FICHA E LECTIO + ORACIONAL GALEGO: DOMINGO 1 DE CORESMA A

 FICHAS ANTERIORES: 

FICHA 1 / FICHA 2 / FICHA 3


LECTIO:

Os calotes do tentador 

(26 febreiro 2023)

         Hai só catro días empezamos o tempo da Coresma, un nome que provén dos “corenta” días de xaxún do Señor no deserto.

         O noso interese por coñecer o que fai e di Xesús é porque el, como fillo divino-humano de Deus Pai, é para todos nós exemplo do que deberiamos tamén ser nós. El é o noso irmán maior, o que fai de ponte entre Deus-Pai e todos nós, posibilitando así a nosa salvación. El é e será sempre “luz do mundo e sal da terra”.

         O evanxelista Mateo preséntanolo hoxe como tentado por Satán. En tódolos tempos, a igrexa, os cristiáns, tanto os que exercen altos cargos como os cristiáns de a pé estaremos expostos á tentación. As tentacións de pensar que, para levarmos adiante a obra ou a mensaxe de Xesús, deberiamos botar man de medios contrario ó evanxeo.

         As tentacións referidas por Mateo presentaranse seguramente en tódolos tempos. Por exemplo a de pensar e supoñer que as necesidades das persoas se reducen ó alimento corporal. “Non soamente de pan vive o home”, respóndelle Xesús ó Tentador, cando este o convidaba a converter as pedras en pan.

         Agora ben, xa sabemos que esta “palabra” que sae da boca de Deus é, segundo nos lembra noutro lugar o evanxelista Xoán, Xesús mesmo. Para Xoán, Xesús é a “palabra” de Deus-Pai ó mundo. Así o escoitabamos na liturxia de Nadal: “No principio existía a Palabra, e a Palabra estaba onda Deus e a Palabra era Deus... E a Palabra fíxose carne e puxo a súa tenda entre nós”. Xesús é, pois, a verdadeira “palabra”, o verdadeiro “pan” co que Deus-Pai alimenta o mundo. Porque con este “pan” viranos tamén o pan material que precisamos para o noso corpo. Pois, no fin de contas, a “palabra”, que é Xesús, é o verdadeiro creador de fraternidade, de irmandade, de amor e de xustiza. Sen esta fraternidade, que está unida á xustiza, seguirá a haber fame e miserias tanto agora coma no porvir.

         Mais Satán, o Tentador, é teimudo e segue a tentar. As cousas -insiste Satán- resólvense co “poder”. E, para iso, fantasía o tentador en lle ofrecer a Xesús tódolos reinos da terra ou en proporlle que faga milagres e cousas admirábeis. Mais o reino de Xesús, non se basea na forza, no poder ou na fachenda. Como repite tantas veces a liturxia, o seu reino é “un reino de xustiza, de amor e de paz”. É dicir, un reino de fraternidade.

         No tempo coresmal hai certos días de xaxún (nada máis ca dous en total) e algúns días máis da que se adoita chamar “abstinencia”. Mais se pensásemos que iso é o fundamental do tempo coresmal estariamos nun bo erro. Sobre todo se durante o ano nos dedicamos a consumir e mercar todo canto os vendedores de produtos de todo tipo nos poñen diante, freando só un pouco a febre de consumo nos días coresmais.

         Polo contrario, o fundamental deste tempo litúrxico é írmonos convertendo, unha vez máis, un ano máis, á mensaxe de Xesús que se vai paseniñamente densificando, dende o pasado mércores de Cinza ata chegarmos á Semana Santa e ó cirio pascual do domingo de Resurrección, co que remata a Semana Santa. Na liturxia do pasado mércores dicíasenos na imposición da cinza: “Convértete e cre no evanxeo”. Unha invitación á conversión que ten como ideario o evanxeo e que remata coa alegría pascual do Xesús resucitado.

         Volvendo de novo ó tema do xaxún e da abstinencia coresmais, lin nalgún lado sobre o significado agachado deste tempo coresmal:

         “Coresma debería ser unha chamada de atención sobre os millóns de excluídos que xaxúan, non por devoción, senón porque carecen do esencial para viviren, que non elixen o xaxún senón que se lles impón, que cargan coa pesada cruz da vida sen cireneos que alivien o seu desfalecemento nin defendan a súa causa: famentos, marxinados da sociedade, empobrecidos, anciáns, desprazados polas guerras, desprezados pola cor da súa pel, pola súa cultura ou pola súa lingua... A todos estes háselles abrir o noso corazón na Coresma”.

Manuel Cabada Castro



VER TAMÉN:










Comentarios

Publicacións populares