FICHA E LECTIO: Domingo de Pentecoste - ciclo A

LECTIO:

Forte e lene vento de Deus
(31 de maio de 2020)

            Pentecoste é, como ben sabedes, o nome de orixe grega da festividade da vinda do Espírito Santo onda nós. Fai referencia ós “cincuenta” días de despois da Resurrección do Señor. Un número de días que tampouco se ha entender aquí literalmente senón de maneira simbólica. Día emocionante, grandioso, este da vinda do Espírito Santo onda nós, para se facer presente en nós: mulleres e homes do mundo enteiro de hoxe, mais tamén de tódalas épocas anteriores e das vindeiras.     

            A festa de Pentecoste está en paralelismo e, ó tempo, a modo de contrapunto coa festa da Ascensión do Señor do domingo pasado. Aledabámonos entón e dabámoslle grazas a Deus Pai polo ascenso glorioso de Xesús ós ceos despois da súa Resurrección. Coa Ascensión de Xesús estaba para sempre sinalado o camiño e construída a ponte, entre terra e ceo, para  darmos así vida e felicidade definitivas.

            Hoxe, nesta festa do Espírito Santo, o que ocorre non é unha vez máis un “ascenso”, unha “Ascensión”, senón un “descenso”, unha vinda onda nós do Espírito Santo. Por mediación de Xesús ascendido ós “ceos”, é dicir, ascendido a esa nova situación gloriosa de Xesús, anticipo da que será a nosa, baixa o “Espírito” de Deus onda nós. Un “Espírito” que se queda xa para sempre onda nós. O Espírito de Deus veu onda nós, está connosco e estarao sempre. A súa vinda non ten data de caducidade. Veu para se quedar. De xeito que se é verdade que hai Ascensión de Xesús ós ceos, non hai ascensión ou partida do Espírito Santo ó ceo. El está no corazón mesmo de cada un de nós e da nosa comunidade cristiá e aquí quere permanecer como en casa propia.

            Deste modo, o Espírito Santo vén sendo algo así como a presenza de Deus entre nós máis alá do tempo histórico ou biográfico en que Xesús permaneceu entre nós. Precisamente por iso, é dicir, grazas á vinda do Espírito Santo, enviado onda nós polo pai e por Xesús, podía dicir este, a pesar da súa marcha, a pesar da súa “Ascensión”, que el, é dicir Xesús, “estará sempre connosco ata a fin do mundo”. E se Xesús é a imaxe, o retrato vivo de Deus Pai, o Espírito Santo é pola súa parte a presenza viva e actuante de Xesús, ascendido ós ceos, nas persoas todas do mundo deica a fin dos tempos.

            Nos Feitos dos Apóstolos, o Espírito de Deus énos presentado, na súa vinda onda nós, coma “ruído dun forte golpe de vento” que o enche todo, e como “linguas de lume” que se pousan sobre cada un dos presentes. Ocorre aquí unha transformación fonda dos apóstolos, que os fai sentirse a si mesmos “cheos do Espírito Santo”. De tal maneira que son capaces de se daren a entender por cantos os escoitan. Dísenos alí que todos os comprendían perfectamente, coma se falasen na súa propia lingua, sendo así que de feito os que os escoitaban eran de moi diferentes linguas e nacións.

            Tanto nos comezos do espallamento da boa nova de Xesús coma nos tempos de hoxe e de mañá o que nos fai moita falla a tódolos cristiáns é ese “enchérmonos do Espírito Santo”, tal como ocorreu na primeira Pentecoste. Ese sentirmos en nós a presenza viva do Espírito Santo, que nos dá vigor e azos para anunciarmos a mensaxe de Xesús con liberdade, alegría e agradecemento. Coas palabras, aínda que mellor cos feitos, porque, no fin de contas, as palabras sen os feitos non son máis que sons baleiros.

            De que falaban os apóstolos, transformados en si mesmos pola presenza neles do Espírito Santo? Dinnos os Feitos dos Apóstolos que falaban “das grandezas de Deus”. Eles sentían en si mesmos o “grande” que era ese Deus que se nos dera a si mesmo a nós no seu Fillo Xesús e que agora se facía presente coa forza e o poder transformador do Espírito Santo.

            Por iso, é hoxe sobre todo un día no que deberiamos repetir aquela petición que a “Secuencia” litúrxica expresa deste xeito: “Ven, Espírito divino..., Ven, hóspede desexado... Entra ata o fondo da alma, divina luz, e enriquécenos... Ven, Espírito Santo, enche o corazón dos teus fieis...”

            Teriamos que concienciármonos de que este Deus que se nos comunica no Espírito Santo e que está na mesma orixe da igrexa é un Deus impetuoso, forte, como é forte un vento impetuoso capaz de derrubar rexos carballos ou castiñeiros. Un Deus libre e que ama a liberdade. Un Deus que se comunica e que se fai comprender en calquera lingua e cultura. Un Deus que non se ata a límites, prescricións ou ritos concretos. Porque a súa grandeza (aquela da que falaban os apóstolos ós alí presentes) é unha grandeza divina. Por ser tal, o Espírito de Deus actúa en nós non só coma un vento forte, senón tamén como lene brisa ou alento que nos dá paz e alegría. Así vén simbolizado por exemplo naquel texto do evanxeo no que se nos di que o Xesús resucitado, despois de lles dar a paz ós seus discípulos, “alentou sobre eles”, dicindo: “Recibide o Espírito Santo”.

            Un “alento” que liberará os discípulos dos seus “des-alentos”, dos seus medos, para anunciaren a boa nova da Resurrección. Espírito, pois, forte e maino, ó que lle gusta a unidade, mais tamén a diferenza de persoas, de culturas e de linguas, e polo tanto que está lonxe de estreitos dogmatismos e uniformidades. Que quere portas abertas ó mundo, tal como nolo pide hoxe tamén o papa Francisco, para que o mundo poida así coñecer as grandezas de Deus.

            Sobre esta festa de Pentecoste lin algunha vez o seguinte: “Na Igrexa somos moi pouco devotos do Espírito Santo. Porén, só no Espírito somos os cristiáns capaces das cousas que no noso falar e no noso obrar nos distinguen como cristiáns. Sen o Espírito nin seriamos adoradores do Pai, nin seguidores de Xesús, nin servidores dos pobres. Non seriamos nada”.

            Así pois, para convertérmonos, tal como deberiamos, en fervorosos devotos deste Espírito de Deus, mergullándonos nel e concienciándonos así da súa presenza agarimosa en nós, sería bo asumirmos todos aquelas palabras do comezo da “Secuencia” litúrxica desta festividade: “Ven, Espírito divino, manda a túa luz do ceo”.

Manuel Cabada Castro



VER TAMÉN:




Comentarios

Publicacións populares