FICHA E LECTIO + ORACIONAL GALEGO: DOMINGO 3 DE ORDINARIO A
FICHAS ANTERIORES:
Alumar o camiño
(22. I. 2023)
As lecturas deste domingo
fálannos sobre todo de Xesús Cristo como “luz” e “centro” do seu reino. Proclamárao
xa nalgún momento segundo se nos conta no Evanxeo de Xoán (8, 12): “Eu son a luz
do mundo. Quen me segue non andará ás escuras, senón que terá a luz da vida”.
Isaías anunciara tamén
dalgunha maneira esta luz, tal como se nos amosa na 1ª Lectura, ó el nos falar
de que “o pobo, que camiñaba na escuridade, viu unha gran luz”. No Salmo responsorialasí
o acabamos de proclamar: “O Señor é a miña luz e salvación”. Nos evanxeos é frecuente,
sobre todo no de Lucas, a alusión a Xesús como “luz”: “Visitaranos o sol que nace
do alto, para alumar os que viven en tebras e na sombra da morte” (Lc 1,
78-79), “luz para alumar as nacións” (Lc 2, 32) etc.
Se Xesús é luz, entón é el
quen aluma e orienta na escuridade. Sabemos ben que sen luz andamos desnortados
e non sabemos cara a onde imos. Por iso de noite quedámonos na casa ata que
volva raiar o sol pola mañá, a non ser que utilicemos ó noso servizo algunha
luz artificial. Cando eu era cativo e aínda non había luz eléctrica na miña aldea
de Terra de Montes, lembro ben do que ocorría cando era de noite. Se alguén nos
visitaba entre lusco e fusco e marchaba entrada xa a noite despois de
parolarmos ó calor do lume da lareira, collía unha acha do lume da lareira e levábaa
na man movéndoa dun lado a outro. A acha ardente facía as veces de pequeno sol.
Dese modo non tropezaba no camiño ata chegar á súa casa.
Ben sabemos da importancia
que ten o sol como fonte de luz, de calor e de vida para todo canto existe na
terra. Os faros do mar (ese pequenos soles nocturnos) para iso están: para
orientar os mareantes e advertilos con tempo de calquera perigo para as embarcacións.
Agora ben, ser luz é ser tamén centro de atracción e de conxunción. Como as
bolboretas se amorean de noite arredor da luz, así deberiamos sentir Xesús como
foco de atracción e centro das nosas vidas.
Un cristián terá que ser
sempre, máis alá das comprensibles e inevitábeis diferenzas, construtor de
unidade, de amor e de paz entre os irmáns. Porque Cristo, tal como nos di Paulo,
tampouco “está dividido”. El é xustamente quen nos uniu a todos consigo e co Pai,
na forza e no poder do Espírito Santo, formando así entre todos un mesmo corpo,
como tantas veces repite Paulo. Por iso lles pide Paulo ós de Corinto que “se
axeiten todos nun mesmo espírito e nun mesmo pensamento”.
A luz atrae, crea unidade e
amizade. Así deberon percibir Xesús aqueles catro pescadores da ribeira do mar
de Galilea (entre eles o noso Santiago), cando decidiron seguir a quen os
chamaba e convidaba para seren “pescadores de homes”, deixando barca, redes e
pai. Na tarefa de pescar faise exercicio de esperanza, de paciencia e de
ilusión. Importante en calquera caso é
decatármonos de que é Xesús quen sempre chama e atrae, quen leva sempre a iniciativa
e quen dá azos. Chamados estamos todos a anunciar a boa nova do amor de Deus a
tódolos seus fillos, irmáns nosos, e a traballarmos para que a irmandade entre
as persoas non sexa só unha fermosa idea senón realidade e vida onde queira que
esteamos.
Poderemos ser así luz nun
mundo que precisa de persoas que saiban comunicar a grandeza e a alegría que
Deus nos trae no seu Fillo Xesús. É o que o papa Francisco nos vén dicir na súa
Exhortación A alegría do evanxeo: “Con Xesucristo sempre nace e renace a
alegría”.
Sigamos o consello de Paulo
na súa carta ós Efesios (5, 8-9): “Antes erades tebras, mais agora sodes luz no
Señor. Así que andade como fillos da luz”.
Manuel Cabada
Castro
Comentarios
Publicar un comentario