RACISMO E VIOLENCIA



            Na audiencia xeral do mércores 3 de xuño de 2020, o papa Francisco impartira a súa catequese habitual sobre a oración de Abrahán. O patriarca escoitara a voz de Deus que o convidaba a deixar a súa terra e as súas raíces familiares para seguir un camiño que descoñecía.

            A súa voz levárao a elevar altares a Deus polos lugares que ía coñecendo. Ademais recibía coa proverbial hospitalidade dos nómades os peregrinos que chegaran ata a súa tenda, alá nas aciñeiras de Mambré. E ata escoitara a voz que, dun modo que é preciso explicar unha e outra vez, o levara a comprender que Deus non quere sacrificios humanos, senón un corazón crente, sincero e misericordioso.

            Unha vez terminada a súa catequese, o Papa dirixiu os seus habituais saúdos aos fieis, subliñando un punto ou outro segundo as diversas linguas.

            Pois ben, ao saudar aos fieis de lingua inglesa conectados a través dos medios de comunicación social, dirixiuse especialmente aos irmáns e irmás dos Estados Unidos. Na mente de todos estaba sen dúbida a morte de George Floyd, un home de cor que falecera asfixiado polo xeonllo dun policía.

            O Papa afirmou seguir con gran preocupación as dolorosas desordes sociais que se viñeron sucedendo nos Estados Unidos, como consecuencia desa tráxica morte, que o Papa non describiu.

            Con todo, afirmou cunha evidente intención que “non podemos tolerar nin podemos pechar os ollos ante calquera tipo de racismo ou de exclusión, mentres pretendemos defender a sacralidade de toda vida humana”. Sen dúbida, todos lembramos moitas manifestacións a favor dos dereitos humanos que resultan máis que ambiguas.

            Con todo, o Papa tivo tamén unhas palabras sobre as violentas reaccións que se desencadearon como protesta ante esa morte. Francisco afirmaba que a violencia que se puido observar por todas partes destrúe e lesiona os mesmos que a levan a cabo. E engadía unha frase que lembra unha famosa declaración de Pío XII en vésperas da segunda guerra mundial: “Nada se gaña coa violencia, mentres que é moito o que se perde”.

            A continuación, o Papa dicía unirse ás igrexas de Saint Paul, de Minneapolis e de todos os Estados Unidos, para “orar polo descanso da alma de George Floyd e de todos os demais que perderon a vida a causa do pecado do racismo”.

            Ademais convidábanos a todos a orar pedindo o consolo para as familias e para os seus aflixidos amigos, e rogando pola reconciliación nacional e pola paz que todos arelamos.

Desexaba finalmente o papa Francisco que A nosa Señora de Guadalupe, Nai de América, interceda polos que traballan pola paz e a xustiza nos Estados Unidos e en todo o mundo.

 Evidentemente, é necesaria e urxente unha seria reflexión sobre todos os racismos e sobre a espiral de violencia con que se trata de frear a violencia.


José-Román Flecha Andrés

Comentarios

Publicacións populares