FICHA E LECTIO + ORACIONAL GALEGO: DOMINGO 5 DE ORDINARIO A
FICHAS ANTERIORES:
LECTIO:
Sermos calor e luz
(5. II. 2023)
As palabras impresionantes e
claras coma augas limpas de montaña, que acabamos de escoitar de Isaías son
aducidas con frecuencia por teólogos e biblistas para pór de relevo a
importancia que xa no Antigo Testamento tiña a práctica da caridade, do amor ós
pobres e necesitados.
Tampouco podemos nós renunciar
a facernos eco do que di o gran profeta: “Reparte o teu pan co famento e acolle
na túa casa os pobres... Viste o espido e non te escondas da túa propia carne.
Entón resplandecerá a túa luz coma a alba... Entón chamarás o Señor... e
dirache: Aquí estou... Entón a túa luz brillará na escuridade e a túa tebra
será coma o mediodía”.
Pois ben, viamos en
eucaristías anteriores como Xesús, o Fillo de Deus no que Deus Pai se manifesta
plenamente ó mundo, dicía de si mesmo: “Eu son a luz do mundo”. Xesús
preséntase, xa que logo, a si mesmo como aquel que ilumina, orienta e dá
sentido. Á maneira do sol que alumou, aluma e alumará a canta criatura habite
na terra.
Engadiamos tamén anteriormente
que Paulo na súa carta ós Efesios (5, 8-9) lles dicía a estes seren eles “luz no
Señor”, “fillos da luz”. Ó dicir isto, faise Paulo eco do texto do evanxeo de hoxe.
“Vós –dinos Xesús- sodes a luz do mundo”. É dicir, tamén nós somos, debemos
ser, “luz do mundo”. E a luz ten que se deixar ver e sentir, porque se se agacha,
suspende ou interrompe polo mesmo a súa función de servir de orientación e de
dar enerxía a cantos dela precisan. Todos necesitamos da luz.
Mais o símil da “luz”, do que
se vale Xesús para animar os seus discípulos a reflectir sobre os demais a luz
que del reciben, está acompañado por outro que o vén completar ou perfilar:
“Vós sodes o sal da terra”. O sal segue a ser aínda hoxe elemento importante
para a conservación e degustación de moitos alimentos, mais en tempos de Xesús érao
en moito maior medida. De tal maneira que, como ben saberedes, incluso a actual
expresión “salario”, que con razón tanto preocupa a persoas en idade laboral,
provén deste humilde e importante elemento que nos ofrece a natureza: o “sal”.
Por outra parte, o sal, aínda
que non ilumina, conserva e está tamén, coma a luz, ó servizo da vida. Así,
pois, como a luz non debería facer desleixo da súa función iluminadora, o mesmo
ocorre co sal: se se volve insulso, insípido, deixa entón de salgar determinados
alimentos importantes ou necesarios para sobrevivir, botándose entón estes a perder.
Por iso o símil do sal pode
servirnos para unha maior e mellor comprensión do símil da luz, aplicado por
Xesús a el mesmo e a nós: “Eu son a luz do mundo”, “Vós sodes a luz do mundo”.
Porque esta luz, que nos vén do sol, non só aluma, senón que tamén quenta, dá
calor. Por iso adoitamos, sobre todo no inverno, aproveitar as curtas raxeiras
que nos ofrece o vello astro rei para nos quentar e por iso na nosa lingua “lume”
pode significar tanto “luz” coma “fogo”. Ámbolos dous aluman e quentan.
Agora ben, postos no difícil
e teórico dilema de termos que decidir sobre a maior ou menor importancia que
para nós poidan ter a luz ou a calor, parece que Isaías semella inclinarse máis
ben pola segunda, pola calor. Porque para el, quen dá calor, convértese tamén de
feito en luz orientadora. Sabemos ben que non son, en realidade, as frías,
descarnadas e abstractas teorías as que capacitan para iluminar e mover o
mundo, senón aquelas que van acompañadas pola calor do compromiso e das boas obras.
Neste senso, paréceme moi
sorprendente o feito de que Isaías faga depender efectivamente sermos “luz”
iluminadora para os demais de sermos antes
boas persoas, xente que practica a xustiza, a bondade e a misericordia cos
demais. Lembrádevos, se non, da primeira Lectura. Isaías coloca en primeiro
lugar o “repartir o pan co famento”, o “acoller na casa os pobres”, o “vestir o
espido”, para dicir despois, a modo de consecuencia: “Entón resplandecerá a túa luz coma a alba”. E de maneira máis
decidida aínda cara ó final da Lectura: “Se apartas do medio de ti o xugo (é
dicir, a opresión e o asoballamento)..., se lle quitas ó famento a gana que ti sentes,
e fartas a gorxa aflixida, entón a túa
luz brillará na escuridade e a túa
tebra será coma o mediodía”.
En consecuencia, se realmente
queremos ser “luz” para os demais, é dicir, se queremos ser persoas capaces de
anunciar ós demais a palabra de Deus, entón temos que ser previamente e ó tempo
practicantes do amor e da bondade. De non sermos así, non chegaremos a ser luz
para os demais.
Isaías indicará incluso que esa
luz, que se acende na persoa que practica o ben cos demais, converterase en
certo modo en palabra que interpela o mesmo Deus, en palabra á que el responde:
“Entón –di Isaías- clamarás ó Señor e responderache, pediraslle axuda e dirache:
Aquí estou”.
Xa sabemos, polo tanto, cal
ha ser a nosa tarefa como cristiáns: sermos sal da terra e luz do mundo,
alicerzados non nas nosas posíbeis habilidades persoais de persuasión ou
convencemento, senón -tal como nos di Paulo na carta ós Corintios- no “poder do
Espírito”, no “poder de Deus”.
Porque só de Deus, da nosa
proximidade a El, pode en último termo provir que sexamos quen de exercer esa
función de sermos luz e sal da terra nun mundo que precisa de persoas que lle ofrezan
luz, calor e salvación.
Manuel Cabada Castro
VER TAMÉN:
https://www.gruposdejesus.com/5-tempo-ordinario-a-mateu-513-16-2/
Comentarios
Publicar un comentario