FICHA E LECTIO + ORACIONAL GALEGO: BAUTISMO DO SEÑOR A
FICHAS ANTERIORES:
LECTIO:
Mergullado en Deus e nos pobres
( 8 xaneiro 2023)
Polo
menos os máis maiores de nós recibimos o bautismo cando eramos pequechos. Os
nosos pais ou padriños leváronnos no colo á fonte bautismal e as augas do
sacramento recibido transformáronnos oficialmente en cristiáns e uníronnos ó
corpo místico de Cristo, á súa Igrexa. Isto é, máis ou menos, o que lemos ou
temos escoitado sobre o que entón ocorreu. Trátase, en calquera caso, dun rito.
Mais o importante é o que nel se agacha. Se, andando o tempo, non asumimos
persoalmente o que este rito significaba, de pouco el nos vale. Porque o
bautismo debería ser en realidade unha fonda transformación, un mergullarse nas
augas purificadoras de Deus, para deixármonos levar pola súa claridade, o seu
frescor e o seu poder vivificador.
En calquera caso, poderiamos
dicir que Xesús foi tamén bautizado dunha maneira especial sendo neno. Tal bautismo
sería no seu caso o de nacer pobre e entre pobres, sendo ó tempo moi rico nun
grande amor: o que seus pais, Xosé e María, lle ofreceron. A natureza, os pobres
e necesitados, as plantas e animais convertéronse na súa primeira auga
bautismal, purificadora e vivificadora. Xesús sentiuse así e para sempre identificado
cos pobres e necesitados. Deus, o seu Pai e noso pai, aprendeulle así a el que estes
eran e de maneira especial os seus irmáns.
Este que poderiamos chamar o primeiro
bautismo de Xesús recibiu moito máis tarde a súa forma ritual ó ser bautizado
polo Bautista, palabra que quere dicir o que somerxe, o “mergullador”. Pois ese
rito era daquela practicado por “inmersión” na auga. Claro que o humilde Bautista
non quería realizar ese rito con Xesús, porque –como ben pensaba- era máis ben
o propio Bautista quen se debería deixar bautizar por el.
Así que o bautismo do Señor
foi moi distinto do noso infantil bautismo. Se nós eramos entón infantes inconscientes,
Xesús era xa un mozo adulto, que se estaba a abrir paso na vida. Un acto, pois,
moi consciente e persoal. El sentiríase atraído, como tamén outros dos seus compañeiros
ou coñecidos, pola figura, o comportamento e as palabras do Bautista que chamaba
á conversión e a se preocupar por facer o ben desde o seu propio e persoal
testemuño de vida. Moito do atractivo do Bautista consistía en que aquilo que
el predicaba ou proclamaba estábao a levar á práctica na súa propia vida. Pois
el era unha persoa consecuente coa experiencia que sentía de Deus no seu
interior, por limitada que fose esa experiencia se a comparamos coa de Xesús.
Pola súa parte, Xesús
percibía en si mesmo unha fonda e misteriosa experiencia de se sentir querido
por Deus, por un Deus que se lle manifestaba a el como paiciño moi querido. Él
falaba con absoluta confianza co seu Pai Deus, un pai que o quería a el
infinitamente. Mateo dinos que, tras ser bautizado, “se oíu desde o ceo unha
voz que dicía: Este é o meu fillo benquerido, o predilecto”.
Non deixa de ser curioso e
sorprendente. Xesús déixase bautizar por Xoán. Mais o que se produce en Xesús
tras este bautismo é algo moi diferente do que ocorría co bautismo de Xoán. Os
entendidos dinnos que Xoán Bautista centraba no pecado toda a súa predicación e
a súa práctica relixiosa, convidando e intimando os pecadores á conversión,
mais -a diferenza de Xesús- Xoán non realizaba con eles xestos de compaixón, de
misericordia ou de bondade. O Bautista non se preocupaba dos enfermos, dos nenos,
dos leprosos, dos marxinados. Habitaba no deserto. Xesús, en cambio, percorrerá
toda Galilea, achegándose ós lugares onde estaba a xente, sandando, consolando,
facendo o ben a todos.
Aparentemente, Xesús era un máis
dos que se achegaban ó Bautista pra se deixar interpelar por el. En tal sentido,
poderiamos dicir que el estaba tan unido ó seu Pai Deus coma ó seu pobo, á súa
relixión, á súa cultura, á súa lingua, ós seus costumes. Mais no seu interior
ardía ó tempo un lume divino e espiritual que quería que servise para dar luz e
calor a todos. Era un lume interior que procedía dun sentirse Fillo
“benquerido” de Deus e irmán de todos.
Foi esta intimidade de Xesús
con Deus-Pai e con toda a humanidade a que fixo que o seu achegamento ó Bautista
non fose máis có comezo da súa propia misión “evanxelizadora”, é dicir,
anunciadora de boas ou alegres noticias. Aquilo que o papa Francisco concentrou
na súa primeira encíclica que leva como título “A alegría do Evanxeo”. Xesús
cumpre, pois, ó ser bautizado polo Bautista, cun rito relixioso, mais non para
ficar fixado nel, petrificado coma quen di, inmóbil e satisfeito co rito
cumprido. A través deste acto penitencial vaise el converter nunha persoa absolutamente
disposta para se deixar levar, polo Espírito e polo Pai, por onde durante o
resto da súa vida eles queiran levalo.
En certo modo, no bautismo de
Xesús ten o Bautista unha función moi secundaria. O protagonista da interna transformación
operada en Xesús é Deus mesmo, o Deus Pai de Xesús e o Espírito que se pousa
sobre a súa cabeza -como nos di Mateo- coma unha pomba. Por iso, Xesús non se
converte, á maneira do seu bautizador Xoán, nun ardente fustrigador do pecado,
senón, polo contrario, nun anunciador da alegría do evanxeo. Todo isto grazas a
que nel, en Xesús, habitan felices e contentos o Deus Pai, que o “quere ben”, e
o Deus Espírito amoroso.
Finalmente, cómpre aínda engadir
que tamén cantos sendo nenos fomos bautizados fómolo de feito -tal como se di no
ritual do bautismo, “no nome do Pai e do Fillo e do Espírito Santo”. Agora ben,
onde están Pai, Fillo e Espírito alí está o Deus Pai de todos, que nos converte
por medio do seu Espírito en fillos seus e irmáns de Xesús e de tódolos seres humanos.
Manuel Cabada Castro
VER TAMÉN:
https://www.gruposdejesus.com/bautismo-do-senor-a-mateu-313-17-2/
Comentarios
Publicar un comentario