MÉRCORES DE CORESMA 2023

 FICHAS MÉRCORES DA CINSA:

Ciclo A / Fichas / Preguntas / Catequese / Material


PRIMEIRA Xoel 2, 12-18:

Esgazade os vosos corazóns e non os vosos vestidos

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE XOEL

 

Agora -é o Señor quen fala-,

convertédevos a min de todo corazón,

con xexún, con lágrimas e con loito.

Esgazade o voso corazón, e non os vosos vestidos,

convertédevos ó Señor, voso Deus,

pois El é compasivo e misericordioso,

é calmoso para o enfado e abondoso en bondade,

e ten compaixón da desgracia.

Quizais cambie e teña compaixón,

e deixe tras de si a súa bendición,

a ofrenda e maila libación, para o Señor, o voso Deus.

Tocade o corno en Sión,

dedicádelle un tempo sagrado ó xexún,

convocade a asemblea.

Xuntade o pobo, consagrade a asemblea,

reunide os anciáns, xuntade os rapaces,

tamén os meniños de peito.

Que saia o marido do seu cuarto,

e a muller da súa alcoba.

Que choren entre o adro e o altar os sacerdotes,

que digan os ministros do Señor: "Perdóalle, Señor, ó teu pobo,

non entregues á burla a túa herdanza,

de xeito que a dominen pobos alleos.

¿Por que se vai dicir entre as nacións: Onde está o seu Deus?"

Entón ó Señor entráronlle celos do seu país,

e perdoou ó seu pobo.

 


SALMO RESPONSORIAL Sal 50, 3-4. 5-6a. 12-13. 14 e 17

R/ (cf 3a): Apiádate, Señor, porque pecamos

 

Apiádate de min, meu Deus, pola túa bondade,

pola túa misericordia, borra o meu pecado;

lávame ben da miña iniquidade,

límpame da miña culpa.

Eu recoñezo o meu pecado

e teño sempre presente a miña culpa.

Contra ti, contra ti mesmo, eu pequei

e fixen o que é malo ós teus ollos.

 

Crea, Deus, en min un corazón puro,

renóvame por dentro cun espírito firme.

Non me botes da túa presencia

e non tires de min o teu santo espírito.

Devólveme a alegría da túa salvación,

sostenme co espírito xeneroso.

 

Abre, Señor, os meus labios,

e a miña lingua pregoará a túa louvanza.

 

SEGUNDA 2 Cor 5, 20-6, 2:

Reconciliádevos con Deus. Éste é o tempo conveniente

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA SEGUNDA CARTA DE SAN PAULO APÓSTOLO ÓS CORINTIOS

 

Irmáns e irmás:

Somos embaixadores de Cristo; e é coma se Deus vos exhortase por medio noso. Pedímovolo por Cristo: deixádevos reconciliar con Deus. A aquel que non tiña nada que ver co pecado, Deus fíxoo pecado por nós, para que nós, gracias a el, nos volvesemos nel xustiza de Deus.

 

Coma colaboradores seus, exhortámosvos a non desaproveita-la gracia de Deus.

Pois di El: no tempo oportuno, escoiteite; en día de salvación acudinche.

Pois agora é tempo oportuno, agora é día de salvación.



 

VERSIÑO Cf. Sal 94, 8ab:

Hoxe, non endurezáde-los vosos corazóns,

senón escoitade a voz do Señor

 



EVANXEO Mt 6, 1-6. 16-18

Teu Pai, que ve o segredo, hate recompensar.

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO

 

Dilles Xesús ós seus discípulos:

Tede coidado de non practicárde-la vosa xustiza para que vos vexa a xente, que daquela o voso Pai celestial non vos dará recompensa ningunha.

Cando deas unha esmola non o vaias proclamando diante de ti cunha trompeta, como fan os hipócritas nas sinagogas e nos rueiros para seren louvados polos homes; asegúrovos que xa recibiron a súa recompensa. Ti, en troques, cando deas unha esmola, que non saiba a túa man esquerda o que fai a dereita. Así a esmola será secreta e teu Pai, que ve o segredo, xa te recompensará.

Cando recedes non fagades coma os hipócritas, que gustan de rezar moi ergueitos nas sinagogas e nos recantos das rúas para que os vexa a xente; asegúrovos que tamén recibiron a súa recompensa. Ti, pola contra, cando queiras rezar métete no teu cuarto, pecha a porta e rézalle a teu Pai que está no segredo; e teu Pai, que ve o segredo, hate recompensar.

Cando xexuedes non poñades caras tristeiras, como fan os hipócritas: desfiguran as súas caras para que a xente llelo note. Asegúrovos que xa recibiron a súa recompensa. Ti, en troques, cando xexúes, perfuma a cabeza e lava a cara, para que non che se note ante os homes, senón ante teu Pai celestial; e teu Pai, que ve o que está escondido, hate recompensar.

 

Comentarios

Publicacións populares