FICHA E LECTIO + ORACIONAL GALEGO: DOMINGO XI DE ORDINARIO A



LECTIO:


Próximos e con nomes propios

(18 xuño 2023)

 

         Ollando por aquí e por alá o texto das lecturas deste domingo, decateime de que sobre elas endexamais tiven ocasión de comentárvolas dende que me dediquei dende hai algún tempo a preparar dalgún xeito estas miñas, sempre modestas, homilías. A razón non a sei ou non a lembro.

         Dito isto, tentarei non alongarme en comentarios. O mellor será que o Espírito de Xesús nos aclare interiormente a cada un o que Xesús lles comunicou ós seus apóstolos. Ese Espírito, que habita en nós como herdo e galano dese mesmo Xesús tras el rematar o seu convivir biográfico connosco.

         Pois ben, Mateo comunícanos algo moi importante no texto de hoxe ó nos dicir que Xesús “sentiu unha fonda compaixón” pola multitude daqueles que o oían e acompañaban. Pois “estaban todos derreados e esmorecidos coma ovellas sen pastor”.

         Si. Non hai dúbida, Xesús tiña “olor a ovella”, tal como nolo di Francisco papa ó nos pedir que tamén nós o deberiamos ter. Mais ¿como imos ter olor a ovella se quen é “pastor” no canto  de estar preto das ovellas se dedica a coidar de si mesmo mentres os demais -as ovellas- non lle din nada. É imposíbel sentirmos compaixón (como aquela que -segundo Mateo- sentía Xesús coas multitudes que o seguían) se non se está á beira mesmo, ó lado, dos sufrintes.

         Precísanse, xa que logo, “traballadores” da seara, do campo da seara, é dicir, dese campo aberto dos dons de Deus que precisan da nosa colaboración para que se leven a cabo os plans de Deus.

         Sermos compasivos nos tempos de hoxe, misericordiosos, próximos ós nosos próximos, non é nada doado. Preferimos así ver os touros dende a barreira para que non nos corneen. Como preferimos ver comodamente as guerras desde as imaxes que nos ofrecen os medios de información.

         Mais sen proximidade real ós necesitados non é posíbel a compaixón nin o bo facer cristián. Pois, segundo o texto de Mateo de hoxe, dilles Xesús ós seus apóstolos: “Curade enfermos, resucitade mortos, limpade leprosos, expulsade os demos”.

         Xente así necesitada haina por todas partes. Hai enfermos de infinitas variedades que queren ser atendidos e tratados como persoas humanas. Hai xente que vive, pero que en realidade se sente desfalecida e que desexarían revivir. Todos eles teñen nomes propios e historias persoais.

         Tamén os apóstolos de Xesús tiñan nomes propios e así, con tales nomes, eran benqueridos polo seu mestre: había dous Simón (un deles “chamado Pedro”), Andrés, Santiago, Xoán, Filipe, Bartolomeu, Tomé, Mateo, Santiago, Tadeo e tamén Xudas. A todos os quería o seu Mestre, por máis que algún deles non soubo ou non quixo deixarse querer... Misteriosidades do noso ser humano.      Misterios de Deus e misterios tamén de humanos saídos da súa man.

         Se cada un dos apóstolos tiña o seu propio e diferente nome, tamén cada un deles portaba consigo a súa propia historia, o seu propio modo de ser.

         O seu Mestre, Xesús, pola súa parte, non lles cambiará de nome. Déixaos ser o que son e dálles o encargo de anunciaren o reino de Deus: “proclamade que xa chega o Reino dos Ceos”. É dicir, que Deus está connosco, que El nos quere e que todos somos irmáns.

         E que se dediquen, polo tanto, a facer o ben. Ou, en palabras do texto de Mateo, que se dediquen a “botaren fóra os espíritos malos e curaren toda enfermidade e toda doenza”. En base a que? Pois en base a que coa “boa nova” de Xesús, “chega xa o Reino dos Ceos”.

         Xesús constitúese, pois, así en don gratuíto e xeneroso de Deus a toda a creación. Dito máis concretamente: “Curade enfermos, resucitade mortos, limpade leprosos, expulsade os demos. E xa que en balde recibistes, dade de balde tamén”.

         Traducido a unha linguaxe máis sinxela: estade atentos ás necesidades dos demais e non vos preocupades de vós mesmos; ide alá onde a vosa presenza se precisa para ben dos demais e non vos refuxiedes egoistamente en vós mesmos.

         Que sinxelo e -con todo- que difícil!

         Mais só así chegará onda nós o Reino de Deus.

 

Manuel Cabada Castro

            



VER TAMÉN:

https://www.gruposdejesus.com/11-tempo-ordinario-a-mateu-936-108/






Comentarios

Publicacións populares