FICHA E LECTIO: EPIFANÍA DO SEÑOR
FICHAS ANTERIORES:
LECTIO:
Agasallados de Deus
(6. I. 2023)
A
escena que tradicionalmente se nos pon á vista na festividade da Epifanía do
Señor ten que ver con reis, estrelas e coa alegría dos agasallos de ouro,
incenso e mirra que os Reis Magos lle ofrecen ó Neno Xesús.
Os
Reis Magos seguen aquela estrela da que nos di o evanxelista Mateo que lles
daba luz na súa busca da Verdade e da Vida. Unha busca que neles se concretaría
no encontro agarimoso con Xesús, o Emmanuel, o “Deus connosco”. Son así eles
símbolo de cantos, humildes ou poderosos, se poñen en camiño para ofreceren os
seus dons e agarimo ós necesitados deste mundo, representados na pobreza de
Xesús e dos seus pais.
Porque
ben sabemos que é neles onde se atopa Deus e onde el quere que aprendamos a
atopalo. Lección que non nos resulta doada de aprender. Pois no Neno Xesús identifícase
Deus cos pobres e humildes do mundo enteiro. É neles onde Deus quere ser servido
e agasallado. Mirade con que forza o papa Francisco se referiu algunha vez ó
lugar central que deberían ocupar os pobres no seo da Igrexa: “Quero unha
igrexa pobre para os pobres. Eles teñen moito que ensinarnos... É necesario que
todos nos deixemos evanxelizar por eles. A nova evanxelización é un convite a
recoñecer a forza salvadora das súas vidas e a poñelos no centro do camiño da
Igrexa. Estamos chamados a descubrir a Cristo neles, a prestarlles a nosa voz
nas súas causas, mais tamén a sermos amigos seus, a escoitalos, a interpretalos
e a recoller a misteriosa sabedoría que Deus quere comunicarnos a través deles”.
Volvendo
a vista ós Reis Magos, móstrannos eles no seu comportamento que é precisamente
neste servizo ó próximo necesitado, representado na pobreza do Neno Xesús, onde
se atopa a verdadeira grandeza de cantos dispoñen de bens e de riquezas. Estes
só son grandes e poderosos cando saben engrandecer e alegrar os que carecen de
posibilidades para desenvolveren con dignidade a súa vida.
Por
outra parte, non pensemos que esta decisión, a dos Reis Magos ou a de cantos
adoptan unha decisión semellante, foi ou é unha acción puramente persoal. É
sempre o Deus que dirixe a historia e os acontecementos, aínda que sexa dende o
humilde lugar dun presebe, o que de moi diversas maneiras suscita en todos bos
pensamentos e desexos. El é sempre quen inspira e atrae cara ó ben, cara ó humilde
servizo dos pobres e necesitados deste mundo.
Cos
seus relatos de Nadal os redactores destes acontecementos salvíficos sobre o
Neno Xesús estannos a ofrecer, nunha linguaxe mitolóxica, unha mensaxe moi
concreta que suscita e provoca alegría e esperanza. Temos aí diante un Deus salvador,
un Deus Pai que se fai irmán de todos en Xesús. A fraternidade queda así
instaurada no mundo como realidade e como fermoso e esperanzador proxecto a
realizar.
Este
anuncio á humanidade é todo o contrario do comportamento dun Herodes preocupado
pola posibilidade de que o anunciado “rei dos xudeus” vaia desbancalo do seu
posto real, da súa posición privilexiada. Porque cando un fai depender a súa
vida do propio poder verase inevitabelmente tentado a recorrer a toda clase de artimañas
para se manter no seu posto fronte a quen o poida desbancar.
O tempo
de Nadal é así un tempo forte que convida a converternos a novas categorías. É,
ademais, un tempo litúrxico que contén unha mensaxe dirixida non só ós cristiáns,
senón á humanidade toda. Porque o verdadeiro templo de Xesús é o mundo enteiro
e non o pequeno interior das nosas igrexas onde podemos contemplar as variadas representacións do seu nacemento. Á fin e ó cabo,
pagáns eran tamén os Reis Magos que camiñaron cara ó encontro do Neno Xesús
para agasallalo. Por iso o xudeu Paulo, reconvertido en cristián, alude expresamente,
na segunda Lectura, e con grande abraio,
o gran “misterio” de que tamén “os xentís son parceiros, membros do mesmo corpo
e copartícipes da promesa en Cristo Xesús polo Evanxeo”.
Este
Deus universal e concreto, aberto a todas e cada unha das persoas de calquera
espazo cultural, de calquera país, de calquera relixión ou de calquera tempo
histórico, é o que os seguidores de Xesús temos que ofrecer con humildade,
agradecemento e alegría a todos.
Día
de Reis é tradicionalmente un día de regalos e ilusións para moitos, sobre todo
para os máis pequenos. Deberiamos desexar que tódolos días da nosa curta ou
longa vida sexan “Día de Reis” para cantos se atopen nalgún momento das súas
vidas connosco.
Manuel Cabada Castro
Comentarios
Publicar un comentario