FICHA E LECTIO + ORACIONAL GALEGO: DOMINGO XII DE ORDINARIO A
FICHAS ANTERIORES:
LECTIO:
Afouteza cristiá
(25 de xuño de 2023)
Estamos
hoxe ante un texto de Mateo, que nos quere insuflar azos e alento no noso estar
no mundo. Un cristián non debería comportarse coma un ser tímido ou encollido,
fuxido do mundo no que está, refuxiándose nun suposto comportamento puro e
inmaculado, alleo ó encontro co mundo e cos seus problemas, ameazas e desafíos.
Se
a mensaxe fundamental de Xesús é a da nosa fraternidade universal en canto
fillos queridos dun mesmo Pai Deus, isto quere dicir que a tal anuncio non se
responde axeitadamente algo así como espetando un anuncio nun taboleiro para
que a xente o lea e seguidamente o esqueza.
Polo
contrario, ese “reino” novo é algo que deberá ser construído co noso entusiasmo
e a nosa actuación, impulsados polo espírito de Deus que para tal tarefa nos
fornece de fe, esperanza e amor. Non podemos xa que logo comportarnos como
células independentes unhas das outras, que realizan como mellor lles parece e
de maneira illada o seu propio labor. Formamos entre todos un só corpo -como nos
di o apóstolo Paulo- con membros diversos que exercen cadansúa función para ben
de todos. Un corpo cunha única cabeza, Cristo Xesús, que nos une a todos con
Deus Pai.
Esta
nosa fe convértese así en antídoto contra toda clase de medos, inseguridades ou
angustias. Só desde esta gratuíta e agradecida seguridade, a de todos pertencermos
a un mesmo corpo, o corpo místico de Cristo, pode Mateo poñer en boca de Xesús
palabras como estas: “Non lles teñades medo ós que matan o corpo, mais non
poden matar a alma... Non teñades medo, vós valedes máis ca tódolos pardais
xuntos”.
Na
construción deste reino deberiamos ser, pois, animosos e valentes no traballo e
no público e aberto dar testemuño de tal mensaxe: “O que vos digo na escuridade
faládeo á plena luz; e o que oídes ás agachadas pregoádeo desde as
azoteas".
No
fondo, un tal comportamento animoso e sinxelo está baseado en que sabemos que
Deus nos quere ben en Xesús, como fillos ben queridos de Deus Pai e irmáns
tamén polo tanto entre nós. Nisto nin o Pai nin o Fillo nos poderán endexamais
fallar. “Mesmo os cabelos da vosa cabeza están todos contados”, dísenos no texto
de Mateo. Se, pois, somos así fieis ó Fillo de Deus que nos quere, máis fiel o será
el connosco, pois en fidelidade non se deixará superar por nós: “Todo o que
volva por min diante dos homes, tamén eu hei volver por el diante do meu Pai
que está nos ceos”.
Este
acendido alento co que el convida os seus apóstolos a anunciaren ó mundo a súa
Boa Nova está en clara relación coa afirmación que fai sobre si mesmo ó nos
dicir: “Eu son a luz do mundo”. El vese, pois, a si mesmo como aquel que coa
máxima xenerosidade e sen exclusivismos de ningún tipo -coma a luz- ilumina,
orienta e ofrece sentido a todos e en tódolos tempos. Á maneira do sol que,
desde que a terra empezou a ser o que é, aluma e alumará de maneira pública e
dadivosa ós que nela habitamos.
Se
Xesús nos é presentado, no texto de Mateo, animándonos a pregoar, desde o máis
alto e visible, a súa boa nova, outro
tanto vén ser o que nos di Paulo na carta ós Efesios (5, 8-9) ó lles comunicar
ós seus destinatarios que son eles, os Efesios, “luz no Señor”, “fillos da
luz”. Ó el se expresar así, faise eco evidentemente dunha pasaxe algo anterior
do evanxeo do propio Mateo (5, 14-15) na que se nos di: “Vós sodes a luz do
mundo. Non se pode agachar unha cidade afincada na cima dun monte. Tampouco se
acende unha lámpada para a poñer debaixo da artesa, senón sobre o candeeiro,
para que alumee a tódolos da casa”.
De
xeito que todos deberiamos ser “luz do mundo”. E a luz ten que se deixar ver
porque, do contrario, rompe coa súa función dadora de vida, liberdade e
salvación.
Sermos
“luz do mundo” leva consigo, pois, entusiasmo e alegría. Deberiamos
distanciarnos, xa que logo, de calquera tipo de actitude temerosa, cautelosa ou
encollida ante os demais. Ben o soubo dicir o papa Francisco no seu escrito “A
alegría do evanxeo” , quea comeza así: “A alegría do evanxeo enche o corazón e
a vida enteira dos que se atopan con Xesús. Os que se deixan salvar por El son
liberados do pecado, da tristeza, do baleiro interior, do illamento. Con Xesús
Cristo nace sempre e renace a alegría”.
Por
iso, se queremos (en canto “luz do mundo” que somos) ofrecer ós demais a alegría
que provén do evanxeo, teremos que ter en conta que –tal como se expresa o papa
Francisco- “un evanxelizador no debería ter permanentemente cara de funeral”,
pois o que queremos é “compartir” cos demais a “alegría” que nos trae a boa
nova de Xesús. “O soño dun discípulo de Xesús –continúa el a dicir- non é
encherse de inimigos, senón que a Palabra [de Deus] sexa acollida e manifeste o
seu poder liberador”. Pois Deus quérenos “libres” e non “escravos”. Pídenos el por
iso que sexamos “facilitadores da graza de Deus” e non “controladores” dela comportándonos
erroneamente coma se fósemos empregados dunha “aduana”. Esta é a razón pola que
no mesmo escrito o papa lles recorda ós sacerdotes que “o confesionario non
debe ser unha sala de torturas”.
Manuel Cabada Castro
Comentarios
Publicar un comentario