Domingo 6 do Tpo. Ordinario - ciclo A
LECTURA NO LIBRO DO ECLESIÁSTICO
Primeira Lectura Sir 15, 16-21 (gr. 15-20)
A ninguén mandou actuar inicuamente
Se ti queres, podes gardar o precepto,
facer a súa vontade é sinal de intelixencia.
Puxo diante de ti o lume e mais a auga:
bota a man ao que prefiras.
Diante de cada home están a vida e a morte:
o que arele: iso daráselle;
pois grande é a Sabedoría do Señor,
El é potente e egrexio e todo o dexerga.
Os ollos de Deus contemplan as súas criaturas
e El penetra as accións de cadaquén.
Non lle mandou ao home que pecase
nin deu pé aos homes falsos.
Palabra do Señor R/. Grazas a Deus
SALMO RESPONSORIAL Sal 118, 1-2. 4-5. 17- 18. 33-34
R/. (1b): Ditosos os que proceden conforme á lei do Señor.
Ditosos os de conduta impecable,
os que proceden conforme á lei do Señor.
Ditosos os que observan os seus mandatos
e o procuran de todo corazón.
Ti deches os teus preceptos,
para que se cumpran con esmero.
Que o meu proceder sexa firme
en gardar os teus decretos.
Faille ben ao teu servo, para que viva
e garde a túa palabra.
Ábreme os ollos para que vexa
as marabillas da túa lei.
Amósame, Señor, o camiño dos teu preceptos,
e seguireino ata a fin.
Dáme entendemento para observar a túa lei,
e gardareina de todo corazón.
LECTURA DA 1ª CARTA DO APÓSTOLO S.PAULO ÓS CORINTIOS
Segunda Lectura 1 Cor 2, 6-10
Deus tiña predestinada unha sabedoría antes dos séculos para a nosa gloria
Irmáns:
O que predicamos entre os cultivados é sabedoría, pero non sabedoría deste mundo nin dos xefes perecedoiros deste mundo.
Nós predicamos unha sabedoría de Deus, misteriosa, que permanecía gardada, que Deus tiña predestinada desde antes dos séculos para a nosa gloria.
Ningún dos xefes deste mundo a coñeceu; pois se a coñecesen, non crucificaban o Señor da Gloria. Pero como está escrito:
O que o ollo non viu,
o que o oído non sentiu,
e o que non pasou pola mente do home:
iso preparou Deus para os que o aman.
E a nós revelóunolo Deus polo Espírito; pois o Espírito esculca todo, mesmo as profundidades de Deus.
Palabra do Señor R/. Grazas a Deus
ALELUIA Cf. Mt 11, 25
Se non se canta, pódese omitir
Aleluia, aleluia.
Bendito es ti, Pai, Señor do ceo e mais da terra
porque revelaches os misterios do Reino aos humildes.
Aleluia.
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO
Evanxeo Mt 5, 17-37 (máis longa)
Tal se lle dixo aos antigos; pero eu dígovos
Naquel tempo, díxolles Xesús aos seus discípulos:
- Non pensedes que vin derrogar a Lei e os Profetas; non vin para derrogar, senón para dar cumprimento.
Porque vos aseguro: mentres non pasen o ceo e mais a terra non pasará nin unha letra nin un til da Lei ata que todo se cumpra.
E quen falte a un destes mandamentos máis pequeniños e así llelo ensine a facer aos outros, será declarado o máis pequeno no Reino dos Ceos; pero quen os cumpra e así o ensine, será declarado grande no Reino dos Ceos.
Porque vos aseguro que se a vosa xustiza non é maior cá dos letrados e fariseos, non entraredes no Reino dos Ceos.
Tedes oído que se lles dixo aos vosos devanceiros: Non matarás, e quen mate será reo perante o tribunal. Pero eu dígovos: Todo o que se enrabeche co seu irmán será reo perante o tribunal; quen o alcume será reo perante o Sanedrín; e quen o aldraxe será reo do lume do inferno.
Se ao presentares a túa ofrenda no altar, alí te acordas de que teu irmán ten queixas contra ti, pousa a ofrenda alí mesmo diante do altar, vaite primeiro reconciliar co teu irmán, e logo volve para presentar a túa ofrenda.
Ponte de acordo canto antes co teu preiteante, mentres ides de camiño; non sexa que te entregue ao xuíz, o xuíz ao garda, e te boten na cadea. Ten por seguro que non sairás de alí ata que deas pagado o derradeiro céntimo.
Tedes oído que foi dito: Non cometerás adulterio. Pois eu dígovos: Todo aquel que mira a unha muller casada con desexo, xa cometeu adulterio no seu corazón.
Se o teu ollo dereito che é ocasión de pecado, arríncao e tira con el; que máis che vale que se perda un dos teus membros e non que te boten todo enteiro no inferno. Se a túa man dereita che é ocasión de pecado, córtaa e tira con ela lonxe de ti; que máis che vale que se perda un dos teus membros e non que te boten todo enteiro no inferno.
Ténsevos dito: Quen repudie á súa muller, déalle acta de repudio. Pero eu dígovos: Todo o que repudia á súa muller, fóra o caso de estaren malvivindo, expona a ser adúltera e o que case cunha repudiada comete adulterio.
Tamén tedes oído que se lles dixo aos devanceiros: Non xurarás en falso, e cumprirás as promesas feitas con xuramentos ao Señor.
Pero eu dígovos: Non xuredes nunca: nin polo ceo, que é o trono de Deus; nin pola terra, porque é escano para os seus pés; nin por Xerusalén, que é a cidade do gran Rei. Tampouco xures pola túa cabeza, porque nin sequera lle podes virar branco ou negro un só pelo.
Falade, logo, deste xeito: "Si", cando é si; "Non", cando é non; e todo o que pase de aí vén do Malo.
Palabra do Señor R/. Loámoste, Cristo
______________________________________________________________________
Ou máis breve: 20-22a. 27-28, 33-34a. 37
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO
Naquel tempo, díxolles Xesús aos seus discípulos:
Asegúrovos que se a vosa xustiza non é maior cá dos letrados e fariseos, non entraredes no Reino dos Ceos.
Tedes oído que se lles dixo aos vosos devanceiros: Non matarás, e quen mate será reo perante o tribunal.
Pero eu dígovos: Todo o que se enrabeche co seu irmán será reo perante o tribunal.
Tedes oído que foi dito: Non cometerás adulterio. Pois eu dígovos: Todo aquel que mira a unha muller casada con desexo, xa cometeu adulterio no seu corazón.
Tamén tedes oído que se lles dixo aos devanceiros: Non xurarás en falso, e cumprirás as promesas feitas con xuramentos ao Señor. Pero eu dígovos: Non xuredes nunca.
Falade, logo, deste xeito: "Si", cando é si; "Non", cando é non; e todo o que pase de aí vén do Malo.
Palabra do Señor R/. Loámoste, Cristo
Comentarios
Publicar un comentario