FICHA E LECTIO + ORACIONAL GALEGO: DOMINGO 6 DE ORDINARIO A

 FICHAS ANTERIORES: 

FICHA 1 / FICHA 2


LECTIO:

   Grandeza infinita de Deus 

(12 febreiro 2023)

         O texto do evanxeo foi xa suficientemente longo ademais de moi rico e variado no seu contido. De modo que intentarei comentar unicamente algunhas  ideas ou reflexións, simples e sinxelas, que se me ocorren.

         Pois ben, unha das funcións máis importantes dos nosos encontros comunitarios nas celebracións dos domingos é, como ben sabemos, a de “agradecer”. Agradecerlle ó Señor porque nos deu a vida; porque estamos aquí cos nosos familiares e outras persoas e familias cristiás; porque nos deu e nos segue a dar fe, esperanza e caridade; porque nos dá azos, coa forza do seu Espírito, para seguirmos adiante na confesión e na práctica da nosa fe; porque nos promete unha vida que endexamais rematará.

         Ó sermos así “agradecidos” co Señor, estamos ó tempo recoñecendo a súa bondade e grandeza. Unha grandeza, a de Deus, que supera calquera pensamento, por moi grandes e elevadas que sexan nosas ideas sobre el. Hoxe en día os que se dedican ó estudo da realidade material, os científicos que intentan afondar nos máis pequenos elementos da materia ou aqueles que observan e estudan a inmensidade e grandiosidade do universo ou dos universos, todos eles decátanse con sorpresa de que a realidade é moito máis grande e misteriosa do que pensaban.

         Agora ben, en principio isto non debería estrañarnos ou abraiarnos, se é verdade que os produtos que saen da intelixencia e do poder de calquera creador ou artista teñen que levar en si unha certa semellanza con quen os ideou ou construíu. Quero dicir: se os estudosos da materia ou da natureza ademais de se dedicaren á súa especialidade tivesen tempo e capacidades para reflexionar filosófica ou teoloxicamente sobre a realidade, decataríanse seguramente tamén de que se Deus é absolutamente infinito, tamén as cousas que saíron das súas mans deberían asemellarse dalgún xeito ó seu autor. E que, polo tanto, a realidade tería que ser dalgunha maneira ou en certo sentido tamén “infinita”.

         O que vos estou a comentar vén a propósito do que acabamos de escoitar nas Lecturas primeira e segunda, nas que se nos fala da grandeza da “sabedoría” de Deus aínda que nun senso máis antropolóxico ca estritamente cósmico. O autor do Libro do Eclesiástico dinos por exemplo: “Grande é a sabedoría do Señor. El é potente e egrexio e todo o dexerga. Os ollos de Deus contemplan as súas criaturas e El penetra as accións de cadaquén”. Paulo, na súa primeira carta ós Corintios, comunícalles pola súa parte ós destinatarios que lles anuncia a misteriosa e insondábel grandeza de Deus. “Nós predicamos –dilles Paulo- unha sabedoría de Deus, misteriosa”. Tan misteriosa e grandiosa que non terá reparo algún en engadir: “O que o ollo non viu, o que o oído non sentiu, e o que non pasou pola mente humana: iso preparou Deus para os que o aman”.

         É dicir, o Deus e Pai noso quérenos tan de verdade e tan de corazón que nin sequera podemos maxinar o que El ten preparado para nós. Un agasallo tan grande, en correspondencia co amor que nos ten, que poderiamos dicir que nos deixará seguramente apampados durante toda a eternidade. Isto vén ser, falando de maneira moi informal, o que os teólogos chaman a “visión beatífica”, esa felicidade que Deus quere para nós e á que nos destinou desde sempre e para sempre.

         Iso si. Os que xa se consideran a si mesmos satisfeitos co que cren ser ou co que teñen non dispoñen xa posibelmente de capacidade para seren destinatarios da bondade, da “misteriosidade” e da grandeza de Deus. Ó contrario dos humildes, é dicir, dos que teñen conciencia de non sermos nada sen o poder do Deus que nos creou e que nos sostén. Xesús así o dicía en agarimoso diálogo co seu Pai Deus: “Bendito es ti, Pai, Señor do ceo e mais da terra, porque revelaches os misterios do Reino ós humildes”.

         Esta misteriosidade e grandeza de Deus é a razón de que El nos quixese de tal modo que chegase a nos converter en fillos seus e destinados en consecuencia a un futuro de felicidade que endexamais rematará. Por iso, as esixencias de Xesús, o noso irmán maior, en relación connosco están loxicamente en correspondencia con esta nosa especial e grandiosa situación: a de sermos todos fillos dun mesmo Pai, irmáns polo tanto entre nós e convidados a formarmos parte desa futura comunidade de igualdade e irmandade do chamado “Reino dos Ceos”.

         Se esa é a verdadeira situación dos que nos chamamos cristiáns, entón Xesús ten razóns abondas para pedirnos que, alén do “Non matarás”, nin sequera nos “enrabechemos” entre nós, pois iso non é comportamento axeitado entre irmáns. Ou tamén para amoestarnos non só a que non cometamos adulterio externamente comprobábel, senón –tal como se nos di-  a que nin sequera o cometamos “no corazón”, no desexo consentido.

         Á fin e o cabo todo pecado é, segundo a mensaxe de Xesús, un atentado contra a irmandade mutua e, polo tanto, contra o grandioso destino de Deus.

 

Manuel Cabada Castro


VER TAMÉN:







Comentarios

Publicacións populares