SOLEMNIDADE DA SANTÍSIMA TRINDADE - CICLO A
+ Enlace orixinal Oracional iVoox

Homilía Santísima Trindade
31 maio 2026
Deberiamos
converter a festividade da Santísima Trindade en algo íntimo, vivo e, sobre
todo, cordial. Desde que nos iniciaron na fe cristiá sabemos que Deus é un e
trino, ou sexa, que Deus é un só Deus en tres persoas. Así nolo dixeron e así o
aprendemos. Mais todo semella quedar non pouco distante da nosa fe vivida,
sentida e compartida cos demais.Temos que partir, en calquera caso, de que
Deus, o Deus infinito ou, mellor, superinfinito,
é absolutamente incomprensíbel para nós. E seguirao sendo por máis que El se
nos teña revelado como Pai, Fillo e Espírito Santo. Esta unidade e diferenza
segue e seguirá a ser para nós un misterio, por grande e fermosa que sexa esta
revelación. Poderiamos dicir, de
maneira moi sintética, que Deus se nos presenta no Antigo Testamento sobre todo
como o Deus único, un Deus Pai, que aínda non se nos manifesta totalmente tal e
como é. Agora ben,coa súa manifestación en Xesús, aprendemos a ver como é concretamente
esa súa paternidade ó se nos manifestar como especialísimo Pai seu que o quere
infinitamente.Mais como Xesús é tamén na súa humanidade un de nós, resulta que,
ó revelársenos Deus como Pai de Xesús, se nos manifesta ó tempo que el, Xesús,
é o noso irmán maior e que, xa que logo, todos nós somos fillos de Deus. Deus
Pai porfillounos a nós en Xesús, o fillo único e benquerido de Deus. Así nolo
anuncia Paulo ó nos dicir que recibimos de Deus Pai “un espírito de fillos
adoptivos” e que” grazas a iso “podemos clamar: ‘Abbá’: Pai!!”.
Coa
paulatina revelación da Trindade de Deus váisenos comunicando tamén a nós que
todos estamos chamados a ingresar misteriosamente nesa Trindade.A revelación
definitiva da Trindade divina ocorre, pois, coa vinda do Espírito Santo onda
nós. Foi isto último o que celebramos no anterior domingo. Por iso a Igrexa
coloca sempre liturxicamente a festividade da Santísima Trindade no domingo
seguinte ó de Pentecoste, é dicir, inmediatamente despois da festividade da
vinda onda nós do Espírito Santo.Con esta vinda do Espírito Santo péchase, para
dicilo dalgunha maneira, o “círculo” da revelación de Deus. Agora resulta que
Deus xa non é dúas persoas, senón “tres”. Deus é un “trío” , un trío que toca
tan misteriosamente ben, que non desafina ningún dos tres en tan infinita e
misteriosa harmonía. En Deus hai tan marabillosa harmonía que, con seren tres
as persoas, non por iso hai tres deuses, senón un único Deus.
Hai
aínda algo máis. Como o Espírito Santo non se vai xa máis de onda nós, e alí
onde está o Espírito están tamén o Pai e o Fillo, resulta que estamos así, pola
presenza en nós do Espírito Santo, unidos á enteira Trindade divina. Unha
Trindade que segue a traballar no medio de nós para nos facer semellantes a
ela, uns e diferentes, variados e unidos, autónomos e amorosos, libres e ó
tempo escravos dos demais na nosa mutua entrega a eles. É dicir, trinos e un. O
fin do mundo e da humanidade, ou sexa, o proxecto grandioso de Deus é o de
chegarmos a participar todos desa misteriosa Trindade divina.Neste sentido,
deberiamos traballar tamén nós, coa forza e a graza do noso Deus trinitario, a
prol dun mundo onde exista liberdade e amor, diferenza e unidade,
individualidade e comuñón, asemellándonos así á esta Trindade divina que
estamos a celebrar.
Os
grandes santos e teólogos dicían e din que sobre Deus, e de maneira especial
sobre o misterio da Santísima Trindade, só podemos tatexar. Todos somos nisto
tartamudos ou tatexos, porque o modo divino de ser nos supera totalmente. Mais
a verdade é que tamén as cousas máis fondas e naturais da realidade son
misteriosas: a nosa vida, a nosa morte, o amor, a liberdade e tantas outras
cousas. Por que? Porque, en definitiva, todo e todos estamos mergullados no
misterioso Deus un e trino que o fixo todo e que está en todo. Un Deus que se
reflicte tamén na mesma vida familiar, que é sempre, dunha forma ou doutra,
trina e unha. Pois nela hai tamén pai e esposo, nai e esposa, fillos ou fillas,
irmás ou irmáns, unidade e diferenza, trindade e unidade.
E
dada esta fondura do misterio da Santísima Trindade, non é estraño que a Igrexa
nos pida que lembremos hoxe de xeito especial aqueles que se dedican a “orar”,
a rezar, é dicir, as persoas que nos mosteiros de vida contemplativa,
comunicándose co Deus trinitario, lle presentan tamén a El as nosas necesidades
e as de todo o mundo. É o día chamado en latín “pro orantibus”, é dicir, “a
prol dos que oran”, dos que rezan. Oremos, pois, nós tamén polos que “oran” por
nós.
Manuel Cabada Castro
Manuel Cabada Castro, Boa nova para tempos
novos. Comentarios velaíños aos evanxeos dominicais. Tres tomos
(2024-2025). SEPT (editorialsept@gmail.com; editorialsept@editorialsept.gal). Distribución: Editorial Galaxia (pedidos@editorialgalaxia.gal).


Comentarios
Publicar un comentario