FESTA DO BAUTISMO DO SEÑOR - CICLO A


LECTURA DO LIBRO DO PROFETA ISAÍAS

Primeira Lectura   Is 42, 1-4. 6-7

Velaquí o meu servo en quen eu me comprazo


            Isto di o Señor:


            Velaí o meu servo, a quen teño collido da man;

velaí o meu escollido no que eu me comprazo.


            Teño posto sobre el o meu espírito:

ditaralles sentencia xusta ás nacións.


            Non berrará,

non levantará a súa voz nin a fará oír nas rúas.


            Canivela fendida non a romperá,

e torcida esmorecente non a apagará.


            Con fidelidade proclamará a xustiza,

non desfalecerá nin crebará

ata establecer na terra a xustiza,

e a súa lei, que esperan as nacións.


            Eu, o Señor, chameite por causa da xustiza, collinte pola man e protexinte,

e convertinte en Alianza dun pobo e en luz das nacións,

para que lles abras os ollos aos cegos, para que libres do cárcere aos presos,

da prisión aos que viven na escuridade.


            Palabra do Señor


 


SALMO RESPONSORIAL      Sal 28, 1a e 2. 3ac-4. 3b e 9b-10

R/. (11b): O Señor ha bendicir o seu pobo coa paz.


Tributádelle ao Señor, fillos de Deus,

tributádelle ao Señor gloria do seu nome,

adorade o Señor no seu atrio sagrado.


A voz do Señor sobre as augas,

o Señor sobre as augas copiosas.

A voz do Señor é poderosa,

a voz do Señor é maxestosa.


O Deus glorioso fai tronar.

No seu santuario todo di: Gloria!

O Señor sentou sobre as augas,

o Señor senta como rei eterno.



 


LECTURA DO LIBRO DOS FEITOS DOS APÓSTOLOS

Segunda Lectura     Feit 10, 34-38

Unxiuno Deus co Espírito Santo


            Naqueles días, tomou Pedro a palabra e dixo:

            ‑ Abofé, vexo que Deus non fai distinción de persoas, senón que acepta a quen lle é fiel e practica a xustiza, sexa da nación que sexa.

            El mandoulles a súa palabra aos fillos de Israel, anunciándolles a Boa Nova da paz por Xesús Cristo: este é o Señor de todos.

            Vós sabedes o que pasou en toda a Xudea, comezando desde Galilea, despois do bautismo que Xoán predicou: como Deus unxiu con Espírito Santo e con poder a Xesús de Nazaré, que pasou facendo o ben e curando a todos os  que estaban asoballados por Satán; pois Deus estaba con el. 


            Palabra do Señor


 


ALELUIA    Cf. Mc 9, 6

Se non se canta, pódese omitir


Aleluia, aleluia.

Abríronse os ceos e tronou a voz do Pai:

Este é o meu Fillo predilecto; escoitádeo.

Aleluia.




LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO

Evanxeo           Mt 3, 13-17

Bautizado Xesús, viu o Espírito de Deus que descendía sobre del


            Naquel tempo veu Xesús desde Galilea ao Xordán para que Xoán o bautizase. Xoán trataba de impedilo dicindo:

            ‑ Como vés ti onda min, se es ti quen me tes que bautizar a min?        

            Xesús respondeulle:

            ‑ Deixa agora, pois convén que cumpramos a vontade de Deus.

            Xoán accedeu.

            Axiña que foi bautizado, Xesús saíu da auga. E velaí que se abriron os ceos, e viu o Espírito de Deus baixar coma unha pomba ata se pousar enriba del. E oíuse desde o ceo unha voz que dicía:

            -  Este é o meu fillo benquerido, o predilecto.


            Palabra do Señor

Comentarios

Publicacións populares