FICHA E LECTIO + ORACIONAL GALEGO: Corpo e Sangue de Cristo A
FICHAS ANTERIORES:
LECTIO:
Sermos alimento pra os demais
11 xuño 2023
O domingo pasado celebrabamos a festa da Santísima
Trindade. E tomabamos conciencia do seu significado como revelación de Deus a
nós do que El mesmo é: un Deus que desde sempre é un Deus que na súa unidade é en
si mesmo diferente. Diciamos tamén que ese Deus quere comunicarse a todos e
facer de nós, en comuñón con el, algo semellante ó que El mesmo é: sermos todos
con Deus, e nel, unha soa e incomparable familia, na que esteamos todos unidos
entre nós e con Deus polo amor, manténdonos porén todos e cada un autónomos e
libres, é dicir, diferentes.
Ó celebrarmos agora a festa do Corpo e do Sangue de Cristo,
non podemos esquecer este contexto xeral grandioso do que é Deus en si mesmo e desta
súa marabillosa relación connosco. Deus quere unirse connosco e así darnos
verdadeira vida propia.
Como sabemos, a meirande expresión e sinal da relación de
Deus connosco é o feito de que El se fixo un de nós en Xesús, o seu Fillo
encarnado, cun corpo igual ó noso. Con este Xesús visible, audible e tanxible
estiveron en contacto directo os seus apóstolos e discípulos, tamén despois da
súa Resurrección. Por iso son eles para nós as súas verdadeiras testemuñas.
Con todo, os que vivimos e existimos despois deles, temos
tamén a posibilidade de relacionármonos dunha maneira especial con el e, a
través del e nel, co Pai e co Espírito Santo. Esta é a fonda mensaxe da festa de
hoxe, a do Corpo e Sangue de Cristo.
Porque na Eucaristía entramos en contacto especialísimo
con Deus. Esta relación ocorre liturxicamente de dúas maneiras fundamentais.
A primeira é cando lemos ou escoitamos comunitariamente a
palabra de Deus. Ben sabemos o ben que nos fai a todos cando alguén nos dirixe a
palabra. E tamén como nos doe cando alguén coñecido pasa á nosa beira sen
dicirnos ren. Medramos e fortalecémonos internamente coa palabra e cos agarimos
dos demais, mais achicámonos ou esmorecemos tamén cando os demais nos desprezan
ou simplemente non falan connosco. Deus, polo contrario, coa súa palabra amorosa,
fálanos a todos de xeitos moi diversos. A través da nosa propia conciencia, dos
bos exemplos dos demais, pero tamén e de maneira especial a través da súa
palabra que se nos fai presente nos evanxeos.
Neste senso, a palabra de Deus é para nós verdadeira
comida. Porque nos dá azos e porque nos ofrece un sentido para a nosa vida. E
xa sabemos que para vivir, para querermos vivir, non é abondo co alimento
material, por importante e imprescindíbel que este sexa. A primeira Lectura lémbranos
isto cando, por boca de Moisés, se nos di que non hemos “vivir só de pan, senón
de toda palabra que sae da boca do Señor”.
A segunda maneira de entrarmos en contacto con Deus nos nosos
encontros comunitarios é a comuñón. Recibir o Cristo vivo nas nosas
eucaristías. Cando facemos isto, somos conscientes de que non realizamos un
rito baleiro. Pola palabra de Deus na que cremos, sabemos que na comuñón do “corpo
de Cristo” recibimos un incríbel impulso sobrenatural.
É
moi rechamante a repetida presenza da expresión “vida” no texto de Xoán desta
festividade cando nel se nos describe Xesús falando do poder vivificador do
comer o seu corpo ou do beber o seu sangue. Aínda que, en realidade, non podía
ser doutro xeito desde que sabemos que el se definiu a si mesmo en diversas ocasións
como “Vida” ó dicir: “Eu son o camiño, a verdade e A VIDA”. Por iso, se el se entendeu
a si mesmo como “Vida”, non pode el ser nin actuar senón como tal cando os que
participan na eucaristía se achegan a el para recibilo sacramentalmente na
comuñón. El exprésase efectivamente ben claramente no texto indicado de Xoán
deste modo: “Eu son o pan VIVO”. “Se alguén come deste pan, VIVIRÁ para sempre”.
“O pan que eu darei é... para a VIDA do mundo”. “Quen come a miña carne e bebe
o meu sangue, ten VIDA ETERNA E EU RESUCITAREINO no derradeiro día”. “Quen come
este pan VIVIRÁ para sempre”. E no caso de non procedemos dese xeito, dirásenos
que “non teremos VIDA en nós mesmos”...
Neste
contexto podemos preguntarmos: É que hai alguén que non queira vivir? Vivir,
ademais, de maneira plena, “ó tope”, como adoitamos dicir. Deus fíxonos
precisamente con moitas, con infinitas ganas
de vivir, xustamente porque el, que é infinito, quere comunicarse plenamente a
nós. E como El é VIDA eterna e infinita, por iso tivo que construírnos con
desexos infinitos de vivirmos sempre. Do contrario, non sería viábel que el se
puidese comunicar connosco.
Por
iso, a festa do Corpo e Sangue de Cristo ten que ser para nós unha nova e
especial ocasión de agradecermos a Deus pola súa xenerosidade infinita. Un Deus
que se deixa comer por nós para así podermos participar da súa forza e da súa
vida.
Os
nutricionistas e os medios de comunicación instrúennos sobre os alimentos que
temos que comer ou deixar de comer para mantérmonos en forma e para alongar o
máis posible a nosa vida ou, tal como se di, a nosa calidade de vida. Todo iso está
moi ben, aínda que sabemos que por moito caso que lles fagamos a esas
recomendacións, o problema principal, o de vivirmos sempre, non nolo resolven.
Pola
nosa parte, en canto cristiáns, temos que saber proclamar e ofrecer tamén, para
dicilo dalgunha maneira, os nosos propios produtos e a nosa propia dietética.
Que consisten, en definitiva, en anunciarmos e vivirmos o Cristo “Vida”, o
Cristo dador de vida. Dunha vida que se estenderá por toda a eternidade.
Unha
forte crenza na vida, por outra parte, que se ha de amosar no noso interese
polos vida de todos, de maneira especial daqueles cos que convivimos e que máis
precisan da nosa axuda. Por iso esta festa eucarística non é só unha festa íntima
ou devota, senón tamén e sobre todo social, aberta de par en par a todos. Para
que así como Deus nos ofrece e nos dá a súa vida a cada un de nós, así tamén deamos
nós algo polo menos da nosa, daquilo que somos ou temos, ós demais. Por iso está
esta festa asociada ó Día da Caridade. Queiramos os demais como Deus nos quere
a todos.
Manuel Cabada Castro
VER TAMÉN:
https://www.gruposdejesus.com/o-corpo-e-o-sangue-de-cristo-a-xoan-651-58/
Comentarios
Publicar un comentario