FICHA E LECTIO - Santísima Trindade A
LECTIO:
Un
Deus trino
(7
xuño 2020)
Teriamos
que converter esta festividade non en algo abstracto ou frío, teórico,
especulativo, senón en algo fondamente íntimo, vivo e sobre todo moi
transcendental para a nosa propia comprensión humana. Desde que nos iniciaron
na fe cristiá sabemos, si, de Deus como un e trino. Sabemos que é un en esencia
e trino en persoas. Así nolo dixeron e así o temos aprendido. Máis alá diso,
semella que o tema non dá moito máis de si para non poucos dos crentes.
Si
ten, porén, importancia e moita. O feito mesmo de que haxa unha festa especial
dedicada á concienciármonos da Santísima Trindade parece amosar cando menos o
interese da Igrexa en que convertamos a fe na Trindade de Deus en algo vivo e
operativo.
En
calquera caso, temos que partir de que Deus, o Deus infinito ou, mellor, superinfinito, é absolutamente incomprensíbel
para nós. E ségueo a ser aínda que El se teña revelado ou manifestado a nós
como Pai, Fillo e Espírito Santo. Esta unidade e diferenza en Deus segue a ser
un misterio, por moi grande, fermosa, consoladora, que sexa esta revelación.
Por iso falan con razón os teólogos do “misterio”, do grande misterio, da
Santísima Trindade.
Pois
ben, aínda que Deus sexa sempre en si mesmo misterioso, o certo é que algo
grande se nos revela ou se nos indica neste misterio.
A
liturxia da festividade apunta ó que quero dicir. Deus non é alguén que vive
pechado na súa soidade, clausurado nunha fría e absoluta unidade interna.
Na
primeira Lectura, do libro do Éxodo, revélase Deus, é dicir, maniféstase, a
Moisés como “rico en amor”. Sendo isto, pois, así, ¿como podería falarse de
Deus como amor, “rico en amor”, se na súa “unidade” divina non houbese lugar
ningún para unha interna diferenza de “persoas” que se amasen intimamente e de maneira absolutamente
infinita? Se Deus fose iso, non tería en si mesmo a quen querer ou amar. Deus
non sería en si mesmo senón algo así como unha sorte de egoísmo absoluto e
infinito.
¿Como
podería Paulo, en tal caso, ter animado ós de Corinto a que vivisen entre eles
en “paz” e “acordo” (como se nos di) se no seo mesmo de Deus, no seu interior,
non houbese lugar para iso? Se Deus non fose máis ca unha soa persoa, ¿con
quén, igual a si mesmo, podería un Deus semellante exercer amor ou facer paz?
Mais Paulo sabe, como el mesmo di aquí, que Deus é “o Deus do amor e da paz”. O
Deus de Paulo é o único Deus Pai, Deus Fillo e Deus Espírito Santo, divinas
persoas que se queren tanto, tan infinitamente, que por iso mesmo sendo
“diferentes” forman entre eles unha fonda, unha inconcibíbel e infinitamente rica unidade.
Para
máis abundancia, no Evanxeo, na gran boa nova comunicada por Deus Pai en Xesús ó
mundo, refírenos Xoán a conversa que, xa de noite, tivo Xesús con Nicodemo. A
este importante fariseo preocupáballe e chamáballe moito a atención a persoa de
Xesús e quería falar directamente con el sobre as profundidades de Deus e sobre
a propia salvación. Así pois, Xesús ábreselle plenamente ó seu interlocutor e
dille a Nicodemo: “De tal xeito amou Deus o mundo, que lle deu o seu Fillo
Unixénito”.
É
dicir, Xesús revélalle a Nicodemo, e revélanos tamén a nós, que o Pai non vive
só, senón que ten un Fillo, que é o mesmo que agora está a falar co preocupado
e temeroso Nicodemo. Un Fillo que, por ser o unixénito de Deus Pai, está en
perfecta unión de amor co Pai e
participa plenamente da divindade do Pai. E este mesmo Fillo unixénito, xunto
co seu Pai, mándanos aínda a nós, tal como festexabamos no domingo anterior, o
Espírito Santo, como presenza viva e amorosa do Pai e do Fillo a tódalas
xeracións humanas mentres o mundo sexa mundo.
Deus
é polo tanto unha misteriosa e incomprensíbel comunidade de amor. Un Deus, tal
como adoitamos dicir, trino e un. No que hai unidade e tamén diferenza.
Diferenza para poder amar a alguén que non se identifique sen máis con un
mesmo, para que o amor de Deus, no interior de si mesmo, non quede reducido así
a un simple e inevitábel egoísmo. E tamén unidade, porque o mutuo amor é tan
grande que, aínda sendo diferentes, é ou son ó tempo unha única realidade, un
só Deus. Algo semellante ó que ocorre nunha familia na que todos se queren
tanto que forman unha unidade, sendo a pesar de todo cada un diferente dos
demais.
Pero
isto que é Deus en si mesmo éo tamén en relación connosco. Esta Trindade divina
de amor, que caracteriza o interior de Deus, estase a realizar tamén entre nós,
neste mundo, ata chegar á súa plenitude máis alá deste mundo. Por iso é moi
importante o que lle di Xesús a Nicodemo, despois de lle falar do grande amor
que o Pai lle ten ó mundo. Pois Xesús engade aínda, na súa conversa con
Nicodemo, o seguinte: “Non mandou Deus o Fillo ó mundo para que xulgue o mundo,
senón para que por el se salve o mundo”.
Bastantes
de nós fomos probabelmente iniciados na nosa fe cristiá cun certo exceso de
temor, de prevencións ou de medos máis ou menos declarados. Seguramente tamén
Nicodemo, como bo fariseo, tiña unha formación relixiosa abondo rigorista, que
o incitaba a cumprir cunha multitude de preceptos e normas rituais, típicas do
xudaísmo.
Mais
resulta que Xesús lle di agora a Nicodemo que Deus non actúa no mundo en Xesús
coma un xuíz, senón coma un salvador. Isto consolaría seguramente moito a
Nicodemo e o liberaría de moitas angustias.
Por
que Xesús non actúa coma un xuíz? Pois simplemente porque Deus non é en si
mesmo senón unha Trindade de amor. O Pai non xulga o Fillo nin o Espírito
Santo. Ningún dos tres xulga a calquera dos outros dous. Os tres quérense
simplemente. Ámanse. Nada máis e nada menos.
Que
bela e grandiosa sería a humanidade, se esa Trindade de amor se instalase cada
vez máis no mundo! Se houbese moitos fomentadores de paz e de amor, entón non
precisariamos de tantos xuíces como aínda se precisan no mundo.
Manuel
Cabada Castro
VER TAMÉN:
Comentarios
Publicar un comentario