Domingo da Santísima Trindade - ciclo A
Primeira Lectura Ex 34, 4b-6. 8-9
O Señor, o Señor Deus, compasivo e benfeitor
Naqueles días, Moisés ergueuse cedo e subiu ao monte Sinaí, conforme lle mandara o Señor, levando consigo as dúas táboas de pedra.
O Señor baixou na nube e presentouse alí onda Moisés, que invocaba o nome do Señor. O Señor, pasando diante del, proclamou:
‑ Oh Señor, oh Señor, Deus compasivo e benfeitor, tardo á ira, rico en amor e lealdade.
Moisés, ao tempo que se prostraba polo chan e adoraba, dixo:
‑ Se acadei graza na túa presenza, Señor, pídoche que veñas ti connosco; este é sen dúbida un pobo de dura caluga, pero ti perdoarás as nosas culpas e pecados e farás de nós a túa herdade.
Palabra do Señor R/. Grazas a Deus
SALMO RESPONSORIAL Dn 3, 52. 53. 54. 55. 56
R/. (52b): Ti es digno de gloria e loanza por sempre.
Bendito es Ti, Señor, Deus dos nosos pais,
bendito o teu nome, santo e glorioso.
Bendito es Ti no templo santo da túa gloria,
Bendito es Ti sobre o trono do teu reino,
Bendito es Ti que sondas os abismos,
e estás sentado sobre querubíns.
Bendito es Ti no firmamento do ceo.
Segunda Lectura 2 Cor 13, 11-13
LECTURA DA SEGUNDA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO aos CORINTIOS
A graza de Xesús Cristo, o amor de Deus e a comuñón do Espírito Santo
Irmáns:
Estade alegres, camiñade cara á perfección, dádevos azos, andade de acordo, vivide en paz e o Deus do amor e da paz estará convosco.
Saudádevos uns aos outros co ósculo santo. Mándanvos saúdos todos os cristiáns.
Que a graza do Señor Xesús Cristo, o amor de Deus e a comuñón do Espírito Santo vos acompañen a todos.
Palabra do Señor R/. Grazas a Deus
ALELUIA Cf. Ap 1, 8
Se non se canta, pódese omitir
Aleluia, aleluia.
Gloria ao Pai e ao Fillo e ao Espírito Santo,
ó Deus que é, e que era, e que virá.
Aleluia.
Evanxeo Xn 3, 16-18
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN
Mandou Deus o seu Fillo para que, por El, se salve o mundo
Naquel tempo, díxolle Xesús a Nicodemo:
De tal xeito amou Deus o mundo, que lle deu o seu Fillo Unixénito, para que todo o que cre
nel non se perda, senón que teña vida eterna.
Non mandou Deus o Fillo ao mundo para que xulgue o mundo, senón para que por el se salve o mundo. O que cre nel, non é xulgado; mais o que non cre, xa está xulgado, porque non creu no Fillo Unixénito de Deus.
Palabra do Señor R/. Loámoste, Cristo
Comentarios
Publicar un comentario