FICHA E LECTIO - Domingo 1 de Coresma A
DEBUXOS ADAPTADOS DE: http://elrincondelasmelli.blogspot.com/
LECTIO:
Xaxún
solidario
(1 de marzo de 2020)
Hai
catro días, co mércores de cinza, empezamos un novo tempo litúrxico: o tempo da
Coresma. Un nome, “Coresma”, que, como é doado ver, provén dos “corenta” días
de xaxún do Señor no deserto. A liturxia vainos levando así, ó longo do ano,
polas diversas experiencias da nosa fe. Unha experiencia que está directamente
en relación coa vida de Xesús, desde o seu nacemento ata a súa morte e
Resurrección.
O
noso interese, como ben sabemos, por coñecer o que fai e di Xesús é porque el,
como fillo divino-humano de Deus Pai, é para todos nós exemplo vivo e actuante
en nós do que deberiamos tamén ser nós. El é o noso irmán maior, o que fai de
ponte entre Deus-Pai e todos nós. El posibilita e realiza así a nosa salvación.
El é e será sempre, tal como testemuñaba con autoridade sobre si mesmo, “luz do
mundo e sal da terra”.
O
evanxelista Mateo preséntanos hoxe Xesús como tentado polo demo, por Satán. Non
é de estrañar que, se el foi tentado, sexamos tamén todos nós tentados de cando
en vez. En tódolos tempos, a igrexa, os cristiáns, tanto os que exercen altos
cargos como os cristiáns de a pé estaremos expostos á tentación. As tentacións
de pensar que, para levarmos adiante a obra ou a mensaxe de Xesús, non nos
viría nada mal botar man de medios pouco ou nada evanxélicos. Mais non se pode
facer medrar a árbore do evanxeo con produtos ou fertilizantes contrarios ó
evanxeo. Dese xeito esa árbore esmorecería e secaría.
As
tentacións que nos refire Mateo presentaranse seguramente en tódolos tempos. A
tentación, por exemplo, de pensar e supoñer que as necesidades das persoas se
reducen ó alimento corporal. “Non soamente de pan vive o home”, respóndelle
Xesús ó Tentador, cando este convidaba Xesús a converter as pedras en pan.
Claro que todos necesitamos do noso pan material de cada día. Mais, alén disto,
o que plenifica, o que enche, o que verdadeiramente e en definitiva satisfai as
persoas é, como nos asegura Xesús, a “palabra” que “sae da boca de Deus”.
Agora
ben, xa sabemos que esta “palabra” que sae da boca de Deus é, segundo nos
lembra noutro lugar o evanxelista Xoán, Xesús mesmo. Para Xoán, Xesús é a
“palabra” de Deus-Pai ó mundo. Así o escoitabamos na liturxia de Nadal: “No principio existía a Palabra, e a Palabra
estaba onda Deus e a Palabra era Deus... E a Palabra fíxose carne e puxo a súa
tenda entre nós”. Xesús é, pois, a verdadeira “palabra”, o verdadeiro “pan”
co que Deus-Pai alimenta o mundo. Porque con este “pan” viranos tamén o pan
material que precisamos para o noso corpo. Pois, no fin de contas, a “palabra”,
o “pan”, que é Xesús, é o verdadeiro creador de fraternidade, de irmandade, de
amor e de xustiza. Sen esta fonda fraternidade, que está unida á xustiza,
seguirá a haber fame e miserias no mundo tanto agora como en tempos vindeiros.
Mais
Satán, o Tentador, é teimudo e segue a tentar. As cousas -vénlle dicir Satán a
Xesús- resólvense co “poder”. E, para iso, fantasía Satán en lle ofrecer a
Xesús tódolos reinos da terra ou en proporlle que faga milagres e cousas
admirábeis, pois el ben as sabe facer...
Pero
o reino de Xesús, ese reino ó que nós queremos tamén pertencer, non se basea na
forza, no poder ou na fachenda. Como nos repite tantas veces a liturxia, é “un
reino de xustiza, de amor e de paz”. Ou sexa, un reino de fraternidade.
No
tempo de coresma hai certos días de xaxún (nada máis ca dous en total) e algúns
días máis da que se adoita chamar “abstinencia”. Mais se pensásemos que iso é o
fundamental do tempo coresmal estariamos nun bo erro. Sobre todo se durante o
ano nos dedicamos a consumir e mercar todo canto os vendedores de produtos de
todo tipo nos poñen diante, freando só un pouco a febre de consumo nos días
coresmais.
Polo
contrario, o fundamental deste tempo litúrxico é írmonos convertendo, unha vez
máis, un ano máis, á mensaxe de Xesús que se vai paseniñamente densificando,
dende o pasado mércores de Cinza ata chegarmos á Semana Santa e ó cirio pascual
do domingo de Resurrección, co que remata a Semana Santa. No pasado mércores
dicíanos o que presidía a celebración, ó nos impoñer a cinza: “Convértete e cre
no evanxeo”. Unha invitación á conversión que ten como ideario o evanxeo e que
remata coa alegría pascual de Xesús resucitado para todos nós.
Volvendo
de novo ó actual tempo de Coresma e ó tema do xaxún e da abstinencia coresmais.
Non vos vou dicir -claro está- que non xaxuedes o día do venres santo ou que
non vos absteñades de tomar carne nos venres da Coresma. Faltaría máis!! Pero
se nos quedamos niso e non facemos algo máis, fraco favor lle facemos á nosa
fe, esa fe que se ha de amosar como tal nas “boas obras” e na nosa preocupación
polos demais, irmáns nosos. Neste senso, apúntome o que lin nalgún lado sobre o
significado agachado deste tempo coresmal. O texto é este:
“Coresma
debería ser unha chamada de atención sobre os millóns de excluídos que xaxúan,
non por devoción, senón porque carecen do esencial para viviren, que non elixen
o xaxún senón que se lles impón, que cargan coa pesada cruz da vida sen
cireneos que alivien o seu desfalecemento nin defendan a súa causa: famentos,
marxinados da sociedade, empobrecidos, anciáns, desprazados polas guerras,
desprezados pola cor da súa pel, pola súa cultura ou pola súa lingua... A todos
estes háselles abrir o noso corazón na Coresma”.
Si.
Iso é o que significa concretamente fraternidade, irmandade cristiá, se segue a
ser verdade aquilo de que somos fillos dun mesmo Pai.
Por
iso deberiamos dicir hoxe con especial devoción (lembrándonos das “tentacións”
ás que foi sometido Xesús por Satán) aquelas palabras do “Nosopai”, a oración
que Xesús nos aprendeu e que recitamos comunitariamente na eucaristía: “Non nos
deixes caer na tentación”, na tentación de querermos ser cristiáns por camiños non
cristiáns.
Manuel
Cabada Castro
VER TAMÉN:
CATEQUESIS DE GALICIA:
Comentarios
Publicar un comentario