1º Maio 2023: «Un traballo decente ten que ser un traballo saudable» Manifesto para o Primeiro de Maio de 2023


No ano 2022 producíronse en España 1.196.425 accidentes laborais, 631.724 causaron baixa, das cales 4.714 foron consideradas graves e 826 mortais. Estes datos só reflicten unha parte da sinistralidade laboral no noso país, pois o que aquí non se recolle é o que sucede a quen se atopan na economía somerxida, nin de quen traballan sen contrato ou se lles paga en negro, nin a quen non se lles diagnosticou unha enfermidade laboral porque non se especifica a súa orixe, ou as súas patoloxías non son recoñecidas como tales ou os profesionais descoñecen os procedementos para cualificala como laboral. Por tanto, podemos afirmar que esta situación é máis grave que o que nos din as estatísticas, e máis aínda se estendemos a nosa mirada ao mundo onde se calcula que no ano 2020 morreron 2,7 millóns de persoas por accidente ou enfermidades laborais.

O traballo é para a vida e este sistema, coa súa lóxica economicista, separa o traballo da persoa, desposúea da súa esencia e capacidade creadora e do seu propio SER; constrúe precariedade, inseguridade e somete ao traballador e a traballadora a longas xornadas laborais, a altos ritmos de produción e prívalle do merecido descanso. As secuelas non son só persoais e familiares, senón tamén sociais pois inciden na convivencia e nas relacións, converténdose así nun problema político que require unha resposta tamén política.

Desde Igrexa polo Traballo Decente (ITD) queremos contribuír a visibilizar esta situación e a denunciar as causas que a provocan, para que a precariedade laboral deixe de considerarse como o normal e natural e esixir ás administracións públicas que velen polo cumprimento da lexislación laboral, poñan máis recursos para que se investiguen os accidentes e mortes no traballo, depúrense responsabilidades, póñanse os medios para que non volva suceder, e facilítese os trámites burocráticos ás vítimas e as súas familias para que lles sexa recoñecida a súa situación de sinistralidade.

Como fillos e fillas de Deus e construtores do reino de Deus, que defendemos a vida por encima do beneficio, a dignidade da persoa por encima da produtividade e o ben común por encima dos intereses persoais, queremos reverter esta situación de inxustiza co noso compromiso persoal e comunitario desde a cultura do coidado e a solidariedade.

Como iniciativa de igrexa, comprometémonos a xerar movementos de solidariedade que defendan a saúde e a seguridade no traballo, implicando a outras persoas e colectivos, potenciando o asociacionismo, para que se convertan en interlocutores coas administracións; apoiando o labor que realizan os sindicatos desde a prevención e a esixencia do cumprimento da normativa laboral; fomentando e difundindo o que xa vén realizando no seo da Igrexa e desde a Pastoral de Traballo.

Por ese motivo, debería ser obrigatorio seguir aquel consello que nos deu o papa Francisco na Noiteboa do 2021: "No día da Vida repitamos: Non máis mortes no Traballo!" e, sobre todo, fagamos mandato do que dixo para terminar esa frase: "e esforcémonos por logralo" "Deus vén colmar de dignidade a dureza do traballo. Lémbranos que importante é dar dignidade ao home co traballo, pero tamén dar dignidade ao traballo do home, porque o home é señor e non escravo do traballo".

O síntoma máis tráxico da precariedade e a falta de respecto á saúde das persoas traballadoras é, que sigamos sufrindo no noso país máis de dúas mortes diarias por accidente laboral.


https://www.hoac.es/2023/03/03/declaracion-sobre-el-domingo-libre-de-trabajo-del-movimiento-de-trabajadores-cristianos-de-europa-mtce-2023/

Comentarios

  1. Anónimo1/5/23

    Paréceme moitisimos accidentes laboráis , e os que non se coñecen polo tanto que a quen compete que os medios necesarios para evitarlos; que os inspectores revisen as empresas e os empregados tamen sexan responsables poñendo o que precisan ainda que lles custe utilízalo.

    ResponderEliminar

Publicar un comentario

Publicacións populares