Domingo 7 de Ordinario - ciclo A


LECTURA DO LIBRO DO LEVÍTICO
Primeira Lectura     Lev 19, 1-2. 17-18
Amarás o teu próximo coma a ti mesmo


Naqueles días, díxolle o Señor a Moisés:

- Fálalle á comunidade dos fillos de Israel e dilles:

 - "Sede santos, porque santo son eu, o Señor, o voso Deus.

Non terás odio no corazón ao teu irmán.



Reprenderás o teu próximo, para non cargar co seu pecado.

Non te vingarás nin lles terás xenreira aos teus veciños.



Amarás o teu próximo coma a ti mesmo.

Eu son o Señor".



Palabra do Señor             R/. Grazas a Deus





SALMO RESPONSORIAL     Sal 102, 1-2 . 3-4. 8 e 10. 12-13
R/  (8a):  O Señor é misericordioso e clemente.



Alma miña, bendí o Señor

e todo o meu ser, o seu santo nome.

Alma miña, bendí o Señor,

non esquezas os seus beneficios.



El perdoa as túas culpas

e sanda as túas doenzas;

rescata a túa vida da morte

e coróate de amor e de tenrura;



O Señor é misericordioso e clemente,

tardo á ira e rico en mercés.

Non nos trata conforme aos nosos erros

nin nos paga conforme ás nosas culpas.



Canto dista o nacente do poñente,

así arreda de nós as nosas culpas;

canto un pai ama os seus fillos,

así ama o Señor os que o temen.






LECTURA DA PRIMEIRA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS CORINTIOS
Segunda Lectura     1 Cor 3, 16-23
Todo é voso, vós de Cristo e Cristo de Deus


            Irmáns:

            Non sabedes que sodes templo de Deus e que o Espírito de Deus habita en vós? Se alguén destrúe o templo de Deus, o Señor destruirao a el. Porque o templo de Deus é sagrado e iso sodes vós.

            Que ninguén se engane. Se entre vós hai algún que se crea sabio ao xeito deste mundo, fágase parvo, para volverse sabio de verdade. Porque a sabedoría deste mundo é burremia diante de Deus.

            Que está escrito:

            El pilla os listos na súa propia astucia.

            E tamén:

            O Señor coñece os pensamentos dos sabios

e sabe que son vans.

            De modo que ninguén alardee apoiado nos homes. Porque todo é voso, certamente: tanto Paulo coma Apolo coma Cefas; tanto o mundo coma a vida e coma a morte; tanto o presente coma o futuro. Todo é voso; pero vós sodes de Cristo e Cristo é de Deus.



Palabra do Señor            R/. Grazas a Deus





ALELUIA    1 Xn 2, 5

Se non se canta, pódese omitir



Aleluia, aleluia.

En quen garda a Palabra de Cristo,

verdadeiramente nel chega á plenitude o Amor de Deus.

Aleluia.


  

LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO
Evanxeo        Mt 5, 38-48
Amade os vosos inimigos

            Naquel tempo, díxolles Xesús aos seus discípulos:

            ‑ Tendes oído que se vos dixo: "Ollo por ollo e dente por dente". Pero eu dígovos: Non opoñades resistencia ao malévolo; mais se alguén che da un lapote na túa meixela dereita, preséntalle a outra.

            A quen queira preitear contigo e che leve a túnica, déixalle ir tamén o mantelo; a quen te obrigue a camiñar con el unha milla, acompáñao dúas. A quen che pide, dálle; e non lle vires as costas a quen quere que ti lle fagas préstamo.

            Tedes oído que se vos dixo: Amarás o teu próximo e aborrecerás o teu inimigo. Pero eu dígovos: Amade os vosos inimigos e pregade polos que vos perseguen. Así seredes fillos de voso Pai que está no ceo, que fai saí-lo seu sol sobre os malos e os bos, e chover sobre xustos e inxustos.

            Porque, se amades os que vos aman, que recompensa ides ter? Non fan o mesmo os publicanos? E se saudades soamente a vosos irmáns, que facedes de máis? Non fan outro tanto os pagáns? Daquela sede bos, como o voso Pai celestial é totalmente bo.



Palabra do Señor           R/. Loámoste, Cristo

Comentarios

Publicacións populares