FICHA E LECTIO: Domingo 7 de Pascua - Ciclo A


FICHAS ANTERIORES: Ficha 1 / Ficha 2

LECTIO:

Subir, subir...
 (24 de maio de 2020)


            Esta festa luminosa da Ascensión abrangue e agacha en si mensaxes e ideas grandes e sublimes, que non podemos menosprezar. Porque nela, neste Cristo do que se nos di que “ascende” ó ceo, veñen xuntarse dalgunha maneira o ceo e maila terra. Naturalmente, non estamos a falar do ceo ou da terra nun senso físico ou cósmico. Ben o entendedes. Ceo ou terra son, en definitiva, símbolos de dúas realidades diferentes. Coa terra asociamos o limitado, o pasaxeiro, o imperfecto. Pola contra, co ceo o que non remata, o totalmente bo, o infinito. A iso nos referimos, pois, e non a ámbitos concretos máis ou menos distantes un do outro.

            Non se trata, con todo, de dúas realidades, o ceo e maila terra, totalmente diferentes ou opostas. En Deus Pai atópase a síntese e a razón de ser de ámbalas dúas. Pois el, “o Pai omnipotente”, tal como o confesamos no Credo, é o “Creador do ceo e máis da terra”. E no seu Fillo Xesús, a terra e a humanidade toda está e estará sempre presente por toda unha eternidade. Porque el, Xesús, é e será sempre un de nós, por moi Fillo único de Deus que sexa e seguirá a ser.

            Cristo “ascende”, pois, cara a unha nova e definitiva situación. E vainos amosando así cal é tamén o noso “camiño”. Xa nos dixera que el non só é a Verdade e a Vida, senón tamén o “Camiño”. Un camiño, polo tanto, que todos estamos chamados a percorrer. Nunha peregrinaxe na que non nos fallarán as forzas do seu Espírito, do Espírito Santo que Xesús mesmo nos dá.

            Trátase dunha peregrinaxe, dunha “ascensión”, a de cada un de nós, que non a facemos en solitario. Ben sabemos que este tipo de actividades se fan mellor cando un vai con outros que o acompañan, que lle dan azos ou que lle fornecen axuda cando a precisamos. Por outro lado, non só camiñamos con outros coma nós, senón que o propio Xesús camiña connosco. E non de calquera maneira. El vai sempre diante, facendo o meirande esforzo, algo así (permitídeme a comparanza) como o ciclista que fai de “cabeza”, que vai tirando do pelotón. En realidade, Paulo, non só na carta de hoxe senón tamén noutros seus escritos, non deixa de utilizar imaxes semellantes ou outros símiles deportivos da época. Segundo Paulo, na súa carta de hoxe ós Efesios, os cristiáns formamos con Cristo un só corpo, sendo el a “cabeza” deste corpo. Deus Pai –dinos Paulo- é quen someteu todo a Xesús e quen “o puxo por riba de todo como cabeza da Igrexa, que é o seu corpo”. Nós somos, polo tanto, membros deste corpo misterioso, que ten o propio Xesús como “cabeza” dirixente e coidadora de tódolos membros do seu corpo.    Formamos, pois, unha unidade, un “equipo” (valla de novo a comparanza), téndomos Xesús  como “xefe de filas”, como “cabeza”.

            Mais de aquí para adiante a comparanza xa non nos vale. Porque o noso ascenso non é contra ninguén nin pra lle gañar a partida co noso esforzo a outros contrincantes. Todos, toda a humanidade, sexan da ideoloxía ou crenza que sexan, están, estamos, chamados e convidados a este esforzo común cara a unha meta fermosa, que ninguén en realidade pode deixar de apetecer.

            Pois, ¿quen non quere vivir? ¿Quen non busca a verdade? ¿Quen non quere dar co camiño que leva á felicidade? Calquera, pois, que teña este tipo de apetencias ou desexos pode estar ben seguro de que Xesús está con el e de que el está con Xesús. Non podemos converter Xesús en alguén que está reservado só para certas persoas, que fagan certas cousas, realicen certos ritos ou cumpran con determinados preceptos concretos. Xesús está aí para todos, para toda a humanidade. Pois el non é nin máis nin menos ca a imaxe do Pai Deus, é dicir, de quen o fixo todo e nos fixo tamén a todos e cada un tal e como somos. Tan diferentes e ó tempo tamén, no fondo, tan semellantes.

            Por iso Paulo, na súa carta de hoxe, ó nos falar de que a Igrexa é o corpo de Cristo e sabendo que Cristo é a imaxe viva do Pai de todos, non deixa de dicir sobre a Igrexa (e non só sobre Cristo) que a Igrexa é “a plenitude daquel que o enche todo en tódalas cousas”. Precisamente por esta razón a Igrexa non pode menos de se entender a si mesma como “católica”, é dicir, como “universal”.

            Isto pode ser relacionado tamén co mandado que, a teor do evanxeo, lles fai Xesús ós seus apóstolos: “Ide e facede discípulos meus a tódolos pobos, bautizándoos no nome do Pai e do Fillo e do Espírito Santo”. Por moitas veces que teñamos escoitado esta fórmula ritual do bautismo, non deberiamos deixar de considerar que con ela o que é bautizado vén mergullarse simbolicamente nese mar infinito que é o Deus un e “trino”. Tamén en Deus hai, pois, lugar para a “diferenza”. El non é só “unidade”. E se hai “diferenza” no seo mesmo de Deus, ha de habela tamén no interior da Igrexa e en todo o mundo.

            Coa Ascensión de Xesús, que é por dicilo así o cumio da súa Resurrección, estamos pois todos chamados a agradecer, unha vez máis, a grandeza de Deus Pai e dos seus proxectos sobre nós. Neste senso, fálanos hoxe Paulo de que teriamos que abrir os nosos ollos para intentarmos comprender “o vigor da potencia e da forza” de Deus Pai en relación connosco.

            Como se nos amosa este “vigor”? Paulo explícanolo dicindo que Deus Pai exerceu o seu vigor e a súa forza “resucitando Cristo de entre os mortos e sentándoo á súa dereita nos ceos, por riba de todo principado e potestade, de toda virtude e dominación, e por riba de todo título de honra recoñecido neste mundo e tamén no vindeiro”.

            E, unha vez dito isto, cómpre engadir aínda finalmente. Este Xesús ascendido e enxalzado sobre ceos e terra segue a ser un de nós, asegurándonos, tal como se nos di no texto de Mateo, que el “estará sempre connosco ata a fin do mundo”. A nosa esperanza está, pois, ben fundada.

Manuel Cabada Castro




VER TAMÉN:

https://www.gruposdejesus.com/ascension-do-senor-a-mateu-2816-20/






Comentarios

Publicacións populares