FICHA E LECTIO + ORACIONAL GALEGO: SANTÍSIMA TRINDADE A

 FICHAS ANTERIORES:

 FICHA 1 / FICHA 2 


LECTIO:


Vivirmos en unidade e diferenza é amármonos 

4 xuño 2023


            Desde que nos iniciaron na fe cristiá sabemos, si, de Deus como un e trino. Sabemos que é un en esencia e trino en persoas. Así nolo dixeron e así o temos aprendido. Alén diso, este tema non semella dar moito máis de si para non poucos. Porén, unha tal afirmación non debería ser algo abstracto ou frío, teórico, especulativo, senón algo fondamente íntimo, vivo e sobre todo moi transcendental para a nosa propia comprensión humana.

            Ten importancia e moita. O feito mesmo de que haxa unha festa especial dedicada á concienciármonos da Santísima Trindade parece amosar cando menos o interese da Igrexa en que convertamos a Trindade de Deus en algo vivo e operativo.

            En calquera caso, temos que partir de que Deus, o Deus infinito ou, mellor,  super-infinito, é absolutamente incomprensíbel para nós. E ségueo a ser por máis que El se teña revelado ou manifestado a nós como Pai, Fillo e Espírito Santo. Esta unidade e diferenza en Deus segue a ser un misterio, por moi grande, fermosa e consoladora que sexa tal revelación. Por iso falan os teólogos do “misterio”, do grande misterio, da Santísima Trindade.

            Pois ben, aínda que Deus sexa sempre en si mesmo misterioso, o certo é que algo grande se nos revela ou se nos indica neste misterio. A liturxia da festividade apunta a iso. Deus non é alguén pechado nunha núa soidade, clausurado nunha suposta interna fría e absoluta unidade.

            Na primeira Lectura, a do libro do Éxodo, Deus maniféstase xa a Moisés como “rico en amor”. Se isto é así, terá que haber na súa mesma “unidade” divina unha interna diferenza de “persoas” que se aman  intimamente e de maneira infinita. Se Deus non fose algo diso, non tería en si mesmo a quen querer ou amar. El sería, xa que logo, algo semellante a un modo de egoísmo absoluto e infinito.

            ¿Como podería Paulo, en tal caso, ter animado os de Corinto a que vivisen entre eles en “paz” e “acordo” (como se nos di) se no seo mesmo de Deus, no seu interior, non houbese “lugar” para iso? Se Deus non fose máis ca unha soa persoa, ¿con quen, igual a si mesmo, podería un Deus semellante exercer amor ou facer paz? Mais Paulo sabe, como el mesmo di aquí, que Deus é “o Deus do amor e da paz”. O Deus de Paulo é o único Deus Pai, Deus Fillo e Deus Espírito Santo, divinas persoas que se queren tanto, tan infinitamente, que por iso mesmo sendo “diferentes” forman entre eles unha fonda, inconcibíbel  e infinitamente rica unidade.

            Para máis abundancia nisto, no texto do evanxeo de hoxe refírenos Xoán a conversa que, xa de noite, tivo Xesús con Nicodemo. A este importante fariseo preocupáballe e chamáballe moito a atención a persoa de Xesús e quería falar directamente con el sobre as profundidades de Deus e sobre a propia salvación. Xesús ábreselle, así pois, plenamente ó seu interlocutor e dille a Nicodemo: “De tal xeito amou Deus o mundo, que lle deu o seu Fillo Unixénito”.

            Con isto revélalle el a Nicodemo, e revélanos tamén a nós, que o Pai non vive só, senón que ten un Fillo, que é o mesmo que agora está a falar co preocupado e temeroso Nicodemo. Un Fillo que, por ser o unixénito de Deus Pai, está en perfecta unión de amor co Pai  e participa plenamente da divindade do Pai. E este mesmo Fillo unixénito, xunto co seu Pai, mándanos aínda a nós, tal como festexabamos no anterior domingo, o Espírito Santo, algo así como a presenza viva e amorosa do Pai e do Fillo a tódalas xeracións humanas deste noso mundo.

            Deus é polo tanto unha misteriosa e incomprensíbel comunidade de amor. Un Deus, tal como adoitamos dicir, trino e un. No que hai unidade e tamén diferenza. Diferenza para podermos amar a alguén diferente, para que o amor de Deus non quede reducido a un simple e inevitábel egoísmo. E tamén unidade, porque o mutuo amor é tan grande que, aínda sendo diferentes, é ou son ó tempo unha única realidade, un só Deus. Algo semellante ó que ocorre nunha familia na que todos se queren tanto que forman unha unidade, sendo a pesar de todo cada un dos membros diferente dos demais.

            Pero isto que é Deus en si mesmo éo tamén en relación connosco. Esta Trindade divina de amor, que caracteriza o interior de Deus, estase tamén a realizar entre nós, neste mundo, ata que chegue á súa plenitude alén del. Por iso é tan iluminador o que Xesús lle di a Nicodemo despois de lle falar do grande amor que o Pai lle ten ó mundo: “Non mandou Deus o Fillo ó mundo para que xulgue o mundo, senón para que por el se salve o mundo”.

            Quizais algúns de nós fomos instruídos ou iniciados na fe cristiá cun certo exceso de temor, de prevencións ou de medos máis ou menos declarados. Seguramente tamén Nicodemo, como bo fariseo, tiña unha formación relixiosa abondo rigorista, que o incitaba a cumprir cunha multitude de preceptos e normas rituais, típicas do xudaísmo. Mais resulta que Xesús lle di agora a Nicodemo que Deus non actúa no mundo en Xesús coma un xuíz, senón coma un salvador. Isto consolaría seguramente moito a Nicodemo e liberaríao de non poucas das súas preocupacións relixiosas.

            ¿Mais por que Xesús non actúa coma un xuíz? Pois simplemente porque Deus non é en si mesmo senón unha Trindade de amor. O Pai non xulga o Fillo nin o Espírito Santo. Ningún dos tres xulga a calquera dos outros dous. Quérense os tres simplemente. Ámanse. Nada máis e nada menos.

            Que bela e grandiosa sería a humanidade, se esa Trindade de amor se instalase no mundo! Se houbese moitos fomentadores de paz e de amor, non precisariamos de tantos xuíces e mediadores de paz como aínda se precisan no mundo.

 

Manuel Cabada Castro


VER TAMÉN:

https://www.gruposdejesus.com/santisima-trindade-a-xoan-316-18-2/

Comentarios

Publicacións populares