DOMINGO V DE PASCUA - ciclo A

                                         Oracional Galego en Spotify 

+ Enlace orixinal Oracional iVoox






LECTIO:

Homilía domingo V Pascua-3 maio 2026


            Xesús foi a tódolos niveis absolutamente desconcertante. Foino desde que apareceu entre nós e continuará a selo na eternidade da vida que nos espera despois da morte.          O máis estraño vén sendo o feito mesmo de que nos estrañemos diso. A razón do noso desconcerto ante as manifestacións de Deus é porque tendemos a facernos un Deus á nosa limitada medida. Mais resulta que Deus é e será sempre meirande co noso pensamento sobre El. El é absolutamente infinito non só no seu poder, amor ou misericordia, senón en si mesmo. O da súa absoluta infinitude é algo que só con moito esforzo intelectual podemos albiscar, aínda que endexamais a poidamos comprender. Pois nós, no fin de contas, aínda que esteamos feitos á imaxe e semellanza de Deus, non somos nin podemos ser endexamais iguais a el.

            Dito isto, o feito mesmo de que Deus, o Deus-Pai que nos descobre Xesús, puidese e quixese amosársenos como un máis entre nós é algo realmente desconcertante. Pois poderiamos pensar que o propio de Deus sería mostrársenos por medios portentosos, inesperados, cósmicos, con sinais terroríficos, absolutamente estraños. Pois non.Deus dásenos a coñecer dunha maneira aínda máis desconcertante. Coma fillo humano de Deus, coma un máis de nós. A manifestación do que é Deus ocorre nacendo humanamente coma fillo igual a nós, sendo rapaz e mozo coma un de nós e tendo que traballar e relacionarse coa conflitiva sociedade do seu tempo como calquera outra persoa.Non está Deus, polo tanto, lonxe de nós? Pois, polo visto, non. Xa o apóstolo Paulo lles dicía ós gregos (achegándose o máis posíbel ó seu modo de ver as cousas e ó que pensaban os filósofos gregos do seu tempo) que Deus non está lonxe de nós, que nel vivimos, nos movemos e estamos. Naturalmente, estamos nel con plena liberdade de movementos, porque o espazo -digamos- de Deus non é limitado, senón infinito.

            Tentandodescubrir estas estrañezas de Deus das que estamos a falar, un dos acontecementos que desde sempre máis me chamaron a atención na lectura dos evanxeos é ese curto diálogo entre Xesús e os apóstolos Tomé e Filipe que aparece no evanxeo de Xoán. Vexamos. Xesús fálalles ós seus discípulos do “camiño” que leva á casa do Pai, á casa onde se atopa a verdadeira vida e na que hai, tal como se nos di, “moitas moradas”. O diálogo queda enmarcado por Xoán cara ó final da vida de Xesús, na derradeira cea. El, que preside esta cea, fai coma quen supón que os apóstolos a estas alturas estarían xa suficientemente ó tanto de cal é o camiño que conduce a Deus Pai. Dilles entón: “E a onde eu vou, ben sabedes o camiño”.Mais Tomé, o mesmo que posteriormente esixiría ante os seus compañeiros probas contantes e soantes da resurrección de Xesús, replícalle que el, Tomé, lonxe de saber de tal camiño, non ten idea nin de a onde el vai nin cal é o tal camiño. É entón cando o seu Mestre lle indicará: “Eu son o camiño, a verdade e a vida: ninguén chega onda o Pai máis ca por min”.

            É agora cando intervén Filipe cunha interpelación ó seu Mestre na que lle indica que iso do “camiño” e demais cara ó Pai lle resulta algo escuro ou enmarañado e que na súa opinión o máis práctico e sinxelo sería que lles amosase directamente e sen rodeos o Pai ós seus discípulos. “Señor, -dille Filipe- móstranos o Pai e abóndanos”.O que agora lle intenta Xesús facer comprender a Filipe é algo verdadeiramente impresionante: “Pero, Filipe, ¿levo tanto tempo convosco e aínda non me coñeces? Quen me viu a min, viu o Pai”.Leva moito tempo a humanidade -filósofos, teólogos, escritores, poetas, xente normal de a pé coma vós ou coma min etc.- intentando saber quen é ou como é Deus e resulta que Aquel que máis sabe do tema nos informa sobre iso de maneira sorprendente. “Olládeme a min e saberedes como é Deus, quen é el”. Ver Xesús é, pois, ver o Pai. Non deixa el, porén, de ser un máis entre nós, un coma nós, aínda que, naturalmente, infinitamente máis humano  ca nós. Xustamente por iso (por ser infinitamente humano) é el a verdadeira manifestación de Deus, “o Fillo de Deus”.

            Deus, polo tanto, como nos di Paulo, non está lonxe. Está en Xesús, irmán maior noso, solidario con toda a humanidade de tódolos tempos, lugares e ideoloxías. Deus está en toda a creación, en toda persoa humana. Está alí onde ninguén pensa que podería estar: alí onde hai pobres, sufrintes, marxinados. É así -dínolo Pedro na súa carta- como Deus lles presta atención a esas “pedras de refugallo” que semellan non serviren para nada, mais que se converten -tal como comenta o mesmo Pedro referíndose a Xesús- en “esquinal”, é dicir, en “pedra viva” do edificio construído por Deus.

           

                                                                                                                              Manuel Cabada Castro


Manuel Cabada Castro, Boa nova para tempos novos. Comentarios velaíños aos evanxeos dominicais. Tres tomos (2024-2025). SEPT (editorialsept@gmail.com; editorialsept@editorialsept.gal).       Distribución: Editorial Galaxia (pedidos@editorialgalaxia.gal).







Comentarios

Publicacións populares