Domingo 3 de Ordinario A
Primeira Lectura Is 8, 23b -- 9, 3
O pobo viu unha gran luz na Galilea dos xentís
Así como nun primeiro momento o Señor humillou o país de Zebulón e o país de Naftalí, así no derradeiro glorificará o camiño do mar, a rexión do Xordán, a bisbarra dos xentís.
O pobo, que camiñaba na escuridade, viu unha gran luz.
Unha luz brillou sobre os que habitaban no país das sombras da Morte.
Multiplicaches o xúbilo, fixeches grande a ledicia.
Alegráronse coa túa presenza, como coa alegría da seitura,
o mesmo que saltarán de xúbilo ao repartiren o botín.
Velaí o xugo da súa carga e o varal do seu ombreiro
‑ o bastón de quen o oprime ‑: rompíchelos coma o día de Madián.
Palabra do Señor
SALMO RESPONSORIAL Sal 26, 1 . 4. 13-14
R/. (1a): O Señor é a miña luz e salvación.
O Señor é a miña luz e salvación,
a quen hei de temer?
O Señor é a protección da miña vida,
diante de quen hei tremer?
Unha cousa lle pido ao Señor,
unha soa eu procuro:
habitar na casa do Señor
todos os días da miña vida,
para gozar da dozura do Señor,
e contemplar o seu templo.
Eu espero gozar da bondade do Señor
na terra da vida.
Espera no Señor, procede coma un valente,
ten corazón forte, espera no Señor.
LECTURA DA 1ª CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS CORINTIOS
Segunda Lectura 1 Cor 1, 10-13. 17
Que vos poñades todos de acordo e que non haxa divisións entre vós
Irmáns:
Polo nome do noso Señor Xesús Cristo rógovos que vos poñades todos de acordo e que non haxa divisións entre vós; ao contrario, axeitádevos todos nun mesmo espírito e nun mesmo pensamento.
Porque, irmáns, cheguei a saber polos de Cloe que hai discordias entre vós. Refírome a que cada un de vós anda a dicir: "eu son de Paulo, eu de Apolo, eu de Cefas, eu de Cristo".
Pero é que Cristo está dividido? É que foi Paulo a quen crucificaron por vós? Ou é Paulo o nome no que vos bautizaron?
A min non me mandou Cristo a bautizar, senón a predicar o Evanxeo; e isto sen habilidades retóricas, para que non quede desvirtuada a eficacia da cruz de Cristo.
Palabra do Señor
ALELUIA Cf. Mt 4, 23
Se non se canta, pódese omitir
Aleluia, aleluia.
Xesús predicaba o Evanxeo do Reino
e curaba todas as enfermidades do pobo.
Aleluia.
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO
Evanxeo Mt 4, 12-23 (longo)
Veuse a Cafarnaúm para que se cumprise o que dixera Isaías
Cando soubo Xesús que encadearan a Xoán, retirouse a Galilea. Deixando Nazaret, foise establecer en Cafarnaúm, na beira do mar, en terras de Zebulón e Naftalí, para que se cumprise o dito polo profeta Isaías:
Terra de Zebulón, terra de Naftalí,
camiño do mar na outra ribeira do Xordán.
Galilea dos pagáns.
O pobo que xacía na escuridade
viu unha gran luz:
Para os que habitaban no escuro país da morte
brillou unha alborada.
E desde aquela empezou Xesús a predicar, dicindo:
‑ Arrepentídevos, que o Reino dos Ceos xa está aí.
Camiñando Xesús pola ribeira do mar de Galilea, viu a dous irmáns: Simón, tamén chamado Pedro, e seu irmán Andrés, que estaban largando a rede no mar, pois eran pescadores. Díxolles:
‑ Vinde comigo e fareivos pescadores de homes.
Eles deixaron de contado as redes, e seguírono.
Máis adiante, atopou outros dous irmáns: Santiago e mais Xoán, fillos de Zebedeo, que estaban co seu pai na barca arranxando as súas redes, e tamén os chamou.
Eles coa mesma deixaron a barca e mais a seu pai e seguírono.
Xesús percorría a Galilea enteira ensinando nas sinagogas e anunciando a Boa Nova do Reino, curando canta doenza padecía o pobo.
Palabra do Señor
Ou máis breve: Mt 12-17
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO
Cando soubo Xesús que encadearan a Xoán, retirouse a Galilea. Deixando Nazaret, foise establecer en Cafarnaúm, na beira do mar, en terras de Zebulón e Naftalí, para que se cumprise o dito polo profeta Isaías:
Terra de Zebulón, terra de Naftalí,
camiño do mar na outra ribeira do Xordán.
Galilea dos pagáns.
O pobo que xacía na escuridade
viu unha gran luz:
Para os que habitaban no escuro país da morte
brillou unha alborada.
E desde aquela empezou Xesús a predicar, dicindo:
‑ Arrepentídevos, que o Reino dos Ceos xa está aí.
Palabra do Señor
Comentarios
Publicar un comentario