Epifanía do Señor - ciclo A
LECTURA DO LIBRO DO PROFETA ISAÍAS
Primeira Lectura Is 60, 1-6
A gloria do Señor resplandeceu sobre ti
Levántate, brilla, que a túa luz xa chegou;
si, a gloria do Señor resplandece sobre ti.
Pois, olla, a escuridade cobre a terra
e a negrura os pobos,
pero sobre ti resplandece o Señor
e a súa gloria faise ver sobre ti.
Certo que os pobos camiñarán coa túa luz
e os reis co resplandor do teu alborexar.
Levanta os teus ollos arredor,
todos estes xuntáronse, viñeron a ti.
Os teus fillos veñen de lonxe
e as túas fillas son traídas no colo.
Entón, cando o vexas, estarás radiante
e o teu corazón latexará e ensanchará,
pois as riquezas do mar traeranse a ti
e os bens dos pobos virán para ti.
Estarás cuberta dunha chea de camelos,
de dromedarios novos de Madián e de Efah.
Todos eles virán de Sabá.
Virán cargados de ouro e incenso,
e proclamarán ledos a loanza do Señor.
Palabra do Señor R/. Grazas a Deus
SALMO RESPONSORIAL Sal 71, 2. 7-8. 10-11. 12-13
R/. (cf. 11): Hante adorar, Señor, todos os reis da terra.
Que rexa o teu pobo con xustiza,
e os teus pobres con equidade.
Florecerá a xustiza nos seus días,
unha prosperidade duradeira coma a lúa.
Dominará de mar a mar,
desde o gran río ata o cabo da terra.
Ofreceranlle regalos os reis de Tárxix e das illas,
os reis de Saba e de Sebá pagaranlle tributo.
Prostraranse perante el todos os reis da terra,
servirano todas as nacións.
El librará o pobre que suplica,
o aflixido que está sen axuda.
Terá piedade do feble e do indixente,
e salvará a vida dos pobres.
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS EFESIOS
Segunda Lectura Ef 3, 2-3a. 5-6
Xa se nos revelou que os pobos son coherdeiros da promesa
Irmáns:
Coido que oístes falar da encomenda que a graza de Deus me fixo en favor voso: xa que por medio dunha revelación se me deu a coñecer o misterio, que noutras xeracións non se lle dera a coñecer á humanidade como agora llelo manifesta o Espírito aos seus santos apóstolos e profetas: que os xentís son parceiros, membros do mesmo corpo e copartícipes da promesa en Cristo Xesús polo Evanxeo.
Palabra do Señor R/. Grazas a Deus
ALELUIA Mt 2, 2
Se non se canta, pódese omitir
Aleluia, aleluia.
Vimos a súa estrela en oriente,
e viñemos para adorar o Señor.
Aleluia.
Evanxeo Mt 2, 1-12
Viñemos de oriente adorar o rei
Xesús naceu en Belén de Xudea, en tempos do rei Herodes. E nisto uns magos de Oriente chegaron a Xerusalén preguntando:
‑ Onde está o Rei dos xudeus que acaba de nacer? Porque vimos saí-la súa estrela alá no Oriente, e vimos para lle render homenaxe.
Oíndo isto, o rei Herodes alporizouse, e con el toda Xerusalén. Convocou a todos os sacerdotes e letrados do pobo, para lles preguntar onde tiña que nacer o Mesías. Eles responderon:
‑ En Belén de Xudea, que así o deixou escrito o profeta:
E ti Belén, terra de Xudea,
de ningún xeito es a máis pequena,
entre as vilas de Xudea,
que de ti ha saí-lo guía
que será o pastor do meu pobo Israel.
Entón Herodes, ás agachadas, chamou polos magos, para se informar ben de cando lles aparecera a estrela. Logo mandounos a Belén, dicíndolles:
‑ Ide e informádevos ben do que hai dese neno; e unha vez que o atopedes, avisádeme, para ir eu tamén a lle render homenaxe.
Eles, despois de oíren o rei, puxéronse en camiño. E, velaí, a estrela que viran saír no Oriente foinos guiando ata se deter enriba de onde estaba o neno. Grande alegría sentiron ao veren saír de novo a estrela.
E cando entraron na casa atoparon o neno con María, súa nai. Prostráronse e rendéronlle homenaxe; logo, abrindo os seus tesouros, ofrecéronlle como regalo ouro, incenso e mirra. Logo, avisados en soños de que non volvesen por onda Herodes, saíron para a súa terra por outro camiño.
Palabra do Señor R/. Loámoste, Cristo
LECTIO:
https://www.gruposdejesus.com/epifania-do-senor-a-mateu-21-12/
O tres desexos dos Reis Magos
-Mamá, mamá... Ana di que os Reis Magos son os pais, é verdade?
A nai de Alexandro sorrí, dálle un bico e dille:
- Mira Alexandro. Teño que ensinarche algo que gardo neste caixón desde hai 10 anos.
A súa nai saca do caixón un sobre branco. Ábreo e dille a Alexandro:
- Esta carta recibímola en casa o día en que naciches. É unha carta escrita polos Reis Magos e que nos piden que lles fagamos tres favores. Queres que cha lea?
- Si mamá, por favor! Que queren os Reis Magos de vós?
- Pois escoita e saberalo. Así di a carta:
Comentarios
Publicar un comentario