntasenos, dásenos a coñecer dunha maneira aínda máis desconcertante, máis
estraña. Coma un máis de nós.
Xesús, a manifestación definitiva e total do que é o seu
Deus e o noso Deus, dánolo a coñecer nacendo coma un de nós, sendo rapaz e mozo
como un de nós, tendo que traballar e relacionarse coa conflitiva sociedade do
seu tempo como calquera persoa doo noso tempo.
Non está Deus, polo tanto, lonxe de nós? Pois, polo que
se ve, semella que non. Xa o apóstolo Paulo lles dicía ós gregos (achegándose o
máis posíbel ó seu modo de ver as cousas e ó que pensaban os filósofos gregos
do seu tempo) que Deus non está lonxe de nós, que nel vivimos, nos movemos e
estamos... Naturalmente, estamos nel con total liberdade de movementos pola
nosa parte, porque o espazo, por así dicilo, de Deus non é cativo, non é
limitado, senón infinito...
Tentando, pois, descubrir estas estrañezas de Deus das
que estamos a falar, unha das cousas que desde sempre máis me chamaron a
atención na lectura dos evanxeos é este curto diálogo de hoxe entre Xesús e os
apóstolos Tomé e Filipe que aparece no evanxeo de Xoán.
Vexamos. Xesús fálalles ós seus discípulos do “camiño” que
leva á casa do Pai, á casa onde se atopa a verdadeira vida e na que hai, como
di Xesús, “moitas moradas”. O diálogo queda enmarcado por Xoán cara ó final da
vida de Xesús. Na súa derradeira cea. A esas alturas Xesús, que preside esta
cea, fai coma quen supón que os apóstolos están xa suficientemente ó tanto de
cal é o camiño que conduce a Deus Pai. Xesús está precisamente percorrendo
agora as últimas etapas deste camiño, ó final da súa vida. Dilles el entón: “E
a onde eu vou, ben sabedes vós o camiño”.
Mais Tomé, o mesmo que posteriormente esixiría ante os
seus compañeiros probas contantes e soantes da resurrección de Xesús,
replícalle a Xesús que el, Tomé, lonxe de saber deste camiño, non ten idea nin
de a onde vai Xesús nin de cal é o camiño. Pola súa parte, Xesús volverá
insistir naquilo do domingo anterior. Como lembraredes, Xesús dicía de si
mesmo: “Eu son a porta; se alguén entra por min, salvarase”. Pois ben, despois
disto engade Xesús agora de maneira, se se quere, máis clara e máis ampla: “Eu
son o camiño, a verdade e a vida: ninguén chega onda o Pai máis ca por min”. É
xustamente agora cando entra en liza Filipe cunha interpelación que lle fai a
Xesús, na que lle vén dicir que iso do “camiño” e demais cara ó Pai é algo que
lle resulta escuro e enmarañado. Que o más práctico e sinxelo sería que, para
dicilo dalgunha maneira, se deixase de lerias e lles amosase a eles,
directamente e sen rodeos, o Pai: “Señor, -dille Filipe- móstranos o Pai e
abóndanos”.
O que agora lle intenta facer comprender Xesús a Filipe é
o que vos dicía que sempre me impresionou e me continúa a impresionar: “Pero,
Filipe, ¿levo tanto tempo convosco e aínda non me coñeces? Quen me viu a min,
viu o Pai”.
Leva moitos séculos a humanidade -filósofos, teólogos,
literatos, poetas, xente normal de a pé coma vós ou coma min- intentando saber
quen é Deus ou como é el. E resulta que quen máis sabe do tema nos informa
sobre iso de maneira moi sinxela, moi sorprendente. “Olládeme a min e saberedes
cómo é Deus, quen é el”.
Ver Xesús é, pois, ver o Pai. E Xesús non deixa por iso
de ser un máis entre nós, un coma nós, aínda que, naturalmente, moito máis
“humano”, infinitamente máis humano, ca
nós. Por iso precisamente é el a verdadeira manifestación de Deus, “o Fillo de
Deus”. Por ser infinitamente humano. Nós só podemos ser humanos dun xeito moi
limitado.
Polo tanto, como dicía Paulo, Deus non está lonxe. Está
en Xesús, irmán maior noso, conxuntado e solidario con toda a humanidade de
tódolos tempos, lugares e ideoloxías. Deus está en toda a creación, en toda
persoa humana. Está alí onde ninguén pensa que podería estar: alí onde hai
pobres, sufrintes, xentes ás que ninguén lles fai caso ningún. Ou, como nos di
Pedro na súa carta, Deus préstalles atención a esas “pedras de refugallo” que parece
que non serven para nada, mais que se converteron -tal como comenta o mesmo
Pedro referíndose a Xesús- en “esquinal”, en “pedra viva” do edificio feito por
Deus.
É esta unha lección que non nos resulta doado aprender.
Mais paga a pena aprendela, meditala e, sobre todo, practicala na nosa vida.
Polo menos, intentemos coa forza e a graza do Espírito de Deus, sermos firmes
nesta fe en Xesús como manifestación de Deus e presenza viva del entre nós.
Manuel Cabada Castro
VER TAMÉN:
https://www.gruposdejesus.com/5-pascua-a-xoan-141-12/
Comentarios
Publicar un comentario