FICHA E LECTIO: Corpus Christi A
LECTIO:
Nutrírmonos
do Alén
(14
de xuño de 2020)
No
domingo pasado celebrabamos a festa da Santísima Trindade. E tomabamos
conciencia do seu significado como revelación de Deus a nós do que El mesmo é:
un Deus que, desde sempre, é un Deus que na súa unidade é en si mesmo
diferente. Diciamos tamén que ese Deus quere comunicarse a todos e facer de
nós, en comuñón con el, algo semellante ó que El mesmo é. É dicir, sermos todos
con Deus, e en Deus, unha soa e incomparable familia. Unha familia, na que
esteamos todos unidos entre nós e con Deus polo amor, manténdonos porén todos e
cada un autónomos e libres, é dicir, diferentes.
Ó
celebrarmos agora a festa do Corpo e do Sangue de Cristo, non podemos esquecer
este contexto xeral grandioso do que é Deus en si mesmo e desta súa marabillosa
relación connosco. Deus quere unirse connosco e así darnos verdadeira vida
propia.
Como
sabemos, a meirande expresión e sinal da relación de Deus connosco é o feito de
que El se fixo un de nós en Xesús, o seu Fillo encarnado, cun corpo igual ó
noso. Con este Xesús visible, audible e tanxible estiveron en contacto directo
os seus apóstolos e discípulos, tamén despois da súa Resurrección. Por iso son
eles para nós as verdadeiras testemuñas de Xesús.
Con
todo, os que vivimos e existimos despois deles temos tamén a posibilidade de
relacionármonos dunha maneira especial con Xesús e, a través del e nel, co Pai
e co Espírito Santo. Esta é a fonda mensaxe da festa de hoxe, a do Corpo e
Sangue de Cristo, situada liturxicamente a continuación da festa da Santísima
Trindade.
Porque
na Eucaristía entramos en contacto especialísimo con Deus. Esta relación ou contacto
ocorre de dúas maneiras fundamentais.
A
primeira é cando lemos ou escoitamos comunitariamente a palabra de Deus. Ben
sabemos o ben que nos fai a todos cando alguén nos dirixe a palabra. E tamén
como nos doe cando alguén coñecido pasa á nosa beira sen nos dicir ren.
Medramos e fortalecémonos internamente coa palabra e cos agarimos dos demais,
mais achicámonos ou esmorecemos tamén cando os demais nos desprezan ou
simplemente non falan connosco. Deus, polo contrario, coa súa palabra amorosa,
fálanos a todos de xeitos moi diversos. A través da nosa propia conciencia, dos
bos exemplos dos demais, mais tamén e de maneira especial a través da súa
palabra que se nos fai presente nos Evanxeos.
Neste
senso, a palabra de Deus é para nós verdadeira comida. Porque nos dá azos,
porque nos ofrece un sentido para a vida, porque nos fai vivir. E xa sabemos
que para vivir, para querer vivir, non é abondo coa comida material, por
importante e imprescindíbel que esta sexa. A primeira Lectura lémbranos
xustamente isto cando nos di, por boca de Moisés, que “o ser humano non ha de
vivir só de pan, senón de toda palabra que sae da boca do Señor”.
A
segunda maneira de entrarmos en contacto con Deus nos nosos encontros
comunitarios é a comuñón. Recibir o Cristo vivo nas nosas eucaristías. Cando
facemos isto, somos conscientes de que non realizamos un rito baleiro. Pola
palabra de Deus na que cremos, sabemos que na comuñón do “corpo de Cristo”
recibimos un incríbel impulso sobrenatural.
Chámame
moito a atención a repetida presenza da expresión “vida” no texto do evanxeo de
Xoán desta festividade cando nel se nos describe Xesús falando do poder
vivificador do comer o seu corpo ou do beber o seu sangue. Aínda que, en
realidade, non podía ser doutro xeito desde que sabemos que Xesús se definiu a
si mesmo en diversas ocasións como “Vida” ó nos dicir: “Eu son o camiño, a
verdade e A VIDA”. Por iso, se el se entendeu a si mesmo como “Vida”, non pode
el ser nin actuar senón como tal cando os que participan na eucaristía se
achegan a el para recibilo sacramentalmente na comuñón. El exprésase ben
claramente no texto indicado de Xoán deste modo: “Eu son o pan VIVO”. “Se alguén come deste pan, VIVIRÁ para
sempre”. “O pan que eu darei é... para a VIDA do mundo”. “Quen come a miña
carne e bebe o meu sangue, TEN VIDA ETERNA E EU RESUCITAREINO no derradeiro
día”. “Quen come este pan VIVIRÁ para sempre”. E no caso de non procedermos
así, dirásenos que “non teremos VIDA en
nós mesmos”...
Neste
contexto podemos preguntarmos. ¿É que hai alguén que non queira vivir? Vivir,
ademais, de maneira plena, “ó tope”, tal como adoitamos dicir. Deus fíxonos
precisamente con moitas, con infinitas
ganas de vivir, xustamente porque el, que é infinito, quere comunicarse
plenamente a nós. E como el é VIDA eterna e infinita, por iso tivo que facernos
con desexos infinitos de vivirmos sempre. Do contrario, non sería viábel que el
se puidese comunicar connosco.
Por
iso, a festa do Corpo e Sangue de Cristo ten que ser para nós unha nova e
especial ocasión de agradecermos a Deus pola súa xenerosidade infinita. Un Deus
que se deixa comer por nós para así podermos participar da súa forza e da súa
vida.
Os
nutricionistas e os medios de comunicación instrúennos moito hoxe en día sobre
os alimentos que temos que comer ou deixar de comer para mantérmonos en forma e
para alongar o máis posible a nosa vida ou, tal como se di, a nosa calidade de
vida. Todo iso está moi ben, aínda que sabemos que por moito caso que lles
fagamos a esas recomendacións, o problema principal, o de vivirmos sempre, non nolo resolven.
Pola
nosa parte, en canto cristiáns, temos que saber proclamar e ofrecer tamén, para
dicilo dalgunha maneira, a nosa propia mercancía e a nosa propia dietética. Que
consisten, en definitiva, en anunciarmos e vivirmos ó tempo Cristo en nós
mesmos como “Vida”, como dador de vida, dunha vida que non ten data de
caducidade, porque é infinita e eterna.
Unha
forte crenza na vida, por outra parte, que se ha de amosar no noso interese
polos vida de todos, de maneira especial daqueles cos que convivimos e que máis
precisan da nosa axuda. Por iso esta festa eucarística ha ser sempre unha festa
non só íntima ou devota, senón tamén e sobre todo social, aberta de par en par.
Para que así como Deus nos ofrece e nos dá a súa vida a cada un de nós, así
tamén deamos nós algo polo menos da nosa, daquilo que somos ou temos, ós
demais. Por algo está a festa de hoxe unida tradicionalmente ó día da Caridade.
Intentemos querer os demais como Deus nos quere a nós, por inacabábel que sexa
esta tarefa.
Manuel
Cabada Castro
VER TAMÉN:
Comentarios
Publicar un comentario